Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Artesanía, música e relixiosidade na Semana Santa de Malpica

11Abr 2017

Artesanía, música e relixiosidade na Semana Santa de Malpica

Na Semana Santa de Malpica non falta de nada. Mesmo o bo tempo semella estar garantido, segundo as previsións de Meteogalicia, o que axudará ao bo desenvolvemento das actividades organizadas directamente polo Concello ou por diversas entidades coa colaboración municipal.

Ruta guiada Olería de Buño

A artesanía ten un peso específico no programa, comezando pola ampliación do horario de apertura do Ecomuseo do Forno do Forte de, que poderá visitarse ata o sábado de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo de 10 a 14 horas. En colaboración coa Asociación Oleira de Buño terán lugar o venres e o sábado as Rutas guiadas pola Olería de Buño, que inclúen un percorrido explicativo polos fornos visitables, guiado por Antonio Pereira “O Rulo”, e outro paralelo de fotografía. Tanto o día 14 como o 15 haberá unha ruta de 11.30 a 13.30 horas e outra de 17 a 19 horas.

Pola súa banda, a asociación de redeiras O Fieital ofrece visitas guiadas individuais e para grupos, previa reserva no teléfono 617 695 230. E para quen queira saber máis sobre a vila de Malpica recomendamos as rutas temáticas urbanas Tras os pasos de Lugrís (saída da praza Villar Amigo), Balcón das Sisargas (paseo do Caldeirón) e Balcón do porto (Casa do Pescador), con audioguías.

FESTA XUVEN

A música tamén estará moi presente na Semana Santa de Malpica, comezando o xoves 13 coa 5ª edición da Festa da Xuventude, que reunirá ás orquestras New York e Bomba e a discoteca móbil CDC nunha velada que se prevé multitudinaria. O venres teremos tamén sesión vermú no centro da vila con MCarballo Banda, o grupo do ourensán Manuel Carballo, guitarrista e compositor con máis de 30 anos de experiencia, que colaborou con grupos e músicos galegos como Miguel Costas, Cristina Pato ou Magín Blanco, e que presenta agora novo traballo discográfico cun estilo moi persoal. A súa estancia en Malpica prolongarase ata o sábado, cunha nova actuación pola tarde, tamén ao aire libre.

E polo que se refire á celebración relixiosa, o acto central será a procesión do Venres Santo, que sairá ás 20 horas dende a igrexa de San Xulián acompañada pola Banda de Gaitas Malante.