Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 15°
10°
Mércores 15°
11°
Xoves 16°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica retoma a actividade cultural con obras de teatro e a inauguración dunha exposición nas rúas do municipio

2Mar 2021

Malpica retoma a actividade cultural con obras de teatro e a inauguración dunha exposición nas rúas do municipio

O Concello de Malpica retoma a actividade cultural prevista para o mes de novembro. Logo da mellora da situación sanitaria e do levantamento das restricións, o municipio acollerá ao longo do mes de marzo distintas representacións teatrais nas instalacións do Centro Cívico, ademais dunha nova edición do Certame de Poesía Erótica e da entrega de premios do concurso ‘Rúa dos Contos’.

A concellería de Cultura organiza o próximo 6 de marzo na Praza do Campo un acto para galardoar ás persoas premiadas no certame de microrrelatos ‘Rúa dos Contos’, celebrado nos meses de abril e maio do ano pasado. O evento comezará ás 12:00 horas e só poderán acudir as e os vencedores do concurso. Servirá tamén para inaugurar unha exposición pública dos traballos participantes.

Ese mesmo día, ás 19:00 horas, terá lugar un novo Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’, que este ano cumpre a súa XV edición. A compañía Aldaolado, pola súa banda, marcará o reinicio das representacións culturais no Centro Cívico coa súa obra ‘Epístola ás neofalantes’.

O día seguinte, 7 de marzo, o pano volverase abrir a partir das 18:00 horas, con Tarabela Creativa escenificando ‘Tabú’, de Carmen Conde, e que servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller. O domingo 14 de marzo, á mesma hora, será a quenda do Teatro da Ramboia con ‘O meu mundo non é deste reino’. A última actuación do mes, programada para o 21 de marzo ás 18:00, estará a cargo de Producións Teatrais Excéntricas, que deleitará ao público con ‘Medida x Medida’.

As persoas interesadas en acudir deberán solicitar previamente as entradas chamando ao Departamento de Cultura, no 981 707 104, ou ao Concello, no 981 720 001.  Lembramos a importancia de cumprir coas medidas vixentes en materia sanitaria, co uso obrigatorio de máscara dentro e fóra do recinto, o mantemento da distancia de seguridade e empregando o xel hidroalcólico que se porá a disposición do público. O aforo estará limitado ao 30% para garantir a seguridade das espectadoras e dos espectadores.

“Facemos un chamamento á responsabilidade individual agora que o contexto nos acompaña. Non podemos baixar a garda, xa que o incumplimento das medidas suporía un retroceso na situación”, achegan desde o Concello.