O Concello de Malpica organiza este sábado, 12 de abril, un Obradoiro de Defensa Persoal para Mulleres co obxectivo de ofrecer ferramentas básicas de autoprotección nun ambiente seguro e participativo. A actividade desenvolverase na Casa do Oleiro de Buño, en horario de 9:30 a 17:00 horas, e contará cun descanso de 40 minutos acompañado dun pequeno aperitivo.
O taller, de carácter gratuíto, está aberto a mulleres de todas as idades interesadas en adquirir nocións prácticas para mellorar a súa seguridade persoal e reforzar a confianza en situacións de risco.
As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao número de teléfono 981 720 280 ou dirixíndose directamente ao Departamento de Servizos Sociais do Concello.
Esta iniciativa enmárcase nas políticas de igualdade impulsadas polo Concello de Malpica e conta co apoio da Xunta de Galicia e da área de Malpica Igualdade.
O Concello de Malpica de Bergantiños celebrará o próximo 3 de maio de 2025 a III Xuntanza de Maiores, unha cita xa consolidada no calendario local que reunirá ás persoas maiores do municipio nun ambiente de festa, convivencia e música en directo.
O encontro terá lugar no campo da festa de Seaia a partir das 13:00 horas, e contará coa actuación musical do Trío Rosel, que amenizará unha xornada pensada para o desfrute dos asistentes.
O menú, cun prezo de 20 euros por persoa, incluirá pratos típicos da gastronomía galega como empanada, polbo á feira e carne asada, ademais de bebidas, sobremesa e café.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición entre o 21 e o 30 de abril, ou ata completar o aforo, no Departamento de Cultura do Centro Cívico de Malpica. As prazas son limitas por rigurosa orde de inscrición.
O vindeiro 22 de marzo celebrarase a 5ª Foliada de Carcaxía, un evento xa consolidado no calendario festivo da comarca. Ademais de promover a cultura e a tradición a través da música e do baile, este ano a organización dá un paso máis incorporando o uso de vasos reutilizables, reducindo así a xeración de residuos plásticos.
Desde o Concello e a Concellería de Medio Ambiente, queremos expresar o noso agradecemento por esta acción, que contribúe a facer das festas un espazo máis sostible. Así mesmo, animamos a outras asociacións a adoptar medidas similares que permitan reducir o impacto ambiental dos eventos populares.
A 5ª Foliada de Carcaxía promete ser unha cita inesquecible, cun ambiente cheo de música, baile e agora tamén compromiso co medio ambiente. Agardamos a participación de toda a veciñanza para festexar dunha maneira responsable e sostible.
O alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e o concelleiro de Seguridade, Rodrigo Mato, estiveron hoxe cos membros de Protección Civil do municipio na recollida do novo material de sinalización proporcionado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que dirixe Diego Calvo.
Este material permitirá mellorar a seguridade viaria e a xestión das emerxencias no concello, reforzando o equipamento dos servizos de Protección Civil. Desde o Concello de Malpica, agradécese o apoio da Xunta de Galicia e o compromiso dos voluntarios de Protección Civil, cuxo labor resulta fundamental para a protección da veciñanza.
O Concello de Malpica reafirma o seu compromiso coa natureza e o patrimonio cultural ao participar na 16ª edición da Primavera en Ruta, organizada por Senda Nova. Este ano, o evento celébrase baixo o lema “XUNTAS”, en homenaxe á colaboración entre entidades, asociacións e administracións locais que fan posible esta iniciativa dende hai 16 anos.
A presentación da nova edición tivo lugar no Espazo da Natureza de Oza, nun acto especial onde a rapazada da Escola Ambiental foi protagonista, convertendo a xornada nun evento de portas abertas para difundir as actividades que realizan.
Malpica únese a outros concellos colaboradores, como Carballo e A Laracha, facilitando puntos de inscrición e saídas para as rutas programadas. A iniciativa conta tamén co apoio de diversas asociacións e colectivos, tanto galegos como asturianos, consolidando así unha rede de participación activa no coñecemento e posta en valor do territorio.
Como novidade, este ano todas as rutas terán saída de bus desde o noso concello, con paradas en Malpica e Leiloio, facilitando así a participación da veciñanza.
