Novas
Buño celebrará o ‘Enterro da Mikaela’ o vindeiro 29 de febreiro
Buño celebrará o ‘Enterro da Mikaela’ o vindeiro 29 de febreiro. Os festexos arrincarán ás 13:00 horas coa sesión vermú, e extenderanse ata a noitiña coa ‘Queima da Mikaela’ e a verbena coa orquesta Compsotela e a actuación en vivo de varios DJ’s.
A saída da comitiva desta festa terá lugar ás 16:30 horas en Canta la Rana, e a misa celebrarase no Cruce de Xornes ás 18:00 horas. Faranse paradas tamén na igrexa de Buño e no cruce de Leiloio.
Esta festividade xa conta cunha longa traxectoria, sendo este particular Vía Crucis un dos máis concorridos de toda a Costa da Morte. Data de hai máis de 100 anos, e aínda que antigamente non se realizaba o percorrido polos bares, esa tradición ahora mantense.
Naceu como unha festa de Entroido normal, coa presenza dos ‘mecos’, que rematou derivando na Mikaela que coñecemos actualmente. Cabe destacar que tamén se celebrará a Mikaeliña, para a rapazada de Malpica, en colaboración coas asociacións de nais e pais, o venres 21 de febreiro. O propio día da Mikaela, o 29 de febreiro, tamén terán unha festa con chocolatada.
Alberto Añón, que forma parte da organización desta festa, destaca que “agardamos unha presencia similar á do ano pasado, na que contabilizabamos máis de 5.000 personas. Hai servizo de buses tamén desde A Coruña e Cee”, destaca Añón.
Servizo de bus
Nesta edición contarase cun servizo de autobús con ida e volta para acudir á festa. Poderase reservar praza no enderezo web www.somosfesta.com por 12 euros.
O Concello de Malpica organizará por vez primeira coloquios para os escolares e as familias de todo o municipio
O Concello de Malpica organizará a I edición ‘Fórmate en Positivo’, unha serie de faladoiros abertos para toda a sociedade, pero que están enfocados tanto aos escolares de todos os centros da vila malpicá como das familias.
A temática será diversa, e vai desde a educación sexual ata os primeiros auxilios, pasando pola igualdade ou as adicións. Comezarán o vindeiro luns, 10 de febreiro, de 18:30 a 20:00 horas no centro cívico de Malpica. Será impartida por membros da asociación Quérote +.
Este é un proxecto que xorde da necesidade de crear un espazo de aprendizaxe onde intercambiar experiencias e reflexións colectivas en prol dunha mellora da nosa sociedade mediante a abordaxe de temas que na actualidade espertan gran interese, e tamén preocupación.
Logo do primeiro faladoiro, celebraranse outros. Concretamente o 27 de febreiro, de 11:00 a 12:30 horas (disciplina positiva), o 12 de marzo, de 17:00 a 18:30 horas (igualdade), o 26 de marzo, de 17:00 a 18:00 horas (primeiros auxilios), o luns 20 de abril, de 11:00 a 12:00 horas (adicións), e o venres 15 de maio, que servirá de clausura, facéndoo coincidir co Día Internacional das familias. Todos serán no centro cívico.
Nesta iniciativa, impulsada polo Concello de Malpica desde a concellaría de Educación, colaborarán todos os centros da vila, así como as asociacións de pais e nais: IES Urbano Lugrís, CEIP Milladoiro, CEIP Joaquín Rodríguez Otero, CRA Nosa Señora do Faro, ANPA Orxeira, ANPA Ventorrillo e ANPA Xaviña.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, sinala que “hai que impulsar programas dinamizadores, pero tamén que sensibilicen ás nosas xeracións máis novas. Temos o deber de ser quen ilumine este camiño da vida, tan agreste ás veces”, sinala o alcalde.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, María Álvarez, destaca que “é a primeira vez que se organiza en Malpica un compendio de faladoiros como este, e agardamos que teña unha boa acollida para poder sentar as bases dun proxecto a longo prazo. Parécenos moi interesante, así como necesario, que tanto as familias como os rapaces e rapazas teñan acceso a toda a información que poidamos ofrecerlles. Contaremos ademais con profesionais cualificadas, persoas que pertencen á asociación Quérote +, Visibles ou Adela Royano, e ninguén mellor que elas para falarlles da vida”, apuntaba a edil.
Malpica xa comeza a traballar en actividades relativas ao 8 de marzo
O Concello de Malpica xa comezou a traballar na programación do 8M con obradoiros sobre olaría. Celebraranse os sábados 8 e 15 de febreiro a partir das 16:00 horas na Casa do Oleiro.
Neste participarán de xeito desinteresado algunhas das persoas expertas en olaría de Buño, así como o Concello, no departamento de Igualdade e a asociación Visibles.
