Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Xullo

Xullo 2017

12Xul 2017

Aclaracións do concelleiro de Deportes sobre as relacións do Concello coa SCD Malpica

Despois da información vertida por Luis Porto no medio www.piratasdemuxia.es, onde semella falar en nome da SCD Malpica con respecto a un suposto conflito entre o mencionado club e o Concello de Malpica de Bergantiños, é preciso aclarar algún aspecto que non se axusta á realidade:

Primeiro. Nin o autor dese artigo nin ninguén do medio onde se publicou a noticia se puxo en contacto co concelleiro de Deportes nin con ningún dos outros clubs do Concello implicados nesa información. Polo que ou ben se inventou directamente ou ben a información procede da SCD Malpica.

Segundo. Hai dúas tempadas, dende o Concello e en colaboración cos clubs (cousa que sempre lle agradecemos profundamente) tratamos de coordinar as categorías inferiores, xa que a pesar de contar con 4 clubs federados non había ningunha categoría de fútbol base, aproveitando que dende prebenxamíns a infantís si había equipos municipais que xogaban nas ligas de Costa Bergantiñá. O Buño SCD competiu en categoría alevín, mentres que a SCD Malpica se encargou dos infantís pero esa tempada 15/16 non competiron a nivel federativo por falta de efectivos (de novo agradecerlle aos pais, nenos, adestrador dese ano e club a implicación, pois sen eles non sería posible).

Terceiro. A tempada pasada sumouse a esa dinámica a UD Cerqueda, facéndose cargo dos benxamíns, despois dunha reunión na que estiveron representantes dos tres clubs, os técnicos municipais de deportes e o concelleiro. Foi un acordo verbal entre todos, a pesar de que o Buño SCD tamén quería facerse cargo dos infantís, pero dado que o Malpica aguantara a tempada anterior sen competir parecíanos xusto que agora que si había efectivos suficientes, os infantís seguiran baixo a tutela do mesmo club. Dado que as normas da Federación Galega de Fútbol son así, os infantís son os únicos que xogan a fútbol 11, mentres que os alevíns e benxamíns xogan a fútbol 8; non é un desexo, senón que son as regras que impón a federación.

Cuarto. Nada máis empezar a tempada 16/17, a SCD Malpica incorpora a un futbolista en idade alevín (cando debería de xogar no Buño), rompendo o acordo verbal alcanzado poucas semanas antes, sen consultar nin co propio club oleiro nin co Concello. Para evitar polémicas, ninguén do Buño nin ninguén do Concello en ningún momento se meteu nesa cuestión.

Quinto. Despois de finalizar a tempada 16/17, os pais dos infantís a iniciativa propia reuníronse co Buño e co Cerqueda debido ao malestar xeneralizado coa xestión da SCD Malpica. De novo, a petición do concelleiro de Deportes, os tres clubs implicados tiveron unha reunión conxunta. Despois de varias horas de conversas e de diverxencias (de novo a dos infantís era a categoría da que todos querían facerse cargo), os clubs acordaron manter a mesma dinámica: os infantís competirían no Malpica, os alevíns no Buño e os benxamíns no Cerqueda, coa proposta adicional de que o Malpica trataría de facer cadetes para que os nenos que acabaron a idade infantil puidesen seguir xogando no Concello.

Sexto. Aos poucos días, o concelleiro de deportes mantivo unha reunión cos pais dos infantís para explicarlles o acordo ao que chegaran os clubs e para escoitar a súa versión do acontecido na tempada que acabara de rematar. Por aplastante maioría (un 90% aproximadamente) os pais negáronse a que os seus fillos xogaran outra tempada no Malpica, alegando numerosas razóns que non é preciso explicar aquí para evitar ferir sensibilidades.

Sétimo. Esta circunstancia explicóuselle ao presidente da SCD Malpica, Manolo Suárez, e ao directivo da mesma entidade Fernando Couto. Nesa reunión que mantiveron co concelleiro (hai unha semana xustamente) tras comprobar que era imposible xuntar nenos para ter infantís manifestaron que a súa intención era deixar a directiva.

