Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 14°
12°
Mércores 14°
12°
Xoves 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

26Set 2014

O Concello de Malpica inicia as obras do parque infantil de Cambre e da mellora da accesibilidade á praza Villar Amigo

Hoxe tivo lugar a sinatura da acta de replanteo
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, asistiron hoxe á sinatura da acta de replanteo de dúas obras  Concello de Malpica de Bergantiños financiadas con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) cun orzamento de licitación de 42.358,64 euros.

 

Este investimento permitirá, por un lado, a construción dun parque infantil no entorno do centro sociocultural de Cambre. O novo espazo público incluirá xogos para os rapaces e as rapazas e unha cancha de baloncesto. O segundo proxecto consiste na mellora da accesibilidade á praza Villar Amigo de Malpica, onde os dous tramos de escaleiras existentes van ser substituídos por ramplas. As obras serán executadas pola empresa Construcciones Queiro, que tamén estivo representada hoxe na sinatura da acta de replanteo.

 

25Set 2014

Clases de ximnasia terapéutica e de zumba para adultos

Aberto o prazo de inscrición no departamento de Deportes
540-f-foto

Xa está aberto o prazo de inscrición nas actividades para adultos organizadas pola Concellería de Deportes para este curso. Este ano haberá clases de zumba no Centro Cívico de Malpica todos os martes e xoves de 15.15 a 16.05 horas. E os mesmos días serán as sesións de ximnasia terapéutica, que se impartirán na Casa do Oleiro de Buño de 10.15 a 11.00 e en Malpica de 11.15 a 12.00 horas. Para máis información e inscricións, 981 720 001.

20Set 2014

O Forno da Costa súmase ao patrimonio cultural do Concello de Malpica rehabilitado para a súa posta en valor

As obras do conxunto arquitectónico e artesán, situado no centro de Buño, están practicamente rematadas

540-f-foto

O Concello de Malpica aproveitou o verán para rehabilitar o Forno da Costa, un dos máis emblemáticos de Buño, que pasará a formar parte da ruta interior do pobo oleiro. O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, visitaron o complexo, acompañados pola aparelladora municipal.

O Forno da Costa é un dos 4 catalogados no concello, e forma parte do grupo de fornos comunais que durante séculos foron utilizados polos oleiros do barrio da Costa, no centro da vila.

Dende o Concello considérase que este patrimonio, único en Galicia, debe ser conservado e posto en valor tanto polo seu interese turístico como polo significado que ten na olería de Buño. Por ese motivo, dende a Alcaldía fixéronse as xestións correspondentes para conseguir o financiamento necesario para as obras Segundo explicou o alcalde, Eduardo Parga, a rehabilitación do Forno da Costa foi posible despois de negociar coa Deputación Provincial da Coruña o cambio do uso dos fondos destinados en principio á adquisición do Forno da Lucha, que non puido levarse a cabo.

Coa rehabilitación deste forno, os tradicionais barrios oleiros de Forno Novo, Mouróns e Costa teñen as súas edificacións recuperadas.

O conxunto de Forno da Costa consta do forno de cocer a cerámica e de dous cabanotes para gardar materiais e almacenar toxo. Son estruturas características e propias da olería de Buño que grazas a este proxecto foron recuperadas.

O forno, que se atopaba en bastante bo estado, presentaba necesidades de saneamento do muro dianteiro, de reconstrución da boca, ademais da retirada do engadido no muro.

Nun dos cabanotes foi substituída toda a estructura de madeira, que se atopaba seriamente deteriorada. O pilar de ladrillo cerámico foi suplido por outro acorde ao conxunto, e os muros de mampostería de pedra foron saneados.

No segundo cabanote levouse a cabo a reconstrución parcial e saneado dos muros, a reconstrucción dun dos pilares e a instalación dun tellado novo.

O custe da obra foi de 79.200,01 ?, financiados pola Deputación de A Coruña e o Concello de Malpica de Bergantiños. Según o convenio asinado porlas dúas entidades o 25 de abril deste ano, a Deputación achega 59.122,80 ? e o Concello, 20.077,21 ?

17Set 2014

O Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha obradoiros de lendas para nen@s e maiores

A iniciativa, incluída no proxecto de dinamización lingüística, comezará este venres no Centro Cívico cunha xuntanza aberta a toda a veciñanza
540-f-foto

Dentro do seu programa anual de dinamización lingüística, o Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha unha serie de obradoiros orientados a recuperar e narrar as lendas locais. Na iniciativa, que coordinará o filólogo e dinamizador cultural Xosé Manuel Varela Varela, poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen.

