Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

12Set 2014

Avanzan as obras da escola infantil de Malpica

O alcalde e o concelleiro de Obras visitaron hoxe os traballos
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, visitaron hoxe as obras da futura escola infantil, que se está a construír nos terreos da antiga unitaria de Aldeola, na parroquia de Cerqueda. Os responsables municipais estiveron acompañados por técnicos do Concello e representantes da empresa construtora, Atlántica de Construción e Medio Ambiente. Os traballos, que teñen un orzamento de 354.175 euros, comezaron en xullo co derrubo da vella unitaria, e teñen un prazo de execución de oito meses.

 

A escola infantil de Malpica contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

11Set 2014

Inaugurado o curso de manualidades para maiores en Buño

Mañá venres comezará a actividade tamén no Centro Cívico de Malpica
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica inaugurou onte o primeiro dos dous obradoiros de manualidades que se impartirán este ano no municipio. As primeiras en empezar o curso foron as 16 alumnas de Buño, que terán coma monitora, un ano máis, a Chelo García. No seu primeiro día de actividade recibiron a visita da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e do primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández Mirás. As clases serán todos os mércores e venres, de 15.45 a 17.45 horas, na Casa do Oleiro.

 

Mañá tamén comezará o curso en Malpica, onde as sesións formativas celebraranse os martes e venres de 16.00 a 18.00 horas, e neste caso serán impartidas por Lucía Villanueva.

 

Dentro da programación da Concellería de Servizos Sociais, o día 16 tamén comezará un taller de xardinería para persoas con diversidade funcional. As clases, a cargo da asociación Íntegro, serán todos os martes e xoves de 11.00 a 13.00 horas. As clases teóricas celebraranse na Casa do Oleiro e o traballo práctico desenvolverase na área axardinada da praza Luciano García Alén.

 

8Set 2014

O Concello de Malpica regula a concesión de espazos no Centro Cívico

As entidades poden presentar as súas solicitudes ata o día 10
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños decidiu regular a concesión de espazos no Centro Cívico para evitar os problemas que poidan xurdir á hora de que as entidades que os utilizan organicen as súas actividades, segundo informou a concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro. Para contribuír a unha mellor planificación abriuse un prazo de solicitude, do cal xa se informou por carta ás entidades, e que rematará o mércores 10 de setembro.  

 

A solicitude de espazos no Centro Cívico debe realizarse no rexistro xeral do Concello de Malpica mediante o formulario establecido a tal efecto, e no cal debe indicarse a actividade para a cal se fai a solicitude e as características técnicas que se precisan (metros cadrados, equipamento da sala, etc?). As solicitudes resolveranse nun prazo máximo de 5 días. No caso de que dúas ou máis entidades pidan os mesmos espazos en horarios coincidentes, a Concellería de Educación e Cultura convocará aos interesados co obxecto de estudar coas partes as posibles solucións. No caso de non acadarse un acordo, a Alcaldía, a proposta da Concellería de Educación e Cultura, resolverá como estime máis convinte para garantir o dereito das entidades solicitantes ao uso dos espazos do Centro Cívico e promover un clima de convivencia, tolerancia, cooperación e boa veciñanza entre as diferentes entidades do Centro Cívico.

 

A concesión de espazos deberá respectar a programación xeral de actividades do Centro Cívico e as programacións dos departamentos de Educación e Cultura e Servizos Sociais (Mostra de Teatro, Nadal, Antroido, Nos Tempos das Letras, Malpica Verán, Aula de Lecer, actividades de maiores, etc.). 

 

6Set 2014

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica pon en marcha as actividades para maiores e persoas con diversidade funcional

Mañá domingo comezará unha nova tempada de baile social, e a partir do día 10 desenvolveranse diversos obradoiros
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica comeza un novo curso repleto de actividades para os maiores e para as persoas con diversidade funcional. Os primeiros teñen mañá domingo a súa primeira cita, xa que volve o baile social ao Centro Cívico. Todas as semanas, de 20.00 a 23.00 horas, haberá sesión de baile con música variada e actuacións en directo.

