Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

13Set 2018

O luns arrancará o curso para coidadores de persoas con alzhéimer con todas as prazas ocupadas

CARTEL DÍA MUNDIAL 2018 - FINAL

Malpica será o punto de inicio da Semana do Alzhéimer, organizada pola asociación Afaber. En colaboración coa Concellería de Servizos Sociais, ás 10.30 horas arrancará un curso para coidadores de doentes que se prolongará ata o día 25. Segundo confirmou a concelleira, Marisol Blanco Gorín, a iniciativa tivo unha excelente acollida, e, de feito, xa non quedan prazas.

Coidándose para coidar mellor é o título desta nova acción formativa, que pretende proporcionar a coidadores/as e familiares a asistencia psicoterapéutica necesaria para o correcto desempeño das súas funcións. Recursos emocionais, saber pedir axuda, atender as súas propias necesidades e prestar os coidados necesarios sen comprometer a súa saúde son algunhas das materias que se abordarán durante o curso.

Ademais da inauguración desta actividade, Afaber tamén instalará o luns, de 10.30 a 12.30 horas, unha mesa informativa no centro de saúde de Malpica, ata onde se achegarán o alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Marisol Blanco e Miguel Fernández. Durante dúas horas ofrecerase información sobre o alzhéimer e sobre as actividades que desenvolve Afaber a todas as persoas interesadas que se acheguen ata o edificio.

12Set 2018

O sábado 22 disputarase o II Torneo de xadrez Concello de Malpica – I Memorial Ángel Rubio

II Torneo Concello Malpica

O pavillón municipal será a sede do II Torneo de xadrez Concello de Malpica – I Memorial Ángel Rubio, valedeiro para o III Circuíto Intercomarcal de Xadrez. A competición, organizada polo Club Xadrez Arteixo co patrocinio do Concello de Malpica, será o día 22 deste mes, e as inscricións poden realizarse ata o 21 enviando un correo electrónico a pokeryajedrez@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 617 234 393. A cota para a categoría xeral é de 7 euros; sub-14 e locais terán un prezo reducido de 4 euros e para GM-MI será de balde.

Estas son as características do torneo:

  • Sistema de xogo: suízo a 7-8 rondas, dependendo do número de xogadores.
  • Ritmo de xogo: 10´+3”
  • Horario de xogo: presentación 15:45, 1ª rolda 16:00, clausura 21:00
  • Emparellamentos: realizaranse mediante programa informático, non se admitirán reclamacións agás erros na introdución de resultados antes da seguinte rolda.
  • Participantes: todos os xogadores deben estar federados. O torneo será válido para ELO FIDE de xadrez rápido.
  • Desempates: resultado particular, bucholz -1, bucholz total e APRO.
  • Tempo de espera: ata a caída da bandeira. Un xogador que non compareza a partida sen causa xustificada será eliminado do torneo.
  • Premios: 800€ en total. A maiores, sorteo dun cheque regalo de Gadis por valor de 20€ ou cesta de Frutas Fondo entre os non premiados. Os premios non son acumulables e repartiranse por rigorosa orde de clasificación; no caso de optar a dous levarase o de maior contía e se son iguais seguirase a orde xeral do circuíto.
  • Regras de xogo: Aplicarase o especificado no apéndice A4 das leis de xadrez da FIDE para xadrez rápido (partidas sen supervisión axeitada). Para o non especificado nestas bases aplicarase o regulamento da FIDE.
11Set 2018

A Xunta aumenta en case o 30% as horas dispoñibles do Concello de Malpica para a atención no domicilio de persoas dependentes

11092018 reunion_servizos_sociais

A Xunta de Galicia incrementou o presente ano en case un 30% as horas habilitadas para a atención a domicilio de persoas dependentes do municipio de Malpica de Bergantiños. Así, o novo reforzo desta prestación levado a cabo o pasado mes de agosto pola Administración autonómica eleva por riba das 42.500 horas anuais que ten dispoñibles este concello coruñés para ampliar a cobertura do Servizo de Atención no Fogar (SAF-Depedencia), o que supón un incremento de case o 90% no trienio comprendido entre os exercicios de 2015 e o actual de 2018.

