Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 13°
Luns 15°
Martes 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

28Xul 2015

PROGRAMA DA XXXII MOSTRA DA OLERÍA DE BUÑO

Do 31 de xullo ao 9 de agosto, exposición e venda no Parque Luciano García Alén

540-f-foto

ACTIVIDADES PERMANENTES

Parque Luciano García Alén
Casetas de venda, todos os días de 11 a 14 e de 17 a 21 horas

Ecomuseo do Forno do Forte
Aberto todos os días de 11 a 14 e de 17 a 21 horas

  • Exhibicións dun oleiro no torno, todos os días de 11 a 14 e de 17 a 21 horas

  • Obradoiro de barro para nenos, todos os días de 11.30 a 13.30 e de 17:30 a 20:30

  • Exposición dos/as oleiros/as de Buño, todos os días de 11 a 14 e de 17 a 21

 

ACTIVIDADES PARALELAS

Venres 31 de xullo de 2015

·        17.30 h. Exhibición de música e danza tradicional

A.C. Raigañas 

·        18.00 h. Acto oficial de inauguración 

·        18.30 h. Visita ás dependencias da Mostra da Olería 

 

Sábado 1 de agosto de 2015

Cocedura Tradicional

·        11.00 h. Carga do forno (Ecomuseo Forno do Forte)

·        11.30 h. Roteiro fotográfico

·        15.00 h. Prendido do forno (Ecomuseo Forno do Forte)

·        17.30 h. Roteiro fotográfico

·        21.00 h. Festa da Carroa e actuación De Fol de Veneno (Ecomuseo Forno do Forte)

 

Tren Turístico Malpica – A Croa – Buño

Mañá:

·        Saídas de Malpica 11.00, 12.00 e 13.00 h.

·        Saídas de Buño 11.30, 12.30 e 14.00 h.

Tarde:

·        Saídas de Malpica 18.00, 19.00 e 20.00 h.

·        Saídas de Buño 18.30, 19.30 e 21.00 h.

 

Domingo 2 de agosto de 2015

·        11.00 h. Descarga do forno

·        19.30 h. Exhibición de música e danza tradicional da A. C. Carcaxía

 

Luns 3 de agosto de 2015

·        11.30 h. Ruta fotográfica

·        17.30 h. Ruta fotográfica

 

Martes 4 de agosto de 2015

O Día do Neno

·        17.00 h. Xogos populares para nenos/as.

 

 

Mércores 5 de agosto de 2015

·        11.00 h. Visita da Ludoteca Infantil ó Ecomuseo Forno do Forte.

·        11.30 h. Visita da Ludoteca Infantil á Mostra da Olería

·        11.30 h. Ruta fotográfica

·        17.30 h. Ruta fotográfica

 

Venres, 7 de agosto de 2015

·        11.00 h. Mostra doutras artesanías: Exhibicións do Obradoiro Nebra de instrumentos musicais galegos. Lutier: José Piñeiro Pérez.

 

Sábado 8 de agosto de 2015

Trofeo Mostra Olería de Fútbol (Campo de Fútbol de Xaviña)

·        18.00 h. Semifinal Sporting Seaia ? Buño S. D.

·        19.00 h. Semifinal S.C.D. Malpica ? C.D.U.D. Cerqueda


Gran Queimada Tradicional no Parque Luciano García Alén

·        23.30 h. Concerto: Surf&Sun e Miguel de la Rosa

 

Domingo 9 de agosto de 2015: Xornada de Clausura

Trofeo Mostra Olería de Futbol (Campo de Fútbol de Xaviña)

·        18.00 h. 3º e 4º posto

·        19.00 h. Final


19.00 h. Proxecto Barro – Espectáculo multidisciplinar (poesía, teatro, música, fotografía, etc.) Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Peter Shneider, Músicos: Carlos Barcia, Ismael, Fran Trashorras … (Os asistentes serán agasallados cun DVD do espectáculo).


20.00 h. Acto de clausura da XXXII Mostra da Olería de Buño

26Xul 2015

A Xunta prevé entregar despois do verán os títulos de propiedade da concentración parcelaria da parroquia de Cerqueda

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde, Eduardo Parga, e cos técnicos municipais para avanzar no proceso e resolver as dúbidas plantexadas
540-f-foto

A Xunta de Galicia prevé levar a cabo despois do verán a entrega dos títulos de propiedade coa que se dá por finalizado o proceso de concentración parcelaria na parroquia de Cerqueda, iniciado en 1992.

