Malpica explorou sobre a zamborca e a saboga
A confraría de pescadores, co apoio da concellaría de Cultura, organizou unha xornada divulgativa sobre estas especies mariñas
A confraría de pescadores de Malpica acolleu onte, venres 19 de novembro, á tarde unha xornada divulgativa sobre a zamborca e a saboga, dúas especies mariñas coñecidas máis tecnicamente como Alosa alosa e Alosa fallax. Alí expúxose o proxecto Mar de Alosas, desenvolto pola Universidade de Santiago e en colaboración co pósito malpicán, para afondar no coñecemento do medio mariño.
O doutor Fernando Cobo e o director David J. Nachón, ambos da USC, afondaron no tema ante os asistentes, entre os que destacou o patrón maior de Malpica, Pedro Pérez.
Organizou a confraría de pescadores co apoio da concellaría de Cultura co obxectivo de visibilizar a función social, educativa, histórica e científica que desenvolve o sector. Este estudo está financiado polo Goberno de España, a Fundación Biodiversidad, a Unión Europea e a Universidade de Santiago de Compostela.