A atención ás persoas maiores foi un dos asuntos abordados na xuntanza de traballo que o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo co alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín. Esta reunión enmárcase no diálogo permanente que este titular do Goberno galego mantén cos responsables das corporacións municipais co obxectivo de avanzar no desenvolvemento das mellores políticas sociais de proximidade mediante o fortalecemento da coordinación e colaboración entre administracións.

Así mesmo, abordaron o inicio do curso escolar na escola infantil de 0 a 3 anos da Galiña Azul coa que conta a vila. Un centro de 42 prazas distribuídas en tres unidades que este curso practicamente cubriu a totalidade das solicitudes de admisión que recibiu, quedando soamente catro en lista de agarda provisional. Ao respecto, o titular de Política Social lembrou que as familias que así o teñan pedido se poderán acoller ao programa Bono Concilia e recibir unha axuda de entre os 45 e os 250 euros mensuais, a contía varia en función da renda da unidade familiar, para contribuír ao pago de praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración

Por último, Rey Varela e o rexedor de Malpica amosaron a súa disposición a continuar neste camiño de colaboración e coordinación entre institucións na procura de contar coas mellores políticas sociais e prestar uns servizos de calidade.

6Set 2018

O obradoiro Pintar na Rúa 2018 rendeu homenaxe aos nosos sectores produtivos

IMG_0267

A pesca, o traballo das redeiras e a olería son os principais protagonistas do novo mural que enche de cor a parede do parque infantil de Malpica. O traballo realizado por preto de 40 nenos e nenas ao longo do mes de agosto, dirixidos pola artista carballesa Emi de las Heras, está rematado e á vista de todas as persoas que se acheguen ata a rúa Patria Galega, como fixeron o alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán.

A quinta edición de Pintar na Rúa, un proxecto que ten coma finalidade o tratamento artístico de espazos degradados en décadas pasadas, continúa transformando a nosa vila e implicando aos nenos e nenas nese proceso de transformación.

Nas edicións anteriores, os/as participantes pintaron nos muros exteriores do Centro Cívico, no paseo marítimo e no parque infantil, aínda que o último mural foi vítima do vandalismo e por iso este verán volveu a escollerse o mesmo lugar. Artistas coma Paula Fraile, Roberta Venanzi, Laura Tova, e este ano Emi de las Heras, teñen deixado as súas pegadas na nosa vila.

6Set 2018

Unha masterclass de zumba completa a oferta lúdico-deportiva arredor da III Carreira Pedestre Concello de Malpica

O sábado non só teremos a 173 corredores/as participando na III Carreira Pedestre Concello de Malpica, senón que tamén recibiremos a todas as persoas que queiran participar na masterclass de zumba que celebraremos antes da proba. De 16.30 a 17.30 teremos sobre o palco da praza de Anselmo Villar Amigo a dúas auténticas expertas, Saray Gómez e Juana Garrochena, para marcar o ritmo antes da carreira.

A masterclass é gratuíta e está aberta a todas as idades, ao igual que o estiveron as sesións de zumba que celebramos durante todo o mes de agosto, os martes e os xoves, no paseo da praia. Nesta ocasión cambiamos de escenario, pero seguimos ofrecendo a todas/os as/os afeccionadas/os a oportunidade de participar.

MASTERCLASS ZUMBA

Ás 18.00 horas darase a saída da 10K, na que participarán 105 dos/as corredores/as inscritos/as na III Carreira Pedestre Concello de Malpica. Pero ademais do percorrido de 10 quilómetros para os nacidos no ano 2002 e anteriores, haberá outros adaptados a cada categoría: 3.200 metros para infantil (2005-2006) e cadete (2003-2004), 1.400 metros para alevín (2007-2008), 700 metros para benxamín (2009-2012) e 100 metros para biberóns (nacidos no 2013 e posteriores). Os/as participantes poderán recoller os dorsais e chips no pavillón polideportivo o mesmo día 8 en horario de 10.00 a 13.00 e de 15.00 a 17.30.