 

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e un técnico de Medio Rural veñen de manter unha xuntanza de traballo co alcalde do municipio, Eduardo Parga, e con traballadores municipais. O obxectivo do encontro foi a resolución das dúbidas plantexadas en relación ao novo acordo de concentración parcelaria para así compatibilizar a súa aplicación co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e coa Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUGA).
Ata o día de hoxe, a Consellería de Medio Rural e Mar leva investidos case 1,8 millóns de euros para a asistencia técnica e as obras pertinentes nunha superficie a concentrar de 793 hectáreas. O proxecto permitiu aos 969 propietarios da zona reducir o número de parcelas desde as 4.585 iniciais ás 1.849 resultantes, alcanzando, deste xeito, unha superficie media de 3.700 metros cadrados.

 

Os traballos incluídos neste proxecto consistiron, por unha banda, na realización dos servizos técnicos para a investigación da propiedade, levantamentos topográficos e confección de planos parcelarios, clasificación de terras e acondicionamento de fincas e, por outra, no deseño e creación dunha rede axeitada de camiños principais e secundarios que permiten o acceso ás novas fincas e o tránsito de máquinas agrícolas.

 

A regulación e ordenamento do novo deseño das fincas permite acadar unha mellor capacidade de aproveitamento da terra e supón un mecanismo dinamizador para a economía local. Segundo destacaron os representantes da Xunta, a concentración parcelaria posibilita a mellora e modernización das técnicas de produción agraria co emprego de maquinaria agrícola, facilita a prevención dos incendios forestais, alimenta o calor das terras en cultivo e pon en uso outras abandonadas. Ademais destas vantaxes, elévase a calidade de vida do agricultor, actualízase a documentación de titularidade dos propietarios das fincas e foméntase a recuperación de áreas recreativas no concello.

 

25Xul 2015

Asinado o contrato da obra de pavimentación da rúa Canido

540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou o contrato das obras de pavimentación da rúa Canido, que serán executadas pola empresa Construcciones López Cao por un importe de 64.614 euros. Con esta actuación, que mellorará o acceso á praia de Canido, ás vivendas e ao hotel, complétanse as obras do POS 2015.

 

Dentro do plan provincial tamén se incluíron o proxecto de pavimentación e infraestruturas en Barizo, Porto do Fondo, Beo, Santiso, Aldeola e Cerqueda, e o saneamento do Vilar, en Leiloio. Estas últimas foron adxudicadas á empresa Obras Ramón Cotelo SL por 28.540 euros e que están a piques de comezar.

 

24Xul 2015

As actividades de Costa Bergantiñá marcan a transición entre xullo e agosto da oferta deportiva estival

Para os días 28 e 29 deste mes está programada unha saída de aventura, e o 30 comezarán o torneo infantil de fútbol praia e fútbol sala
540-f-foto

Remata unha intensa semana para os 100 nenos e nenas que participaron no campamento Costa Bergantiñá. As actividades desenvolvéronse nos cinco concellos que integran a asociación (Coristanco, Cabana, Laxe, Ponteceso e Malpica), e no noso caso consistiu nunha xornada de deportes acuáticos que permitiu aos rapaces e rapazas pasear en motos acuáticas e lanchas pneumáticas, facer surf, nadar e desfrutar da auga nunhas condicións excepcionais.

 

O campamento remata hoxe, pero non as actividades promovidas dende Costa Bergantiñá. Para os días 28 e 29 está prevista unha saída de aventura, outra proposta clásica que se suma ao campus de fútbol, ao Día da Bicicleta e á viaxe ao Aquapark que se levaron a cabo en xullo. Pero o departamento que dirixe Iago Espasandín xa ten preparadas moitas outras actividades. O día 30 arrincará o torneo infantil de fútbol praia e fútbol sala, que se desenvolverá durante todo o mes de agosto polas mañás. Nesta primeira xornada, os participantes están convocados ás 10.30 no polideportivo para formar os equipos e iniciar a competición.

 

Ao longo do mes de agosto, organizados polo Club Náutico de Malpica, tamén se desenvolverán cursos de kayak para nenos e nenas maiores de 5 anos e que saiban nadar. Así mesmo, do 25 ao 28 de agosto terán lugar os cursos de iniciación e perfeccionamento de surf, os primeiros polas mañás e os segundos polas tardes. En cada un deles hai 30 prazas, e as inscricións poden realizarse ata o 5 de agosto.

