Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

23Feb 2017

Asinado o contrato para a execución da segunda fase da marquesiña do Milladoiro

MARQUESINA 2

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou coa representante da empresa Solconor SL o contrato de subministración, montaxe e instalación de elementos prefabricados para a segunda fase da marquesina do Milladoiro. O Concello de Malpica destina a esta actuación 23.415,92 euros, procedentes do Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016). O prazo de execución é de dous meses.

Dentro do PAI 2016 tamén se inclúe o proxecto de mellora da seguridade do alumeado público de Barizo, Mens, Malpica e Vilanova.

23Feb 2017

A Confraría de Pescadores de Malpica organiza varios cursos de formación

A Confraría de Pescadores de Malpica organiza varios cursos de formación nos que conta coa colaboración do Concello. A celebración das accións formativas dependerá do número de persoas interesadas, polo que agora ábrese un prazo de preinscrición, e a matrícula realizarase posteriormente.

A oferta é a seguinte:

  • Curso de patrón local de pesca (25 prazas). Datas e horarios por determinar. É imprescindible ter realizado o curso de mariñeiro-pescador para poder inscribirse.
  • Curso de Sistema Mundial de Socorro e Seguridade Marítimos (GMDSS). Este curso é restrinxido. Hai 12 prazas e celebrarase do 2 ao 12 de maio, de luns a venres.
  • Curso de formación sanitaria específica nivel inicial (16 prazas). Datas e horarios por determinar.
  • Curso de percebeiro (25 prazas). Datas e horarios por determinar.

Agás para o de percebeiro, para participar nestes cursos é preciso estar ou ter estado en activo no Réxime Especial do Mar nalgún momento da vida laboral. Para a solicitude de praza haberá que presentar, ademais, unha fotocopia do DNI. Máis información na Confraría de Pescadores, no teléfono 981720011 ou no correo electrónico cofradia@cofradiamalpica.org.

22Feb 2017

Comezaron as obras de reparación e mantemento do Centro Cívico de Malpica, nas que se investirán 54.414 euros

IMG-20170222-WA0001

Hoxe arrancaron as obras de reparación e mellora do Centro Cívico de Malpica, un proxecto de 54.414 euros financiado con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña, que permitirán eliminar o grave problema de humidades que afecta ao edificio, inaugurado en decembro do ano 2003.

Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Ogando S.L., que dispón dun prazo de dous meses para levalos a cabo. O proxecto consiste na demolición e substitución das ventás da planta baixa e de parte das do primeiro andar, a construción de aleiros nas cubertas e a instalación dunha fachada ventilada con paneis de aluminio na planta baixa.

19Feb 2017

Malpica celebra o mellor Entroido da volta

CARTEL ENTROIDO  17

Co cocido da Asociación Cultural Raigañas entramos oficialmente no tempo de Entroido en Malpica. Serán dúas semanas repletas de actividades organizadas polo Concello en colaboración cunha ducia de entidades: Asociación Cultural Malante, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, Asociación de Redeiras Mar da Illa, Asociación Cultural Carcaxía, A.C.D. San Xulián, A.V. C. S. O Brizo, Asociación Cultural Raigañas, Asociación de Amigos da Mikaela, A. VV. de Leiloio, Asociación de Amas de Casa e pubs de Malpica.

O programa inclúe obradoiros, pasarrúas, concursos de disfraces, festas infantís, animación de rúa, degustacións, bailes e citas tan tradicionais coma o Concurso de Comparsas (domingo 26), Concurso de Doces de Entroido (martes 28), a Mikaela de Buño (sábado 4 de marzo), o percorrido dos Madamitos e Ghuardineros por Cerqueda, e os enterros do Faustino e o Farruco (domingo 5).

Descarga aquí o programa completo: FOLLETO ENTROIDO 2017

15Feb 2017

O alcalde de Malpica tramita na Consellería de Medio Ambiente varios proxectos de saneamento

Reunión BEATRIZ MATO 15 FEBREIRO 2017

Á reunión na consellería asistiron o alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, comprometeuse a estudar a posibilidade de construír unha nova estación depuradora de augas (EDAR) en Beo. Así llo manifestou esta mañá ao alcalde desta localidade, Eduardo Parga, que aproveitou a reunión para presentarlle á conselleira este e outros proxectos para a mellora da rede de saneamento municipal, con especial atención ás zonas rurais do concello.

Nesta liña, o rexedor malpicán, que asistiu acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, tamén solicitou a colaboración da Consellería de Medio Ambiente para acometer a recuperación e mantemento da canalización do río Vigo, cuxa viabilidade valorarán os técnicos de Augas de Galicia.

Pola súa banda, Beatriz Mato lembrou ao alcalde de Malpica que o acceso aos servizos básicos de abastecemento e saneamento no rural é unha das prioridades do seu departamento. Así, reiteroulle o esforzo da Administración autonómica na dotación de infraestruturas hidráulicas que supoñan unha mellora da calidade de vida dos veciños.

7Feb 2017

A Deputación da Coruña organiza cursos de socorrismo acuático dentro do Plan de Emprego Local

O Concello de Malpica dispón de cinco prazas, e a data límite de inscrición é o luns 13

No marco do Plan de Emprego Local, a Deputación da Coruña impartirá os certificados de profesionalidade en socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas. A primeira acción formativa consta de 420 horas (340 teóricas e 80 prácticas), e a segunda será de 370 horas (290 teóricas e 80 prácticas).

