O Concello de Malpica e a ANPA Xaviña organizan Pequeoleiros para promover o contacto dos escolares de Buño coa olería
Once nenas e nenos de cinco a doce anos participarán en obradoiros de barro dous días á semana dende mañá ata finais de abril
Mañá arrancará unha nova edición de Pequeoleiros, o programa deseñado polo Concello de Malpica, a través do ecomuseo do Forno do Forte, e a ANPA Xaviña, do colexio Joaquín Rodríguez Otero, para difundir a olería entre os escolares de Buño e conseguir que os nenos e nenas manteñan o contacto cunha tradición centenaria que é, ademais, un dos sinais de identidade e un importante recurso económico e turístico de Buño e de todo o concello.
Pequeoleiros desenvolverase nas instalacións da Casa do Oleiro todos os mércores e xoves ata finais de abril, en horario de 16.50 a 17.50. O oleiro José Antonio Corral será o encargado de transmitir os segredos da olería aos once nenos e nenas de cinco a doce anos de idade que participarán na iniciativa, que rematará cunha exposición das pezas creadas polos escolares.