 

+ info: 981 72 00 01 ,  981 72 03 18 e  981 72 03 19

21Xul 2015

Novo vehículo para a Policía Local de Malpica

O alcalde e o concelleiro de Seguridade Cidadá e Tráfico acudiron a recollelo á Delegación Territorial da Xunta na Coruña
540-f-foto

A Policía Local de Malpica de Bergantiños dispón dende hoxe dun novo vehículo especialmente preparado para o labor policial. O alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade Cidadá e Tráfico, Miguel Fernández, e o axente Daniel Vázquez Añón desprazáronse hoxe pola tarde ata A Coruña para recoller o coche, un Citroën C4 Cactus, na Delegación Territorial da Xunta. No acto de entrega dos novos vehículos policiais estiveron presentes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada territorial, Belén Do Campo.

 

21Xul 2015

A UD Cerqueda divulgará o proxecto da Croa do Castro nas súas camisetas durante a vindeira campaña

O proxecto de recuperación do xacemento segue avanzando
540-f-foto

A UD Cerqueda quere sumarse á iniciativa de promoción turística desta parroquia malpicá nacida arredor do proxecto A Croa do Castro de Cerqueda no cal colectivos parroquiais e concello tratan de recuperar este recinto castrexo. Para iso, Alberto Pose, representante deste equipo de fútbol e comentarista deportivo, xunto con Eduardo Parga Veiga, alcalde de Malpica de Bergantiños, e Manuel Chouciño Garrido, presidente da A.VV. Monte d?Arxa, un dos colectivos promotores do proxecto de divulgación deste castro, reuníronse nas oficinas da Casa do Concello para oficializar este apoio divulgativo.

 

A UD Cerqueda, que realizou unha grandísima tempada este ano, na que acadou o título de liga e o ascenso de categoría, inserirá na súa camiseta as letras «A Croa do Castro de Cerqueda». Isto terá un gran impacto de divulgación non só nos campos de fútbol nos que xogue o equipo, senón que tamén terá eco en todos os sectores que rodean este deporte.

 

O proxecto de recuperación da Croa do Castro continúa a andar camiño. A primeira fase está pendente da poxa pública duns eucaliptos que hai no interior da súa parte alta. Tras a tala, poderá levarse a cabo a segunda fase: aplicación do gradiómetro (radar terrestre) a todo o recinto interior para descubrir a globalidade de posibles estruturas soterradas.

20Xul 2015

O proxecto “Pintar na Rúa” encherá de cor este verán o paseo marítimo de Malpica

Catorce nenas de 7 a 14 anos iniciaron hoxe o taller que imparte por segundo ano consecutivo a artista Paula Fraile

540-f-foto

Catorce nenas de 7 a 14 anos iniciaron hoxe a segunda edición do taller “Pintar na Rúa”, unha iniciativa da Concellería de Cultura de Malpica que pretende dar continuidade ao proxecto artístico de recuperación de espazos degradados. O ano pasado a actividade desenvolveuse no muro exterior do Centro Cívico, pero este verán trasládase á praia, en concreto ao deteriorado muro situado entre os bares Submarino e Leño, un lugar moi frecuentado polos malpicáns e as malpicás debido ás impresionantes vistas da praia que se divisan dende os bancos existentes nese emprazamento.

Despois dunha primeira toma de contacto no Centro Cívico, as 9 nenas de 7 a 10 anos que integran a primeira quenda desprazáronse ata o lugar no que van poder dar renda solta á súa creatividade da man da pintora Paula Fraile, de Guadalajara, que hoxe reencontrouse con algunhas alumnas do ano pasado. Ata o lugar acudiron tamén o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, que animaron as xovencísimas participantes no obradoiro a aproveitar a experiencia.

Aínda que o motivo elixido será froito das achegas de todas as participantes, o que xa está claro é que gardará relación co mar e con Malpica e que estará cheo de cor para que esa parede, ata agora caracterizada polo seu abandono, se transforme nun punto de referencia e nun atractivo máis do paseo marítimo. As pequenas comezaron coa imprimación da parede, e as cinco maiores que se incorporaron despois, e que teñen entre 11 e 14 anos, continuaron co labor ata última hora da mañá.

As familias que queiran inscribir aos seus fillos e fillas para o segundo obradoiro, que se desenvolverá en agosto, poden dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104.

9Xul 2015

O Concello de Malpica dálle continuidade ao proxecto “Pintar na Rúa” cun obradoiro para nenas e nenos de 7 a 14 anos

Aberto o prazo de inscrición para o taller, que será impartido pola artista Paula Fraile
540-f-foto

Malpica, que foi un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados, recuperou o verán pasado o proxecto “Pintar na Rúa” a través de dous obradoiros que permitiron transformar o muro exterior do Centro Cívico nun enorme lenzo no que os nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade. A experiencia tivo tanto éxito que a Concellería de Cultura decidiu levar a cabo este ano unha segunda edición, na que de novo os escolares serán os protagonistas dun proxecto dirixido pola artista Paula Fraile (Guadalajara).