Comeza así a conta atrás para unha das xornadas reivindicativas en clave feminista, como o é o 8 de marzo. Este día naceu en 1914 en Alemaña, Suíza, Austria ou Dinamarca como reivindicación á situación armamentística que sofría Europa. A ONU institucionalizouno en 1975.
Con esta serie de obradoiros comeza a conta atrás para a celebración do Día Internacional da Muller. Ademais, faise cun elemento vertebrador fundamental para a sociedade malpicá: a olaría de Buño.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, quere destacar que “a igualdade é un piar básico da sociedade, e impulsamos actividades con esta lectura. É fundamental traballar neste senso para concienciar á xente”, sinala Pardo.
A concelleira de Igualdade e Olaría, Leticia Varela, quere destacar que “esta andaina que comezamos con esta serie de obradoiros é especial, xa que o símbolo vehicular da mesma é a olaría, e todas sabemos o importante que é para nós. Quero agradecer a todas as persoas da olaría que participaron de xeito desinteresado nestes obradoiros, así como á asociación Visibles, que xa teñen colaborado connosco nalgún proxecto”, destacaba Varela.
Para as persoas interesadas en participar, poden poñerse en contacto a través das redes sociais do Concello de Malpica, nos enderezos electrónicos educacionecultura@gmail.com e oleriadebuno@gmail.com ou no teléfono de Cultura, o 981 707 104.
Día Contra o Cancro
Nova vida para o Fogar do Pensionista
Falamos con Xurxo Alfeirán, secretario da nova directiva do Fogar do Pensionista de Malpica. Comentounos que, entre os proxectos que teñen en mente, revitalizarán a vida deste espazo tan importante para a veciñanza.
Tanto él como o seu equipo teñen pensado o Fogar do Pensionista como un lugar que sirva non só para xogar ás cartas, ao dominó ou establecer tertulia do noso día a día. Tamén para acoller exposición itinerantes protagonizadas por xente de Malpica.
Organizarán tamén faladoiros, e nunha primeira actividade contaremos coa presenza de persoas sirias, chegadas ao noso país pola situación militar do seu. Explicarán as súas condicións de vida e despexarán dúbidas sobre a emigración e estereotipos que os atacan como pobo.
Proxectaranse filmes sobre o pasado de Malpica e a veciñanza poderá participar nos coloquios que se teñen pensados, ilustrados con fotos do pasado da nosa vila. Continuarase coas milongas, festas gastronómicas nas que a veciñanza poderá aportar o que sexa previsto e estase pensando organizar excursións.
Estade pendentes das redes, porque desde o Fogar do Pensionista teñen moito que ofrecervos! Sempre con vós, a veciñanza, como protagonistas.
O alcalde de Malpica reúnese con Beatriz Sestayo, xerente de SEA, para darlle un novo pulo ao parque empresarial da vila malpicá
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, reuniuse esta mañá con Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) para trasladarlle as ideas do novo goberno local para impulsar un cambio na vida do parque empresarial de Malpica.
O principal obxectivo desta reunión non é outro que trasladar a SEA por parte do Concello de Malpica as ideas que axuden a impulsar a actividade empresarial no polígono, cuxas accións se basearían en novos plans que incrementen as posibilidades de incorporación ao mercado industrial de novas empresas, así como dotar de facilidades ao empresariado xa asentado na zona.
Hai once anos que remataron as obras de construción do polígono malpicán, cun orzamento que rondaba os 1,5 millóns de euros por aquel entonces. SEA impulsou o primeiro proxecto de asentamento de empresas o pasado ano, con seis parcelas baixo réxime de dereito de superficie, que permite ás empresas comezar a actividade industrial sin necesidade de adquirir no chan industrial.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, indicou que “un dos nosos principais proxectos para mellorar a nosa vila pasa por darlle un pulo ao parque empresarial de Malpica, xa que ademais de reactivar o sector comercial axudaría a incrementar a poboación, e que viría a reafirmar o que levamos dicindo desde que entramos no goberno: Malpica é un lugar para vivir”, destacaba Pardo.
Pola súa banda, Sestayo amosou a súa “satisfacción pola enorme implicación do alcalde no desenrolo industrial e empresarial do seu Concello, que compartimos na SEA, nunha reunión que serve para avanzar no planteamento de novas opcións para o plan de comercialización de 2020 que fagan máis atractivo o asentamento de empresas no concello”, apuntou a xerente de SEA.
O Concello de Malpica expande as fronteiras da olaría de Buño na Feira Internacional do Turismo de Madrid
O Concello de Malpica levou a FITUR, a Feira Internacional do Turismo en Madrid, a súa olaría.