A carreira principal sairá da praza de Anselmo Villar Amigo por Eduardo Vila Fano, rúa do Porto, Dársena, Camiño do Río, Eduardo Vila Fano, Guardia Pardines, Paseo da Praia, Canido, Cancela de Areas, Seaia, estrada da praia de Seaia, IES Urbano Lugrís, estrada de Santo Hadrián ata a capela, Camiño do Santo, Canido e Paseo da Praia, onde estará situada a meta.

5Set 2018

A Carreira Pedestre Concello de Malpica contará este ano con máis de cen corredores/as na 10K e un total de 173 participantes

05092018 carreira_pedestre (2)

A III Carreira Pedestre Concello de Malpica mantén as cifras de participación das edicións anteriores, cun total de 173 inscritos/as nas diferentes categorías. Na 10K superaremos o centenar de corredores/as, o que permite augurar unha carreira rifada e emocionante. Ademais da satisfacción de gañar, os/as primeiros/as clasificados/as en cada unha das categorías serán agasallados cuns preciosos trofeos e medallas exclusivos que nos presentaron hoxe o alcalde, Eduardo Parga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández.

A III Carreira Pedestre Concello de Malpica celebrarase este sábado 8 de setembro a partir das 18.00 horas. Ademais do percorrido de 10 quilómetros para os nacidos no ano 2002 e anteriores, haberá outros adaptados a cada categoría: 3.200 metros para infantil (2005-2006) e cadete (2003-2004), 1.400 metros para alevín (2007-2008), 700 metros para benxamín (2009-2012) e 100 metros para biberóns (nacidos no 2013 e posteriores).

A carreira principal sairá da praza de Anselmo Villar Amigo por Eduardo Vila Fano, rúa do Porto, Dársena, Camiño do Río, Eduardo Vila Fano, Guardia Pardines, Paseo da Praia, Canido, Cancela de Areas, Seaia, estrada da praia de Seaia, IES Urbano Lugrís, estrada de Santo Hadrián ata a capela, Camiño do Santo, Canido e Paseo da Praia, onde estará situada a meta.

Todos os participantes contarán con seguro, e ademais disporán de servizos de ducha e gardarroupa, avituallamento e un agasallo. O Concello de Malpica porá a disposición dos participantes na carreira o pavillón polideportivo para que se podan cambiar e duchar, así como un servizo de gardarroupa no mesmo pavillón, onde tamén se recollerán os dorsais e chips o mesmo día 8 en horario de 10.00 a 13.00 e de 15.00 a 17.30. Ademais, a proba ten carácter solidario, xa que por cada participante na 10K doaremos un euro á Asociación Española contra o Cancro.

3Set 2018

Aberto o prazo de inscrición para un obradoiro de autodefensa dirixido a mulleres maiores de 16 anos

Se es muller e tes máis de 16 anos podes participar no obradoiro de autodefensa que celebraremos o 19 de setembro, de 17.00 a 19.30 horas, no salón de actos do Centro Cívico. Esta iniciativa da Concellería de Servizos Sociais forma parte da campaña da Deputación Provincial Quen dixo medo?, que ten como finalidade xerar un espazo que permita ás mulleres identificar as agresións e proporcionarlles habilidades e coñecementos dos mecanismos de defensa, tanto físicos coma psíquicos, fronte a un posible agresor, para poder saír airosas dunha situación de violencia cunha resposta contundente e decidida.