Oitavo. 6 días despois da mencionada reunión, o presidente da SCD Malpica comunícame que van seguir na directiva e que teñen intención de facer cadetes e infantís, ademais do equipo sénior.

Noveno. Cabe recordar que o Concello non ten a potestade nin a idea de prohibir nin de obrigar a nin club a facer ou desfacer equipos de fútbol base, tan só se tratou de coordinar do mellor xeito posible a cuestión para que os nenos e nenas do municipio non tiveran que ir xogar para outros sitios habendo catro clubs federados aquí. Por iso, insisto en agradecerlle a tódolos implicados o súa labor unha vez máis e dicir claramente que non se rompeu ningún pacto; ao contrario, na reunión mantida cos clubs para esta tempada 17/18 que vai comezar, o acordo ao que chegaron os clubs foi a de manter o mesmo reparto que a tempada pasada. Quizás a reflexión que hai que facer é por que (case) tódolos pais non quixeron que os seus fillos continuaran baixo a tutela da SCD Malpica.

Décimo. Para rematar, no que atinxe ás subvencións, o primeiro que hai que indicar é que o ano económico nas Administracións Públicas vai dende o 1 de xaneiro ao 31 de decembro, que non coincide coa tempada de fútbol. No ano 2016, o Concello de Malpica dedicou 15.350€ ao mundo do fútbol en subvencións (o que supón máis do 90% do importe total da subvencións a entidades deportivas), sendo a SCD Malpica o club que más subvención levou (4.000€). Para este ano 2017, en canto o orzamento municipal se aprobe, publicaranse as bases para que de novo as asociacións deportivas volvan a concorrer a esas subvencións, sendo un dos criterios a ter en conta a involucración desas entidades no deporte infantil. Dado que o importe total para subvencións deportivas se ve aumentado no proxecto do orzamento 2017 en case un 25%, chegando aos 21.000€, é preciso esperar a súa aprobación para iniciar o procedemento de subvencións, porque si se fai antes o importe a repartir sería o mesmo que no ano 2016. Aumento que demostra o compromiso do Concello de Malpica co deporte e con tódalas entidades deportivas, entre eles os clubs de fútbol que ven aumentado o seu gasto debido, precisamente, a esa dinámica de crear equipos de fútbol base.

11Xul 2017

Malpica recibiu hoxe aos máis de 100 nenos e nenas que participan no Campamento Deportivo Costa Bergantiñá

CAMPAMENTO COSTA BERGANTIÑA 2017

Ao longo desta semana celébrase o Campamento Deportivo Costa Bergantiñá, que ten a particularidade de ser un itinerante, o que permite aos nenos e nenas practicar diferentes modalidades deportivas en cada un dos cinco concellos que integran a asociación. Hoxe tocoulle a Malpica. O alcalde, Eduardo Parga; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, recibiron aos 106 rapaces e rapazas de Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe e Coristanco que participan na experiencia, e que puideron iniciarse no kaiak, o surf e as viaxes en banana.

O Campamento Deportivo Costa Bergantiñá continuará ata o venres, e o domingo celebrarase o Día da Bicicleta, organizado polo Grupo Voz. A vindeira semana comezarán o Campus de Fútbol, destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2005 e 2010, e o Curso de Vela da Deputación da Coruña, que este ano terá a sede en Corme.

8Xul 2017

A oficina de turismo de Malpica recibe unha media de 30 visitantes ao día no seu novo emprazamento

OFICINA TURISMO (18)

Hoxe fai unha semana que abriu ao público a oficina de turismo do Concello de Malpica no local da antiga ludoteca, na planta baixa da casa consistorial. Nestes setes días o servizo municipal, financiado coa colaboración da Deputación da Coruña, recibiu unha media de 30 visitantes ao día, aos que se suman os veciños e as veciñas do propio municipio que acoden en busca de algún tipo de información.

O turismo nacional é o que manda, xa que representa o 95% dos usuarios da oficina. A maioría veñen en parella ou en familia, e proceden en boa parte dos casos de Madrid, Cataluña, País Vasco e centro da península. Nunha porcentaxe moi elevada visitan Malpica por primeira vez, e o período de estancia oscila entre unha e dúas semanas. Os desprazamentos ata o noso concello realízanse preferentemente en coche, pero cada vez abundan máis as furgonetas e as caravanas.