 

A vindeira semana retomaranse tamén os obradoiros promovidos dende a Concellería de Servizos Sociais. Segundo informou a súa titular, Marisol Blanco Gorín, os cursos de manualidades para maiores serán inaugurados o día 10, ás 17.00 horas, na Casa do Oleiro de Buño, e o 12, á mesma hora, no Centro Cívico de Malpica. As clases en Buño serán os mércores e venres, de 15.45 a 17.45, e en Malpica, os martes e venres, de 16.00 a 18.00 horas.

 

As persoas con diversidade funcional poderán participar a partir do día 16 nun taller de xardinería que impartirá a asociación Íntegro todos os martes e xoves de 11.00 a 13.00 horas. As clases teóricas celebraranse na Casa do Oleiro e o traballo práctico desenvolverase na área axardinada da praza Luciano García Alén.

 

29Ago 2014

Preto de 80 nenos participaron no Torneo de fútbol praia e fútbol sala infantil organizado polo Concello

Todos os participantes recibiron hoxe as súas medallas despois da disputa das finais na praia de Area Maior
540-f-foto

Os nenos que participaron no Torneo de fútbol praia e fútbol sala infantil organizado polo Concello de Malpica ao longo do mes de agosto despediron a competición nunha das xornadas máis calorosas do verán. Hoxe pola mañá disputáronse as finais e procedeuse á entrega de medallas a todos os participantes. O torneo reuniu a 78 nenos de seis a quince anos de idades, que se dividiron en varios equipos identificados coas cores das camisetas que lles entregou a Concellería de Deportes. O seu titular, Manuel Torrado, subliñou a importancia deste tipo de actividades para fomentar o espírito deportivo e a convivencia entre rapaces de diferentes idades. Ademais de Torrado, na entrega de medallas participaron o alcalde, Eduardo Parga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández.

 

A xornada deportiva congregou a numeroso público na praia de Area Maior, escenario da actividade xunto co pavillón municipal, no que xogaron os rapaces os días de choiva ou cando as mareas non permitiron facelo na praia. Os resultados das finais de hoxe foron os seguintes:

 

Na Supercopa, o equipo Branco foi campión da pequeliga e o Mariño, subcampión da Pequeliga, mentres que o Vermello e o Azulón quedaron primeiro e segundo, respectivamente, da Superliga.

 

Nas finais da UEFA, o primeiro e o segundo postos da Pequeliga foron para os equipos Laranxa e Lima, e os da Superliga, para o Turquesa e o Lima.

 

Finalmente, no torneo Champions o equipo Turquesa foi primeiro e o Vermello quedou segundo na Pequeliga, mentres que na Superliga o campión foi o Mariño e o subcampión, o Branco.

 

21Ago 2014

Educación abordará o vindeiro curso melloras infraestruturais no IES Urbano Lugrís e nas Escolas Vellas de Buño

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, reuniuse hoxe co xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, reuniuse hoxe na Coruña co xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana Leiro, para transmitirlle as necesidades infraestruturais dos diferentes centros de ensino do municipio.

 

O xefe territorial comprometeuse a abordar durante o vindeiro curso escolar 2014-2015 a dotación dun novo portal para o peche perimetral do IES Urbano Lugrís. Así mesmo, a Consellería de Educación continuará cos traballos de rehabilitación das Escolas Vellas de Buño, de maneira que no próximo curso acometeranse a impermeabilización e o pintado exterior.

 

O alcalde de Malpica expresou o compromiso do goberno municipal coa educación, e nese sentido amosou a súa satisfacción pola boa acollida que tiveron as súas demandas por parte de Indalecio Cabana. Na reunión de hoxe, os representantes das dúas Administracións públicas fixeron un repaso dos investimentos realizados pola Consellería de Educación nos centros de ensino do municipio ao longo da actual lexislatura, que están cuantificados en máis de 100.000 euros. 

