Os Quinquilláns achegaron a Rosalía de Castro ao Centro Cívico de Malpica
Foi a quinta cita da 17ª Mostra de Teatro do Concello
O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu a última hora da tarde deste venres a representación “A pluma viva de Rosalía”, de Os Quinquilláns. Foi a quinta cita da 17ª Mostra de Teatro do Concello.
O espectáculo versou sobre liberdade e igualdade a partir de textos da célebre Rosalía de Castro. Está baseado nun feito real de censura á obra da escritora galega.
Próxima cita
A programación continuará o sábado, no espazo e horario habituais (Centro Cívico, 20.30 horas), con “Bravas”, de Isabel Risco. Trátase dunha produción que xira sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valoroso clan, o clan que elas mesmas paren, aleitan, manteñen, constrúen cos piares da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade.
Dende o consistorio recordamos que, debido á pandemia, o aforo é limitado, polo cal os interesados en asistir deberán reservar a entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com, indicando nome completo, número de DNI e un teléfono de contacto. Colabora nesta iniciativa a Deputación da Coruña: @DACCultura, en Twitter, e facebook.com/Culturadac