A partir de agora, todas as persoas interesadas poderán inscribirse directamente no Concello de Malpica para participar nas diferentes andainas da Primavera en Ruta, que se desenvolverán entre marzo e maio:
Rutas da 16ª Primavera en Ruta
Ruta 1: O Son do Anllóns (Carballo, Coristanco) O río de Bergantiños Data: 23 de marzo Distancia: 16 km | Dificultade: Baixa Coa participación do Grupo Naturalista Mavea (Asturies)
Ruta 2: Camiños de Aldemunde (Cerceda, Carballo, Tordoia) O bosque na encrucillada Data: 30 de marzo Distancia: 7 km | Dificultade: Baixa Coa participación da Asociación Veciños polo Rural (Cerceda) e A. de Veciños de Aldemunde de Arriba
Ruta 3: Costa Agreste de Cerqueda e Cambre (Malpica de Bergantiños) Paisaxe malpicá Data: 6 de abril Distancia: 15 km | Dificultade: Media-baixa Coa participación da Plataforma Salvemos Peñamayor (Asturies)
Ruta 4: Ruta das Mámoas (Cabana de Bergantiños) Segredos megalíticos Data: 13 de abril Distancia: 14 km | Dificultade: Baixa
Ruta 5: Coristanco Histórico (Coristanco) Patrimonio conxunto Data: 27 de abril Distancia: 16 km | Dificultade: Media Coa participación da Asociación Lourido (Coristanco)
Ruta 6: Camiños de Caión (A Laracha, Carballo) Miradoiros do Atlántico Data: 11 de maio Distancia: 14 km | Dificultade: Baixa Coa participación do Concello de Guitiriz dentro do seu programa “Guitiriz en Ruta 2025”
Ruta 7: Terras Altas de Soneira (Zas) Zas en estado puro Data: 18 de maio Distancia: 16 km | Dificultade: Media-baixa
Ruta 8: Forza do Río Chonia (Trazo) Recunchos de Trazo Data: 25 de maio Distancia: 16 km | Dificultade: Baixa
Para máis información e inscricións, poden achegarse ás oficinas municipais do Concello de Malpica ou consultar as súas canles oficiais.
O Concello de Malpica pon en marcha unha nova campaña de trampeo da avespa velutina no marco do Programa Galego de Vixilancia e Control desta especie invasora. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Medioambiente, busca implicar á veciñanza na loita contra esta praga que afecta á biodiversidade e á apicultura local.
Dende este martes, 12 de marzo, as persoas interesadas poden inscribirse nas oficinas xerais do Concello.
Así mesmo, lémbrase que para solicitar a retirada de niños de velutina é necesario chamar ao teléfono 012.
O Concello de Malpica ven de presentar o cartel e a programación, baixo o lema “Mulleres tocando con forza“, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O programa de eventos comezará o venres 7 de marzo coa presentación dun vídeo homenaxe ás 18:00 horas no o Fogar do Pensionista San Adrián do Mar, situado na Casa do Pescador.
O sábado 8 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas, instalarase o stand AGRESIÓN OFF na Praza Villar Amigo, un espazo destinado á concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero. Ás 12:00 horas, no mesmo emprazamento, terá lugar a lectura do manifesto institucional.
A Deputación Provincial da Coruña subvencionou a campaña de Promoción do Mercado Municipal de Malpica e a Campaña de Mercanadal 2024. Dende o concello queremos agradecer á Deputación Provincial o apoio a estas iniciativas aprol do comercio local de Malpica de Bergantiños”
O Concello de Malpica de Bergantiños participará este domingo 23 de febreiro na celebración do Día de Rosalía de Castro, unha iniciativa promovida pola Fundación Rosalía de Castro para honrar a figura da escritora galega.
No marco desta conmemoración, os establecementos hostaleiros do municipio que desexen sumarse poderán inscribirse ata o xoves 20 de febreiro ás 14:00 horas, chamando ao 981 707 104 ou enviando un correo electrónico a anton.noceda@malpicadebergantinos.es.
Os locais participantes servirán como tapa especial o tradicional “caldo de gloria” na hora dos viños do mediodía do domingo. Ademais, o Concello organizará un pasarrúas de cantareiras que percorrerá os establecementos inscritos, amenizando a xornada cunha homenaxe musical á autora. Tamén se distribuirán salvamanteis cos versos do poema Miña casiña, meu lar, no que Rosalía describe a receita deste prato tradicional galego.
A iniciativa busca combinar gastronomía e cultura para poñer en valor o legado da escritora e promover a súa figura entre veciñanza e visitantes.
A charla abordou os beneficios do exercicio para a saúde, con experiencias de veciños que melloraron a súa calidade de vida
Onte, 31 de xaneiro, o Auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu unha charla sobre a actividade física e a saúde. O evento foi organizado polo Concello de Malpica.
Os temas tratados incluíron a osteoporose, hipertensión, diabetes, obesidade, colesterol, cardiopatías, fibromialxia, menopausa e cancro. Os poñentes foron Alejandro Mato Rey, graduado en Ciencias da Actividade Física, e Elena Facal Cean, graduada en Fisioterapia.
Ambos presentaron evidencias sobre os beneficios do exercicio. O público, moi entregado, participou activamente e formulou preguntas.
Os veciños Manu e Fernando compartiron as súas experiencias compartindo como a súa calidade de vida mellorou desde que asisten ao ximnasio municipal.
O acto foi moderado por María Bardanca, Técnica Deportiva do Concello. Contou coa presenza do alcalde Eduardo Parga e da concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro que entregaron un obsequio aos poñentes ao finalizar a charla.
Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario - Ocultar detalles
• Social media Facebook, Twitter e outras Redes Sociais precisan utilizar cookies para recoñecerte.
• Analytics Os datos recollidos polas cookies de Google Analytics son anónimos e só se usan para valorar a experiencia do usuario no nosa web.
• Anuncios Este sitio pode albergar publicidade propia, de afiliados, ou de redes publicitarias.
• Cookies propias Este sitio utiliza cookies propias para facilitar o acceso e mellorar a navegación e experiencia ao usuario Aviso Legal ACEPTOLeer más