Polo que se refire á información máis demanda, as persoas que visitan o noso concello queren saber que ver, onde comer e que rutas de sendeirismo poden realizar, tanto en Malpica como no resto da Costa da Morte. Neste sentido, os mapas turísticos que vimos de editar este verán están voando. Coincidindo coa apertura da nova oficina turística tamén se está levando a cabo unha campaña de distribución de material promocional entre os aloxamentos e os establecementos de hostalaría do concello.

6Xul 2017

Surf, kayak, ciclismo, zumba, vela, fútbol e campamentos para un verán cheo de actividade deportiva en Malpica

SURF 2017 (2) PRENSA

Participantes no curso de surf co concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández

As nenas e os nenos de Malpica non pararán un minuto este verán, porque xa desde o mes de xuño e ata o de setembro poden participar nun feixe de actividades organizadas pola Concellería de Deportes coa colaboración de entidades e empresas. A finais de xuño celebrouse o curso de surf, cunha altísima participación, e onte mesmo rematou o de kayak de mar, coincidindo coa saída dos/as participantes na excursión de aventura a Asturias que inclúe descenso do Sella en piragua, senda do oso en bicicleta e parque multiaventura, entre outras propostas.

Para o que queda de mes a oferta é moi ampla. O 16 celebrarase o Día da Bicicleta, organizado polo Grupo Voz, para o que non hai límite de prazas nin de idade. Do 10 ao 14 desenvolverase o Campamento Deportivo Costa Bergantiñá para nenas e nenos nados entre os anos 2003 e 2010. E do 17 ao 21 coincidirán dúas actividades. Por unha banda, o Campus de Fútbol Costa Bergantiñá, para nenas e nenos nados entre o 2005 e o 2010, e, por outra, o Curso de Vela da Deputación da Coruña, para rapaces e rapazas de 9 a 18 anos, e que este ano celebrarase en Corme. Por certo que o prazo de inscrición rematará mañá, e os/as interesados/as deben dirixirse ao Concello de Ponteceso.

Durante o mes de agosto desenvolverase o Torneo de Fútbol Praia e Fútbol Sala Infantil, para nenas e nenos de entre os anos 2002 e 2010, e todos os martes e xoves de 12 a 13 horas tamén haberá zumba praia para toda as idades, sen límite e sen cotas. A última proposta do verán é o Campamento Deportivo da Deputación, que se realizará en Culleredo do 26 de agosto ao 1 de setembro. Só hai tres prazas e haberá un único día de inscrición, que será o 17 de xullo, no departamento de Deportes do Concello de Malpica.

 

DIPT VERAN A copia

DIPT VERAN B copia

5Xul 2017

Medio Rural facilita ao Concello de Malpica novo material para loitar contra a vespa velutina

VELUTINA (1)

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo entrega esta mañá de 5 pértegas para a loita contra a vespa velutina aos concellos de Malpica, Laxe, Mazaricos, Carnota e Fisterra. O noso alcalde, Eduardo Parga, e o de Laxe, José Manuel Mouzo, recibiron o material no salón de plenos do Concello de Malpica, nun acto no que tamén participaron o concelleiro Miguel Fernández e os responsables de Protección Civil de ámbolos dous concellos.

Desta forma xa son 37 as pértegas entregadas no que vai de ano, dun total de 41, a concellos que non contaban con este material e que no pasado ano tiveron un número elevado de avisos de vespa velutina. Esta acción enmárcase no plan de vixilancia e control deste insecto que elaborou a Consellería do Medio Rural e no que tamén colaboran máis dun centenar de concellos, os grupos de emerxencia supramunicipais e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

VELUTINA (2)

Ademais da entrega deste material, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está distribuíndo un total de 5.700 trampas e doses de líquido atraente entre os apicultores dos concellos afectados, co obxecto de capturas as raíñas que saen da hibernación e impedir a formación de novos niños. Estas trampas complementan ás 5.100 que xa foron distribuídas aos apicultores nos anos 2015 e 2016. Delas, 2.182 están sendo distribuídas entre apicultores da provincia da Coruña, 1.465 a través das asociacións apícolas e 717 por medio das Oficinas Agrarias Comarcais.