 

Este verán os participantes seguirán enchendo de cor os muros da vila, aínda que terán alternativas para os días de choiva que se desenvolverán no interior do Centro Cívico. En total serán 20 días, repartidos en dous bloques de dez sesións cada un. A primeira quenda desenvolverase do 20 ao 31 deste mes, e a segunda, do 3 ao 14 de agosto. Os participantes repartiranse en dous grupos en función das súas idades, de xeito que os nenos e nenas de sete a dez anos pintarán de 11.00 a 12.30 horas, e os de once a catorce anos, de 12.30 a 14.00 horas. En cada grupo hai 10 prazas, e o prezo da actividade é de 11 euros.

 

As familias que queiran máis información ou inscribir aos seus fillos e fillas teñen que dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104.

 

7Xul 2015

A música de Xoán Curiel abre o intenso programa de Noites na Vila

A programación cultural do Concello de Malpica para as fines de semana de xullo e agosto tamén inclúe un ciclo de maxia e outro de monicreques
540-f-foto

Música, teatro, maxia… As Noites na Vila encherán de animación o paseo marítimo de Malpica (en caso de choiva as actuacións trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico) durante as fines de semana de xullo e agosto. A programación da Concellería de Cultura, Educación e Turismo comeza forte, nin máis nin menos que co concerto de Xoán Curiel ?Estamos no verán?, unha proposta dirixida ao público infantil e familiar, preferentemente, coa que desfrutará e bailará todo o mundo.

 

A programación para o verán é a seguinte:

 

Concerto (paseo marítimo, 20.30 horas)

 

·        Venres 10 de xullo Concerto “Estamos no verán”, de Xoán Curiel

 

Público preferente: infantil e familiar. Duración 60 minutos.

 

Malpica Máxica (paseo marítimo, 20.30 horas)

 

·         Sábado 11 de xullo, O Mago Rafa co espectáculo Historias dun ilusionista.
Público preferente: familiar. Duración: 55 minutos.

 

·         Venres 17 de xullo, O Mago Roberto Lolo co espectáculo Magia de cine.
Público preferente: familiar. Duración: 55 minutos.

 

·         Sábado 18 de xullo, O Mago Dani Polo co espectáculo Enmagiarte.
Público preferente: familiar. Duración: 55 minutos.

 

Retablo de Fantoches Rafael Dieste (paseo marítimo, 20.30 horas)

 

O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches coa obra “La Doncella Guerrera” de Rafael Dieste. Así José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís  xunto a Rafael Dieste iniciaban en Malpica de Bergantiños as representacións de  monicreques que as Misións Pedagóxicas representaron por  todo o estado. En lembranza daquel titánico esforzo por levar a cultura a todos os recunchos do estado español bautizamos a nosa pequena mostra co nome de Retablo de Fantoches de Rafael Dieste.

 

·         Sábado 1 de agosto. “Lume” de Teatro Babaluva

Público preferente: familiar/ infantil de 2 a 10 anos. Duración: 35 minutos.

·         Sábado 8 de agosto. “Rei, rei” de Fantoches baj. (Títeres de luva, variña e actores)

 

Público preferente: Familiar (+ de 2 anos). Duración: 60 minutos.

 

·         Sábado 29 de agosto. “As mil e unha noites” de Teatro Ghazafelhos

 

Público preferente: + 5 anos. Duración: 60 minutos.

 

6Xul 2015

O alcalde de Malpica asina o contrato para a execución da obra de saneamento no Vilar, en Buño

O proxecto figura entre os tres que acometerá o Concello con cargo ao POS 2015
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou o contrato para a execución das obras de saneamento do Vilar, en Buño, incluídas no POS 2015. Os traballos, que comezarán nos vindeiros días, serán realizados pola empresa Obras Ramón Cotelo, SL, cun orzamento de contratación de 28.540 euros.

 

No POS deste ano tamén figuran o proxecto de pavimentación e infraestruturas en Barizo, Porto do Fondo, Beo, Santiso, Aldeola e Cerqueda, cun orzamento de licitación de 69.056 euros, e a pavimentación da rúa Canido, por 64.887 euros.

 

Página 105 de 149« Primera...102030...103104105106107...110120130...Última »