19Ago 2014

Comezan as obras da senda peonil de Buño á Casa do Oleiro

O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, asistiron hoxe á firma da acta de replanteo
540-f-foto

Dentro de súa política de mellora da seguridade viaria, o Concello de Malpica de Bergantiños vén de poñer en marcha unha nova actuación que facilitará a comunicación do núcleo urbano de Buño coa Casa do Oleiro e, no futuro, co novo centro de saúde.

 

O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, asistiron hoxe, xunto con técnicos municipais e representantes da empresa construtora, á firma da acta de replanteo das obras da senda peonil de Buño á Casa do Oleiro. A obra, incluída no Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, ten un orzamento de 31.675,68 euros e un prazo de execución de tres meses.

 

A nova senda peonil, cunha lonxitude aproximada de 230 metros liñais, contribuirá de forma decisiva a mellorar a comunicación entre o núcleo urbano e os edificios administrativos da Casa do Oleiro, onde se ubican o consultorio médico e correos, entre outros servizos administrativos, e o Centro Comarcal, para o cal o goberno municipal de Malpica está preparando un plan de usos. 

 

15Ago 2014

Malpica, protagonista do programa da TVG “Aquí Galicia”

O espazo emitirase mañá sábado de 16.30 a 19.00 horas dende a vila malpicá coincidindo co Mercado Medieval e a Festa Galega
540-f-foto

O programa da TVG “Aquí Galicia” realizarase mañá sábado dende Malpica por iniciativa do concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo. A emisión coincide coa celebración do Mercado Medieval Mariñeiro e a Festa Galega, que terán unha presenza destacada, pero ademais participarán numerosas entidades do municipio, como a Agrupación de Percebeiros ou a Asociación de Redeiras o Fieital, que amosará bolsos deseñados por elas e confeccionados con redes. Un representante da Asociación Oleira de Buño realizará unha demostración no torno, membros da Federación Galega de Surf impartirán unha clase en directo e Asociación Cultural Carcaxía fará un centro de flores.

 

A oferta do programa será moi variada. Os espectadores poderán ver dous vehículos que participan en concentracións de tunning, un desfile de bolsos de Carmen Labrador ou como se prepara unha caldeirada de peixe. A música estará moi presente, coas actuacións dos grupos de baile e gaitas da Asociación Cultural Malante e unha exhibición de bailes de salón dos maiores. E a festa continuará a ritmo de verbena coas orquestras Ciclón e Alaska.

 

Tampouco faltará a gastronomía. A Concellería de Turismo ten preparada unha sardiñada, e como postre haberá rosca de pan de ovo

 

A emisión do programa da TVG forma parte da ampla campaña de promoción turística de Malpica que está a levar a cabo o concelleiro Alfredo Cañizo, promotor, así mesmo, do Mercado Medieval e da Festa Galega que están a converter a vila nun punto de referencia durante toda a ponte. Miles de persoas visitaron hoxe Malpica, e para a fin de semana agárdase unha afluenza moito maior.

 

O programa de actividades de hoxe arrincará ás 11.30 horas cos pasarrúas dos gaiteiros das asociación Carcaxía e Raigañas. Ás 19.15, despois do programa da TVG, comezará o desfile da Banda de Gaitas Malante, que este ano estará acompañada por Maruxía de Laxe. E ás 22.00 horas comezará o prato forte do sábado, o concerto folk no que actuarán tres grandes da música galega: Quempallou, Treixadura e Sés.