Ademais, a todos os concellos colaboradores que se incorporen este ano ao plan se lles facilitarán equipos de protección individual, ben por parte da Axencia Galega de Emerxencias, ben por parte da Consellería do Medio Rural, estando previsto que a Axencia Galega de Emerxencias adquira tamén novas pértegas para completar a dotación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e de concellos colaboradores.

Ao longo do 2017 xestionáronse a través do operativo establecido un total de 7.013 avisos, retirándose ou inactivándose 3.185 niños. Deste total, 2.045 localizáronse na provincia da Coruña, 135 na de Lugo, 46 na de Ourense e 961 na de Pontevedra.

4Xul 2017

Aberto o prazo de inscrición para a II Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o 10 de setembro

A Concellería de Deportes organiza por segundo ano consecutivo a Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o 10 de setembro. A inscrición pode realizarse xa a través da ligazón https://championchipnorte.com/evento/inscribirme/id/1228. A cota é de 4 euros, un dos cales irá destinado á Asociación Española contra o Cancro. Os/as participantes que non teñan chip poderán alugalo por 1 euro. As carreiras infantís son gratuítas.

CARREIRA MALPICA

Unha das particularidades da carreira é que haberá dous percorridos: un de 10 quilómetros (nacidos no ano 2001 e anteriores) e outro de 5 quilómetros (2003 e anteriores), aos que se suman este ano tamén as categorías infantil (2004-2005) e alevín (2006-2007), benxamín (2008 a 2011) e biberón (2012 e posteriores).

A carreira principal sairá da praza de Anselmo Villar Amigo por Eduardo Vila Fano, rúa do Porto, Dársena, Camiño do Río, Eduardo Vila Fano, Guardia Pardines, Paseo da Praia, Canido, Cancela de Areas, Seaia, estrada da praia de Seaia, IES Urbano Lugrís, estrada de Santo Hadrián ata a capela, Camiño do Santo, Canido e Paseo da Praia, onde estará situada a meta. “Este traxecto permítenos combinar dureza, con varios cambios de superficie, e paisaxe, xa que as vistas durante o percorrido son espectaculares”, comentou o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín. Infantís e alevíns percorrerán 2.000 metros; benxamíns, 700 metros, e biberóns, 100 metros. As probas de 10.000 e 5.000 comezarán ás 11 horas, e a partir de aí celebraranse as demais.

Todos os participantes contarán con seguro, e ademais disporán de servizos de ducha e gardarroupa, avituallamento e unha camiseta como agasallo. O Concello de Malpica porá a disposición dos participantes na carreira o pavillón polideportivo para que se podan cambiar e duchar, así como un servizo de gardarroupa na Oficina de Información Turística, onde tamén se recollerán os dorsais e chips ou ben o sábado 9 de 17.00 a 20.00 horas ou ben o propio día da carreira a partir das 09.00 horas.

1Xul 2017

O Concello de Malpica traslada a oficina de turismo ao local da antiga ludoteca para achegar o servizo á cidadanía

OFICINA TURISMO (11)

Coincidindo co comezo do mes de xullo, este sábado abriu ao público a oficina de turismo do Concello de Malpica no local da antiga ludoteca, na planta baixa da Casa do Concello. Deste xeito, o servizo que se viña prestando nos últimos meses no Centro Cívico, coa colaboración da Deputación da Coruña, estrea instalacións propias e facilita o acceso á información tanto a veciños como a visitantes. O servizo funcionará a partir de hoxe de martes a sábados, en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 18.30, e estará atendido pola técnica de Turismo do Concello de Malpica.

OFICINA TURISMO (18)

No seu primeiro día de funcionamento a oficina xa recibiu a un bo número de visitantes, que reciben información detallada tanto do municipio como do resto da Costa da Morte e teñen á súa disposición numeroso material impreso sobre a zona. Os turistas poden recoller ademais os novos mapas e rueiros elaborados polo Concello de Malpica, que ofrecen detallada información de todos os recursos turísticos. Tamén se achegaron ata o local o alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Pilar Doldán.

Página 2 de 212