Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Delegados de zona da Asociación de Antigos Alumnos do colexio Calvo Sotelo da Coruña celebraron unha xuntanza en Malpica

24Xan 2016

Delegados de zona da Asociación de Antigos Alumnos do colexio Calvo Sotelo da Coruña celebraron unha xuntanza en Malpica

IMG-20160123-WA0012_Asociación-de-Antigos-Alumnos-do-colexio-Calvo-Sotelo-da-CoruñaMalpica acolleu este sábado unha xuntanza dos delegados de zona da Asociación de Antigos Alumnos do colexio Calvo Sotelo da Coruña. Foi unha xornada de traballo, de ocio e, sobre todo, de confraternidade entre os representantes da entidade nas distintas comarcas da provincia. A organización correspondeu a Federico Blanco Gorín, delegado de Bergantiños, que destacou a “atención extraordinaria” que recibiron en Malpica.

A xornada comezou coa recepción do alcalde aos visitantes, algúns dos cales non coñecían Malpica. Eduardo Parga agradeceu a visita do grupo, integrado por unha vintena de persoas, e entregoulles unha peza de Olería de Buño como recordo da súa estancia no concello. Os representantes da Asociación de Antigos Alumnos, pola súa banda, obsequiaron ao Concello de Malpica cun prato conmemorativo do colexio Calvo Sotelo e unha reprodución da Torre de Hércules. No acto, celebrado no Centro Cívico, tamén participaron o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que ademais é irmá do delegado da zona de Bergantiños da Asociación de Antigos Alumnos do colexio Calvo Sotelo. Tamén se sumou á visita o ex concelleiro Manuel Torrado, que foi alumno do centro coruñés.

Despois da recepción institucional, os delegados de zona celebraron unha xuntanza no mesmo Centro Cívico para preparar as próximas actividades, entre as cales destaca a Festa da Unión, que se celebra en maio, coincidindo co día de María Auxiliadora, patroa do colexio. Nese acto, que ten lugar nas instalacións do Calvo Sotelo, reúnense as diferentes promocións que saíron do centro nos seus case sesenta anos de historia.

Pero o gran proxecto da Asociación de Antigos Alumnos, que conta nestes momentos con 300 socios/as, é, precisamente, a Obra Social. Federico Blanco destacou que dentro do programa denominado “Mini Obxectivos” aténdense as necesidades de atención médica, manutención, transporte ou de calquera outro tipo, de antigos alumnos que carecen de recursos. Así mesmo, o Memorial Eloy Rey Vidal, de creación máis recente, permitiu abrir outras dúas liñas de axuda a os ex alumnos. Por unha banda, a aqueles que se atopan nunha “situación límite”, e por outra, a través da Fundación Juan Soñador, a proxectos concretos. Este traballo social susténtase grazas ás achegas dos socios e a donativos, pero os fondos resultan insuficientes na actualidade para atender todas as demandas, sinalou o delegado da zona de Bergantiños.

Ademais da Obra Social, a entidade organiza a Festa de Reis para fillos/as dos socios, un trofeo de fútbol entre equipos de antigos alumnos, e xuntanzas coma a de onte, que incluíu unha visita á ermida do Santo Hadrián e un xantar nun restaurante malpicán. “Procuramos mobilizar á xente en cada zona, e, aínda que á xente nova é máis difícil implicala, a federación da Coruña é a que mellor está funcionando de España”, destacou Federico Blanco.