 

14Ago 2014

O Concello de Malpica recupera a Croa do Castro

A limpeza será o primeiro paso para a posta en valor do xacemento da parroquia de Cerqueda, máis grande e máis complexo ca o de Borneiro
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños está levando a cabo un intenso labor de recuperación do patrimonio arqueolóxico e etnográfico que abrangue dende a restauración do Forno da Costa, en Buño, onde xa remataron os labores de limpeza, ata a posta en valor da Croa do Castro, na parroquia de Cerqueda. Hoxe pola mañá celebrouse na casa consistorial unha reunión na que participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo; Xosé Manuel Varela e Manuel Chouciño, en representación das entidades da parroquia de Cerqueda que están a traballar tamén na recuperación do xacemento; o profesor da USC Manuel Gago e técnicos municipais de Cultura e Urbanismo. O obxectivo: avanzar no proxecto que fará posible o redescubrimento para toda a poboación dun castro da Idade do Ferro máis grande e complexo ca o de Borneiro (Cabana).

 

Neste momento falta por solventar un último trámite burocrático, que o Concello de Malpica espera ter listo no mes de setembro, para que poida comezar o desenvolvemento do proxecto de posta en valor. O traballo inicial consistirá na limpeza do castro e do seu entorno, para o cal levarase a cabo unha campaña de captación de voluntarios coa finalidade de conseguir que os veciños e veciñas se impliquen directamente no proxecto. A proposta inclúe, ademais, a elaboración dunha páxina web que recollerá toda a información sobre o Castro da Croa e a parroquia de Cerqueda; así coma a organización de actividades para escolares, charlas informativas e un vídeo.

 

O alcalde e o concelleiro de Turismo expresaron o compromiso do Concello de Malpica coa recuperación do Castro da Croa polo enorme interese arqueolóxico que pode ter e porque o seu estudo podería contribuír ao descubrimento de novos datos sobre a orixe da cultura oleira.

 

14Ago 2014

Moita animación na apertura do Mercado Medieval de Malpica

Os postos de venda de produtos gastronómicos e artesanía, así coma diversas actuacións e atraccións, animarán as rúas da vila ata o domingo
540-f-foto

O Mercado Medieval Mariñeiro de Malpica abriu as súas portas oficialmente este mediodía cunha amplísima oferta de gastronomía, artesanía e atraccións que van animar as rúas da vila durante toda a ponte do 15 de agosto, coincidindo coa celebración da Festa Galega.

 

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Alfredo Cañizo e Miguel Fernández realizaron un completo percorrido polos máis de trinta postos que integran o atractivo mercado. Os representantes municipais conversaron cos comerciantes, entre os que hai algún que visitan Malpica por primeira vez, pero tamén os hai que repiten e que ademais levaron moi boa impresión das anteriores edicións. Durante o paseo, as autoridades locais foron descubrindo unha amplísima oferta que inclúe todo tipo de queixos e embutidos, sabedores doces (cos que se atreveu o alcalde), churrasco, polbo e outros moitos atractivos culinarios, pero tamén xogos tradicionais, produtos cosméticos, artesanía en coiro e madeira, xoiería, tatuaxes con hena, complementos e bolsos ou peluches térmicos. Tamén ten un posto a Asociación de Redeiras O Fieital, que amosa todo tipo de obxectos relacionados co mar e novidosos deseños de moda elaborados con redes, coma un chal e un bolso.

 

O Mercado Medieval de Malpica permanecerá aberto ata o domingo. Este ano no só aumentou o número de postos, senón que tamén van a máis as actividades paralelas. Os cabezudos xa empezaron a percorrer hoxe pola mañá o recinto feiral, pero tamén se agarda a visita de músicos e do Gran Cabaleiro Negro Medieval, que chegará a lomos do seu cabalo. Para os máis pequenos haberá unha noria de madeira ecolóxica impulsada a manivela, un castelo inchable, paseos en poni e unha mesa de xogos tradicionais na que poderán poner a proba o seu enxeño.

 

E todo iso no centro da vila, engalanado especialmente para a ocasión.

 

Página 117 de 148« Primera...102030...115116117118119...130140...Última »