 

A primeira sesión celebrarase o venres, ás 17.00 horas, no Centro Cívico de Malpica. O punto de encontro será a Aula de Lecer, coincidindo co curso de manualidades que imparte Lucía Villanueva. Xosé Manuel Varela introducirá o tema e animará aos asistentes a relatar as lendas que coñezan ou as versións que lles foron transmitidas sobre mitos tan coñecidos no municipio como o do carballo de Santo Estevo, o Santo Hadrián, a cidade asolagada dos Baixos de Baldaio, o trigal maldito de Mens, a lenda da moura que construíu a Pedra da Arca ou as lendas dos castros, entre outras.

 

Dende o goberno municipal, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, fai un chamamento a toda a veciñanza para que achegue o seu coñecemento sobre estas e outras lendas participando tanto na sesión deste venres en Malpica coma na prevista para o día 26, tamén ás cinco da tarde, na Casa do Oleiro de Buño.

 

En datas próximas, estes obradoiros celebraranse tamén no IES Urbano Lugrís e nos CEIP Milladoiro de Malpica e Rodríguez Otero de Buño.

 

16Set 2014

Once veciños do municipio de Malpica con diversidade funcional fórmanse en pequenos arranxos de xardinería

Os alumnos farán as prácticas no xardín da praza situada xunto ao cruceiro
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga; os concelleiros de Servizos Sociais e Obras, Marisol Blanco Gorín e Miguel Fernández, e o presidente da asociación Íntegro, Adolfo López Baña, inauguraron hoxe en Buño un curso que formará a 11 persoas con diversidade funcional para realizar pequenos arranxos de xardinería doméstica. O obradoiro, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, terá unha duración de algo máis dun mes. As clases teóricas serán impartidas na Casa do Oleiro, onde tivo lugar hoxe pola mañá a presentación da actividade, e as prácticas realizaranse no xardín da praza situada no centro de Buño, xunto ao cruceiro.

 

O alcalde de Malpica expresou o seu desexo de que esta actividade formativa contribúa a mellorar o currículo dos participantes e a facilitar a súa inserción no mundo do traballo. Ademais do aspecto laboral, Eduardo Parga subliñou o carácter social da iniciativa, dado que favorecerá as relacións e a comunicación entre os alumnos e as alumnas.

 

O monitor do obradoiro, Miguel Álvarez, explicoulles que o traballo comezará por aprender a manexar a maquinaria e por coñecer os sistemas de seguridade que deben utilizarse. Na parte práctica, engadiu, tamén aprenderán a deseñar un xardín ?que practicamente non necesitará mantemento?. Nese sentido, a concelleira de Servizos Sociais explicou que o curso terá unha segunda parte no mes de abril para realizar o mantemento das zonas axardinadas que se van crear agora, e que ese labor continuará posteriormente a cargo do Concello de Malpica.

 

O presidente de Íntegro achegou un aspecto máis do proxecto. ?O importante ?dixo- é que se vexa Buño reflectido nel?. Nese sentido, no xardín utilizarase grava de ladrillo de Buño e na decoración, ánforas de olería. Plantas de tempada e arbustos completarán o deseño.

 

13Set 2014

As obras de construción da EDAR de Malpica arrincarán coa estabilización dos taludes do Monte da Plancha

O traslado aos novos departamentos para usuarios do porto podería levarse a cabo xa a finais deste mes de setembro
540-f-foto

Ao mesmo tempo que dá os últimos retoques aos novos departamentos para usuarios do porto, a empresa adxudicataria do proxecto de construcción da estación depuradora de augas residuais de Malpica comezará no prazo de 15 días cos traballos de estabilización dos taludes do Monte da Plancha. Segundo indicou o alcalde, Eduardo Parga, a finalidade das obras é asegurar a ladeira na zona na que irá ubicada a EDAR. Segundo as previsións da empresa construtora, Copasa, a finais deste mes tamén podería levarse a cabo o traslado ás novas casetas que se están a construír no outro extremo do recinto portuario.

 

A construción da EDAR, unha importante infraestrutura que solucionará de xeito definitivo os problemas de saneamento da vila, está financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta e o Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), que achega o 80% dos 5,4 millóns de euros consignados para a obra. A depuradora de Malpica empregará un tratamento biolóxico, en concreto, unha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración. Esta avanzada tecnoloxía permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a planta. Este aspecto, xunto co feito de que a EDAR emprazarase nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario, reducindo significativamente o seu impacto visual. A EDAR situarase no extremo sur do peirao. A localización foi consensuada entre a Consellería de Medio Ambiente, Portos de Galicia e o Concello de Malpica tras o estudio de distintas alternativas.