A concelleira de Cultura e Olaría, Leticia Varela, puido intercambiar impresións coas persoas integrantes da Asociación Española das Cidades da Cerámica, entre os que estaban Xavier Morant, vicepresidente da asociación, e María Jesús Pérez, concelleira de Artesanía de Talavera de la Reina e presidenta da mesma.
O obxectivo destes encontros non foi outro que o intercambio de ideas, así como amosar a posta en valor que en Buño se fai coa olaría, onde está proxectado que se celebre unha das próximas asembleas nacionais da Asociación Española das Cidades da Cerámica. Está proxectado, á súa vez, que o vindeiro ano se presente conxuntamente o proxecto das cidades oleiras en FITUR.
Outro dos temas centrais foi a sustentabilidade, eixo sobre o que se moverá, ou polo de agora así apunta, a artesanía a nivel xeral e a olaría a nivel particular nos vindeiros anos. A concelleira de Olaría de Malpica, Leticia Varela, quixo salientar “o enriquecedor que é para nós participar en FITUR, un dos eventos máis importantes a nivel mundial, que serven non só para expandir a nosa cultura, senón para ampliar coñecementos e importar tamén novas ideas para aplicar, e aumentar en maior grao, si cabe, o coidado e o tratamento aplicado ao noso”, dicía a edil malpicá.
O Concello de Malpica asina un convenio colaborativo coa Deputación Provincial da Coruña para a xestión integral do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño
O Concello de Malpica asinou un convenio para a xestión integral do Ecomuseo do Forno de Forte de Buño coa Deputación Provincial da Coruña. O alcalde, Walter Pardo, e a concelleira de Olaría, Leticia Varela, acudiron ao edificio provincial para asinar o acordo co presidente, Valentín González.
O Concello de Malpica comprométese pois, deste xeito, a manter en perfectas condicións o inmoble, facilitar a visita do conxunto etnográfico e dos elementos museísticos e doutras exposicións que albergue o mesmo, dinamizar o centro dentro das actividades do propio museo, en especial a alfarería de Buño, complar o patrimonio etnográfico da zona, fomentar o estudo e investigación sempre colaborando coas agrupacións oleiras e culturais da zona, eloaborar e difundir métodos didácticos e informativos relacionados coa cultura popular, de xeito especial dentro da olaría e establecer sistemas de relación con outros centros e ecomuseos de actividades oleiras.
A Deputación Provincial investirá un total de 70.000 euros para a anualidade de 2020. O alcalde de Malpica, Walter Pardo, manifestou “a nosa satisfacción por acadar este acordo, xa que a olaría para nós é moi importante, un dos piares sobre os que se sustenta Malpica”, destaca o rexedor.
Pola súa banda, a concelleira de Olaría, Leticia Varela, quixo “agradecer tanto á Deputación Provincial en xeral como a Xosé Lois Penas de xeito particular a súa colaboración con nós. É importantísimo preservar a alfarería e olaría non só como elemento vertebrador da cultura malpicá, senón galega”, sinalaba a edil.
O alcalde de Malpica reúnese na Coruña co xefe territorial de Mobilidade para demandar o aumento de seguridade viaria en Malpica
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, reuniuse esta mañá con José Antonio Álvarez, xefe territorial de Mobilidade e Infraestruturas da Xunta de Galicia, para plantexar a posibilidade de realizar unha serie de intervencións na vila malpicá, co obxectivo de aumentar a seguridade viaria no municipio.
O rexedor, Walter Pardo, e o edil de Obras, José Ángel Garrido, transmitiron as inquedanzas por varios temas ao longo de toda a contorna municipal. En primeiro termo, falouse das necesidades de aumentar a sinalización na recta de Filgueira, así como a instalación de elementos que poidan garantir a seguridade dos viandantes.
Un segundo punto que se tratou na reunión foi o da rotonda de Buño, lugar que a veciñanza emprega para acudir, por exemplo, ao Centro Médico. Polo tanto, deberiase contar con elementos que garantan a seguridade tanto de peóns como de condutores.
Outro tema fundamental que se tratou nesta reunión foi o relativo aos centros educativos de Buño e do Milladoiro. Os membros do goberno local de Malpica trasladáronlle a José Antonio Álvarez a súa preocupación polo estado actual das infraestruturas de seguridade, ao que o xefe territorial se comprometeu a estudar un proxecto, co obxectivo de protexer ao alumnado.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, amosou a súa “satisfacción pola comprensión expresada polo xefe territorial, que entendeu a urxencia de incrementar a seguridade nos puntos que lle propuxemos. Comprometeuse a estudar a viabilidade da instalación de varios pasos de peóns iluminados, e recibimos esta nova moi satisfeitos”, sentenciaba Pardo.