O obradoiro empregará unha dinámica participativa e constará dun bloque teórico e outro práctico. O programa será o seguinte:
Parte teórica:
• Que é a violencia de xénero
• Ciclo de violencia
• Identificación da situacións de violencia
• Análise dos tipos de violencia
Parte práctica:
• Formas de defensa e bloqueo
• Técnicas de inmobilización
• Hábitos de conduta e actuación

O obxectivo é que as mulleres tomen conciencia dos seus dereitos, da súa forza e da súa valía a través do traballo físico.
O prazo de inscrición xa está aberto. As interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais (981 720 280), enviar un e-mail a info@quendixomedo.gal ou chamar ao 981 756 469. As prazas son limitadas.

autodefensa malpica

31Ago 2018

Aberto o prazo de inscrición para participar nun curso de coidadores/as de persoas con alzheimer

coidándose para coidar mellor

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no curso para coidadores de persoas con alzheimer, que organiza a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños (Afaber) en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais de Malpica.

A actividade, que será de balde, terá lugar os días 17, 18, 19, 24 e 25 de setembro no Centro Cívico, en horario de 10:30 a 12:30. As persoas interesadas poderán anotarse chamando ao departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín (981 720 280) ou poñéndose en contacto coa entidade no 981 758 545 e no 625 980 691.

Coidándose para coidar mellor é o título desta nova acción formativa, que pretende proporcionar a coidadores/as e familiares a asistencia psicoterapéutica necesaria para o correcto desempeño das súas funcións. Recursos emocionais, saber pedir axuda, atender as súas propias necesidades e prestar os coidados necesarios sen comprometer a súa saúde son algunhas das materias que se abordarán durante o curso.

30Ago 2018

Consellos básicos para evitar as picaduras de avespa velutina

Este ano está habendo moitos casos de picaduras de avespa velutina, entre outras causas porque estes animais cambiaron os seus hábitos e fixeron os niños nos lugares máis insospeitados, coma unha pedra ou un pé de millo. Por iso é preciso extremar as precaucións, sobre todo por parte das persoas que traballan nos sectores forestal e/ou agrario.
 
Toma nota destes consellos básicos:
➡️Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras.
➡️ Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudan a retiralo.
➡️ No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.
velutina-ISGA-724x1024
 
Difunde!
29Ago 2018

Últimos días de inscrición para a III Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o 8 de setembro

3carreirapedestre

O Concello de Malpica organiza por terceiro ano consecutivo a Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o 8 de setembro a partir das 18.00 horas. A inscrición pode realizarse ata o día 4 de setembro aquí. A cota para a 10K é de 4 euros, un dos cales irá destinado á Asociación Española contra o Cancro. Os/as participantes que non teñan chip poderán alugalo por 1 euro. As carreiras das categorías infantil, cadete, alevín, benxamín e biberón son gratuítas.

Ademais do percorrido de 10 quilómetros para os nacidos no ano 2002 e anteriores, haberá outros adaptados a cada categoría: 3.200 metros para infantil (2005-2006) e cadete (2003-2004), 1.400 metros para alevín (2007-2008), 700 metros para benxamín (2009-2012) e 100 metros para biberóns (nacidos no 2013 e posteriores).

A carreira principal sairá da praza de Anselmo Villar Amigo por Eduardo Vila Fano, rúa do Porto, Dársena, Camiño do Río, Eduardo Vila Fano, Guardia Pardines, Paseo da Praia, Canido, Cancela de Areas, Seaia, estrada da praia de Seaia, IES Urbano Lugrís, estrada de Santo Hadrián ata a capela, Camiño do Santo, Canido e Paseo da Praia, onde estará situada a meta. “Este traxecto permítenos combinar dureza, con varios cambios de superficie, e paisaxe, xa que as vistas durante o percorrido son espectaculares”, comentou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.

Todos os participantes contarán con seguro, e ademais disporán de servizos de ducha e gardarroupa, avituallamento e un agasallo. O Concello de Malpica porá a disposición dos participantes na carreira o pavillón polideportivo para que se podan cambiar e duchar, así como un servizo de gardarroupa no mesmo pavillón, onde tamén se recollerán os dorsais e chips o mesmo día 8 en horario de 10.00 a 13.00 e de 15.00 a 17.30.

Podes descargar aquí o regulamento e a autorización para os/as menores:

regulamento III carreira pedestre concello de Malpica

AUTORIZACION menores

Página 61 de 148« Primera...102030...5960616263...708090...Última »