O Ultratrail Camiño dos Faros partirá do porto de Malpica o día 24
Esta primeira edición piloto terá carácter solidario e servirá para recadar fondos para a Federación galega de enfermidades raras e crónicas
A Asociación Camiño dos Faros organiza un ultratrail solidario pola ruta de 203 quilómetros que une Malpica con Fisterra. Esta primeira edición non será competitiva, senón que se desenvolverá a xeito de convivencia free running solidario, e todos os fondos que se recaden irán destinados á Federación galega de enfermidades raras e crónicas (Fegerec).
Mañá, día 18, será o último día para inscribirse. Polo momento son 18 os que realizarán os 203 quilómetros e 17 os que percorrerán diferentes tramos da ruta. A ficha está dispoñible no Facebook da Asociación Camiño dos Faros e na web de Fegerec, na que tamén poden facerse efectivos os donativos. Os organizadores da carreira decidiron ?poñer á venda? 2.432 quilómetros ao prezo simbólico de 1 euro, e xa son moitos os que están vendidos.
O ultratrail arrincará o día 24, ás 24.00 horas, do porto de Malpica, e a chegada á meta, ubicada no Faro de Fisterra, está prevista para o sábado 26 ás 23.59 horas.