 

A estación depuradora de Malpica de Bergantiños dará servizo a máis de 7.000 habitantes. Constará dunha liña de tratamento composta por unha liña de auga, na cal se realizan accións de desinfección; e unha liña de lodos, onde se efectúan os procesos de deshidratación e estabilización.

 

O proxecto, considerando a capacidade de dilución no punto de vertedura, recolle unha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica a través dunha biofiltración, seguida dunha desinfección para asegurar unha boa calidade microbiolóxica da vertedura a pesar de que as zonas de baño están afastadas.

 

Este proceso de depuración utilizará unha tecnoloxía particularmente avanzada e compacta, xa que o terreo dispoñible para a localización da EDAR se condicionou a manter a actual aliñación no peirao de modo que nun futuro non se impida a construción dunha eventual vía de saída do porto, e para afectar ao mínimo número de departamentos portuarios. Deste modo, a nova instalación necesitará 675 m2 de superficie, para o cal será necesario demoler 360 m2 correspondentes a 13 departamentos do final do peirao, e manterase unha das vías existentes.

 

Segundo os cálculos iniciais, a EDAR entrará en funcionamento no ano 2015.

 

12Set 2014

O Concello de Malpica prepara o inicio do curso na ludoteca municipal para os nenos e nenas de 2 a 11 anos

O prazo de inscrición estará aberto dende o 16 ata o 29 deste mes
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños está a preparar o comezo dun novo curso na ludoteca municipal, un servizo destinado a todos os nenos e nenas de 2 a 11 anos de idade. O prazo de inscrición estará aberto do 16 ao 29 deste mes. As familias interesadas deben entregar o formulario de solicitude de praza no departamento de Educación e Cultura en horario de 09.00 a 14.00.

 

Para os nen@s de 2 a 3 anos de idade sen escolarizar establécense dous grupos, un de luns a venres de 11.00 a 13.15 horas, e outro de luns a venres de 15.30 a 17.00 horas. O grupo de nen@s de 3 a 11 anos terán as instalacións municipais á súa disposición de luns a venres de 17.00 a 18.30 horas.

 

As familias interesadas en utilizar o servizo deben presentar ficha de inscrición correctamente cuberta, fotocopia do libro de familia, fotocopia da cartilla da Seguridade Social do usuari@, fotocopia do DNI dos titores legais, documentación acreditativa do titor da custodia se procede, informe psicopedagóxico no caso de nen@s con necesidades educativas especiais, dúas fotografías tamaño carné, número de conta bancaria e certificado de empadroamento. No caso de que o/a menor estea a tratamento necesítase folla actualizada onde consten as pautas de medicación e a sinatura do profesional co número de colexiad@ e a autorización dos tutores legais para a administración de medicación se así se require.

 

Terán preferencia os nenos e nenas empadroados no municipio de Malpica de Bergantiños. Para o resto dos casos as admisións realizaranse por orde de inscrición. Pasado o prazo de matriculación, no caso de quedar prazas vacantes poderán  admitirse novas solicitudes ata cubrir todas as prazas ofertadas. Para rapaces e rapazas que non cumpran os requisitos de idade mínima o día de inicio da actividade as solicitudes tramitaranse ao día seguinte de cumprir a idade mínima.

 

12Set 2014

Inaugurado o curso de manualidades para maiores en Malpica

Comezaron tamén as sesións formativas para persoas con diversidade funcional
540-f-foto

Hoxe foi inaugurado no Centro Cívico o curso de manualidades para maiores que organiza a Concellería de Servizos Sociais. No acto, celebrado ás 17.00 horas, participou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga. As clases serán os martes e venres de 16.00 a 18.00 horas, e a encargada de impartilas será Lucía Villanueva, que este ano terá 20 alumnas.

No curso de manualidades para persoas con diversidade funcional, que tamén empezou hoxe, participarán 11 persoas. As sesións formativas serán os luns e os venres de 10.30 a 12.30 horas.

Dentro da programación da Concellería de Servizos Sociais, o día 16 tamén comezará un taller de xardinería para persoas con diversidade funcional. As clases, a cargo da asociación Íntegro, serán todos os martes e xoves de 11.00 a 13.00 horas. As clases teóricas celebraranse na Casa do Oleiro e o traballo práctico desenvolverase na área axardinada da praza Luciano García Alén.

 

Página 116 de 148« Primera...102030...114115116117118...130140...Última »