O curso celebrarase no Centro de Formación de Cruz Vermella na Coruña e na Casa da Auga, e as prácticas profesionais non laborais desenvolveranse en praias de distintos concellos. O 6 de marzo comezará a preparación dos/as participantes no curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais, mentres que o de instalacións acuáticas terá lugar despois da tempada de praias, probablemente en outubro.

O Concello de Malpica dispón de cinco prazas. As persoas interesadas poden inscribirse ata o luns 13, ás 14.00 horas, poñéndose en contacto co axente de Emprego e Desenvolvemento Local a través do número de teléfono 981 711303 ou do correo electrónico joseramon.andrade@malpicadebergantinos.es.

Nos documentos adxuntos figura toda a información relativa ao proceso de inscrición e á selección das persoas participantes, así coma o calendario previsto para as dúas accións formativas.

CALENDARIO PROBAS FÍSICAS

CRITERIOS SELECCION

DOCUMENTACIÓN

FORMULARIO INSCRICION

4Feb 2017

Abre o prazo de inscrición para o Concurso de Doces de Entroido organizado pola Concellería de Cultura

A Concellería de Cultura abrirá mañá o prazo de inscrición para o Concurso de Doces de Entroido, que cumpre 16 anos. As persoas interesadas en participar poden anotarse ata o 27 de febreiro ás 15.00 horas, ou ben no Departamento de Educación e Cultura (Centro Cívico) ou ben en calquera das entidades colaboradoras, que son a Asociación de Redeiras Mar da Illa, a ANPA Ventorrillo e a Asociación de Amas de Casa de Malpica.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

As bases establecen tres categorías: profesional, para locais de hostalería e restauración; amateur, para particulares e asociacións, e infantil, para menores de 14 anos. En cada unha delas entregaranse tres premios e trofeos, pero todos os participantes recibirán un detalle conmemorativo. Cada participante poderá presentar todas as especialidades que desexe, pero a cantidade mínima de cada unha será dunha ducia, no caso de unidades, ou medio kilo. Os doces serán cedidos para a degustación posterior ao concurso, que se celebrará o martes 28, no pavillón polideportivo de Malpica, a partir das 15.30 horas. O xurado estará composto por representantes do Concello, entidades colaboradoras e/ou medios de comunicación, e terá en conta tanto a presentación coma o sabor.

1Feb 2017

O Concello colabora co IES Urbano Lugrís na posta en marcha dun punto limpo no centro educativo

O alumnado do IES Urbano Lugrís vai un paso máis alá no seu proxecto educativo coa posta en marcha dun punto limpo que permitirá que os rapaces e rapazas apliquen dun xeito moi práctico os coñecementos adquiridos na aula. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, acudiron ao centro para colaborar co proxecto facendo entrega de colectores de residuos orgánicos, envases e papel/cartón. Grazas á colaboración do Concello de Malpica, Sogama achegou os primeiros recipientes para a construción do punto limpo, que neste momento xa conta tamén con colectores específicos para fluorescentes, tóner e pilas. “Se funciona ben, a idea é seguir ampliándoo no futuro, por exemplo con recollida de aceite usado”, explica Xacobo de Toro, profesor de Bioloxía e responsable do proxecto. Unha das materias que teñen que aprender os alumnos e alumnas na súa clase está relacionada cos 3R (reducir, reciclar, reutilizar), e Xacobo de Toro está convencido de que “para interiorizalo o mellor é que o fagan”.

urbano lugris

Polo momento, os alumnos e alumnas de 4º de ESO están recibindo a formación necesaria para que sexan eles mesmos os encargados de mentalizar aos máis pequenos. O punto limpo está aberto a todo o alumnado e profesorado, e non só para que depositen os residuos xerados no propio instituto, senón tamén para que poidan traer das súas casas aqueles residuos para os que non teñen colectores específicos no lugar onde viven. O Concello de Malpica colaborará tamén coa retirada dos colectores cando estean cheos.

29Xan 2017

O Concello envía exemplares de “Os bolechas van á Mostra da Olería de Buño” a 26 colexios e 7 bibliotecas da comarca

web5

Sete bibliotecas e 26 centros escolares da comarca de Bergantiños están a recibir estes días exemplares de “Os bolechas van á Mostra da Olería de Buño”, un agasallo da Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que dirixe Noelia Freijeiro Novo, para que os nenos e nenas de toda a comarca poidan desfrutar coas aventuras dos populares personaxes no noso concello.

A publicación, que foi presentada o pasado mes de agosto coincidindo coa visita dos bolechas corpóreos a Buño, fai un percorrido pola nosa tradición artesá e por algúns dos principais atractivos turísticos do municipio de Malpica da man de Carmiña, unha pequena oleira que se converte en protagonista e fío condutor da historia.

27Xan 2017

A travesía da Camuza xa está en obras

A CAMUZA 2

A travesía da Camuza xa está en obras. O proxecto, executado pola empresa López Cao, permitirá seguir mellorando os servizos, a circulación e a seguridade viaria nesa zona tan transitada, como destacaron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, durante a visita que realizaron ás obras. O investimento acada os 43.681 euros, que son financiados con cargo ao POS 2016.

Dentro deste mesmo plan tamén están en execución as obras de conservación e mantemento do firme en Escras (Cambre) e Mens-Oratorio-Badarra (Mens). Os traballos contan cun orzamento de 38.998,30 euros e son executados pola empresa Construcciones López Cao. O POS 2016 permite acometer proxectos de mellora da rede viaria por preto de 110.000 euros.

Página 81 de 148« Primera...102030...7980818283...90100110...Última »