Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 14°
Luns 15°
Martes 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A XUNTA PON EN VALOR O TRABALLO DOS POLOS DA PROVINCIA CORUÑESA QUE EN MENOS DUN ANO ASESORARON ARREDOR DE 180 PERSOAS EMPRENDEDORAS

30Xuñ 2023

A XUNTA PON EN VALOR O TRABALLO DOS POLOS DA PROVINCIA CORUÑESA QUE EN MENOS DUN ANO ASESORARON ARREDOR DE 180 PERSOAS EMPRENDEDORAS

  • O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron hoxe en Buño nos Venres dos polos: tradición e innovación
  • Destacaron que a Rede autonómica de polos está a conectar ás persoas con iniciativa empresarial, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no eido laboral e ás empresas para seguir a crear emprego de calidade en Galicia
  • Na provincia da Coruña están en activo desde o ano pasado o polo Rías Altas e Arco Ártabro (sito en Ferrol) e Costa da Morte (Coristanco) que acompañaron desde a súa posta en marcha 169 proxectos empresariais

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron hoxe na actividade Os Venres dos Polos: tradición e innovación sobre emprendemento sustentable e ligado ao territorio, onde resaltaron o traballo que se está a facer na Rede galega de polos de emprendemento que, no caso da provincia da Coruña, permitiu acompañar xa, en menos dun ano, arredor de 180 persoas relacionadas con 169 proxectos empresariais.

Os dous representantes autonómicos sinalaron o importante labor que a través dos polos se está a desenvolver para dinamizar o mercado laboral e xerar traballo de calidade e pegado ao territorio. Estes recursos, segundo apuntou o secretario xeral de Apoio ao Emprego, conectan ás persoas emprendedoras, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no ámbito do emprego, e aos sectores tractores e empresas do territorio. “Unha conxugación eficaz e imprescindible para dar resposta ás necesidades de todos eles”, especificou.

Nos polos que actualmente están activos (serán 15 a finais deste ano) e que xa prestan cobertura ao 100 por cento da xeografía galega, acompáñase ás emprendedoras e emprendedores galegos nos seus proxectos, desde principio ao fin, ao tempo que se celebran actividades de difusión da cultura emprendedora nas que se fomentan o intercambio de ideas e coñecementos.

En toda Galicia xa se está a prestar apoio a través desta iniciativa a unhas 380 persoas emprendedoras con máis de 1.000 sesións de titorización, e se está tamén a atender 355 proxectos, dos cales o 80,28% están activos (285).

Na provincia da Coruña están a funcionar na actualidade o polo Rías Altas e Arco Ártabro, e Costa da Morte que dan cobertura a emprendedores de 29 e 39 concellos destas áreas, respectivamente.

Desde a súa posta en marcha hai menos dun ano, atendéronse no polo situado en Coristanco, 61 proxectos, impulsados por 41 persoas. Na oficina situada en Ferrol, son xa 108 os proxectos asesorados de diferentes sectores promovidos por 118 persoas emprendedoras, dos que un total de 22 iniciativas proceden do municipio herculino. No 81,6% dos casos, os negocios están activos.

Por sectores, nos polos en funcionamento na provincia da Coruña, teñen maior representatividade entre as propostas emprendedoras o comercio por xunto e ao retallo (19%), a agricultura (17%), as actividades artísticas, recreativas e de entretemento, código (12%) ou a hostalería (7%).  

Na actividade celebrada hoxe desde o polo Costa da Morte participaron para expoñer a súas experiencias como emprendedores responsables da empresa Alfarería Aparicio, un obradoiro de olería de Buño, no que se levan 40 anos facendo pezas artesanais de cerámica; Redeiras de Corme (Asociación Illa da Estrela), unha entidade sen ánimo de lucro constituída desde 2009 con 17 socias de procedencia familiar do mar e autónomas; e a firma The Surf Factory, formada por artesáns que desenvolven tablas de surf.

Axudas ao emprendemento

A directora xeral de Emprendemento, pola súa banda, destacou a nova edición das axudas ao emprendemento que se aprobou onte no Consello da Xunta. Por segundo ano consecutivo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocará apoios para axudar cos investimentos desenvolvidos polas iniciativas empresariais máis recentes e contribuír a mellorar a súa competitividade. A iniciativa contará cun orzamento de  7 millóns de euros e poderanse beneficiar pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo.

Outorgaranse axudas para financiar investimentos realizados polas entidades entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude. Cubriranse, deste xeito, investimentos xa realizados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou adquisición de equipos de segunda man para o negocio, entre outros. Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade