Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Buño

Buño

10Ago 2019

SEA iniciará este mes os labores de limpeza e roza do parque empresarial

con beatriz sestayo xerente sea

A xerente de SEA reuniuse recentemente co alcalde

A xerente da Sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, asinou o contrato para a execución da limpeza, roza, eliminación da vexetación e xestión da biomasa vexetal das parcelas do Parque Empresarial de Malpica, que comezará este mesmo mes.

A empresa “ Forpón” será a encargada de realizar os traballos, aos que a SEA destina 1.856 euros. O prazo de execución do contrato é de 21 días naturais desde a firma do contrato, realizada o 8 de agosto.

A xerente da SEA, Beatriz Sestayo, destacou que o contrato responde o compromiso “de SEA de manter o patrimonio industrial público en óptimas condicións para o impulso á creación de emprego”, tal como se comprometera na reunión que mantivo recentemente co alcalde, Walter Pardo.

10Ago 2019

Os primeiros datos sobre afluencia de público e vendas na Mostra da Olería convidan ao optimismo

IMG_0043

As primeiras valoracións sobre a 36ª Mostra da Olería de Buño son positivas e convidan ao optimismo. Así o considera a concelleira delegada para a Olería, Leticia Naya, despois de recoller opinións entre o sector e de participar activamente durante os catro días da feira.

O cambio de formato foi a principal novidade desta edición, na que novamente destacou unha programación de actividades paralelas con actuacións musicais de gran calidade, obradoiros participativos, rutas e gastronomía. Así, actividades novas como o showcooking convértense nun interesante escaparate para a nosa olería, neste caso de cara ao sector da restauración, abrindo as portas a novas vías de comercialización, e outras xa veteranas, como a Cocedura Tradicional, consolídanse como un dos grandes referentes da Mostra. Este ano pasaron polo Ecomuseo do Formo do Forte arredor de 4.000 persoas, a maioría durante a fin de semana da Cocedura.

WhatsApp Image 2019-08-03 at 17.32.17

“Sabendo de todas as dificultades que houbo, esta Mostra da Olería pechou cuns resultados moi bos, destacando especialmente a xornada do sábado, na que se superaron con creces todas as expectativas”, sinala Leticia Naya. Por iso, e a falta dunha xuntanza conxunta para poñer sobre a mesa os datos definitivos, “cos primeiros datos que fomos recollendo estes días só podemos ser optimistas”, engade.

Dende a Concellería de Olería xa se pensa na próxima edición. “Esperamos _apunta Leticia Naya_ que con algunhas melloras, como a planificación e a organización anticipadas, ou o contacto e o diálogo constante coa xente da olería, poidamos seguir medrando. Cremos no futuro da olería de Buño e no seu potencial, e a partir de agora poñeremos todo da nosa parte para poñelo en valor”, asegura a concelleira delegada, que remata felicitando ao equipo organizador.

2Ago 2019

A Cocedura Tradicional no Forno do Forte complementarase este ano cunha Carroa que pon en valor a dieta atlántica e a cociña mariñeira

Esta fin de semana haberá festa no Ecomuseo do Forno do Forte. Arredor da Cocedura Tradicional, que se vén repetindo dende hai xa 20 anos coincidindo coa Mostra da Olería, nesta ocasión queremos poñer en valor a Carroa, unha comida tradicional que se facía unha vez rematada con éxito a cocedura e na que se preparaban, sobre todo, guisos, asados á brasa ou caldeiradas para celebrar o traballo ben feito, recuperar forzas e gratificar aos xornaleiros e xornaleiras.

Con esa finalidade, este ano variaremos o menú para ofrecer ás persoas que queiran achegarse un guiso de lapas e mexillóns con patacas, un prato tradicional da cociña mariñeira. Carmen, a cociñeira do restaurante O Esqueiro, levará a batuta nos fogóns para deleitarnos cun prato que representa todos os valores da dieta atlántica e no que, unha vez máis, fusionamos olería e mar para ofrecer unha mestura que só é posible no noso concello.

02082019 showcooking (2)

Nesa fusión intervén un terceiro elemento: a cociña. Hoxe mesmo tivemos a ocasión de asistir a un showcooking no que os cociñeiro Óscar Ures, do restaurante A Cunca, e David Vilariño e Alberto Alvedro, da Taberna do Campo, volveron a poñer en evidencia o ben que “maridan” gastronomía e olería de Buño. Ceviche de corvina, polbo sobre tosta de pan de cereais e carne asada a 100 graos durante tres horas con verduras foron, con moitísimos máis matices, os tres pratos que puideron degustar as persoas que conseguiron praza, xa que estaban limitadas.

Cocedura Tradicional

Mañá será outro gran día de Mostra da Olería, tanto no parque Luciano García Alén, no que haberá actuacións musicais e obradoiros, coma no Ecomuseo do Forno do Forte. Ás 11.00 arrancará a Cocedura Tradicional, dirixida, un ano máis, polo Rulo, coa carga do forno. Serán tres horas de traballo para montar, peza a peza, a torre de ladrillos e lama que manterá a calor para a cocción das vasillas. Serán todas pezas da olería tradicional elaboradas no ecomuseo co torno movido a pé, como se vén facendo dende hai séculos. Ás 17.00 horas teremos a axuda experta de Manuela de Mariñán para prender o forno, e farán falla outras tres horas de traballo dos atizadores para manter a temperatura e garantir o bo resultado do traballo.

Este ano a Cocedura Tradicional non só terá como prato forte unha Carroa distinta, a partir das 21.00 horas, senón tamén animación musical e teatral durante a tarde-noite. E o domingo, nova cita ás 11.00 horas para descargar o forno e comprobar se tamén este ano tivemos éxito coa Cocedura Tradicional. As pezas serán identificadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.

Cartel cocedura maio 19

1Ago 2019

Buño reivindica a fortaleza da súa olería para afrontar os retos dos novos tempos

IMG_0026

O grupo de gaitas de Malante puxo a banda sonora do acto inaugural da 36ª Mostra da Olería de Buño, que durante catro días converterase no escaparate da nosa artesanía. Pero, aínda que ten un fin comercial, a feira pretende ir máis alá, e reivindicar a fortaleza da Olería de Buño para afrontar os retos que presentan os novos tempos. Retos aos que, dun xeito ou doutro, se referiron todas as autoridades que interviñeron no evento.

Alfredo Cañizo, concelleiro de Turismo; Leticia Naya, concelleira de Olería; Pilar López-Rioboo, subdelegada do Goberno; Sol Vázquez, directora xeral de Comercio e Consumo; Xosé Regueira, presidente en funcións da Deputación da Coruña, e Walter Pardo, alcalde de Malpica, coincidiron en lanzar unha mensaxe de apoio á olería ante eses novos retos e de compromiso das administracións ás que representan para garantir o futuro do principal pobo oleiro do noroeste peninsular, como recalcou o alcalde.

Nese sentido, a subdelegada do Goberno na Coruña agradeceu aos oleiros e ás oleiras de Buño “a súa defensa do patrimonio cultural galego”, un patrimonio que, en palabras de Xosé Regueira, debe estar presente nas casas, nos restaurantes ou nos petos dos nenos, “en todos os escenarios nos que nos movemos”. O vicepresidente da Deputación, que hoxe exercía como presidente en funcións, apelou á necesidade de apostar pola olería “como sector económico de futuro” e destacou o apoio da Deputación, que se materializa, por exemplo, no convenio para o mantemento do Ecomuseo do Forno do Forte ou nos 80.000 euros que achega para a Mostra da Olería.

IMG_0105

Walter Pardo destacou que, malia manter “o liderado dentro das vilas oleiras”, o futuro do Buño oleiro “está ameazado pola falta de relevo xeracional”, polo que urxe actuar en varias frontes: en primeiro lugar, “garantindo a preservación do legado de coñecementos centenarios da comunidade oleira”; en segundo lugar, “fomentando a formación de novos oleiros e oleiras”, e, por último, “potenciando canles axeitadas de comercialización”. Son tres obxectivos que requiren un traballo inxente, pero que, segundo manifestou o alcalde, comezando “xa”, dotándonos dunha “visión estratéxica” e conseguindo a unión entre o sector e as administracións, será posible.

Despois das intervencións, que tiveron lugar na carpa do parque dedicado a Luciano García Alén, representado un ano máis pola súa viúva e a súa filla, as autoridades fixeron un percorrido polos postos de venda, situados por segundo ano na rúa, e remataron a xornada no Ecomuseo do Forno do Forte, que ademais de acoller unha exposición de novas pezas dos oleiros e as oleiras, esta fin de semana será o escenario dunha nova Cocedura Tradicional.

23Abr 2019

O fútbol base volveu a conquistar Xaviña no I Memorial Ramón Calvete Gómez

EF Luis Calvo Sanz Campión Benxamín

O V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez converteu nunha festa do fútbol e da deportividade o campo municipal de Xaviña (Buño), no que se deron cita case 500 nenos e nenas.

O xoves foi o día de benxamíns e infantís, con 16 equipos en total. As Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz alzáronse co campionato na categoría benxamín, despois de superar á SD Sofán por 6-2. O Imperátor OAR da Coruña foi terceiro e o Galicia Gaiteira, cuarto. Nos trofeos individuais, Lucas Suárez, das EF Luis Calvo Sanz, recibiu o Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador, mentres que o gardameta da SD Sofán A, Ismael Cancela, foi elixido como mellor porteiro do torneo.

Na categoría infantil o título foi para o Corme, que se impuxo ao Cabana na final. O Bergantiños foi terceiro e o Concello de Zas, cuarto. O Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador foi para Borja Torrado, do Corme CF, mentres que o mellor porteiro do torneo foi Yago Pazos, da Cabana SD.

O venres foi a quenda de prebenxamíns e o alevíns.

Na categoría prebenxamín, as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz mostráronse intratables de principio a fin e gañaron o torneo. Tordoia foi segundo; Cee, terceiro, e Camariñas, cuarto. No que respecta aos premios individuais, o Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador foi para Iker López, da SD Tordoia, e o de mellor porteiro foi para Iago Marcote, do UC Cee.

Por último, na categoría alevín tamén se impuxeron as EF Luis Calvo Sanz, tras vencer na final ao Cerqueda. O terceiro posto foi para o Sofán, que gañou ao Cabana na quenda de penaltis. O Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador foi para Manu Abelenda, das EF Luis Calvo Sanz, e o de mellor porteiro, para Kelyan Faria, do Cabana SD.

13Abr 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura e a súa oferta de actividades durante a Semana Santa

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa coa finalidade de converterse nun recurso de referencia para as persoas que visiten a nosa comarca durante eses días. Deste xeito, dende o luns 15 ata o sábado 20 o ecomuseo estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo 21 poderá visitarse de 10 a 14 horas.

forno_do_forte

Paralelamente, ao longo da semana levaranse a cabo varias actividades. De martes a venres, de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30, haberá obradoiros de barro para nenos e nenas, cun máximo de 25 participantes por quenda. Pero á parte de que os pequenos teñan o seu primeiro contacto co barro no cabanote do Forno do Forte, os maiores poderán probar a sentarse no torno.

Así mesmo, o venres e o sábado realizaranse rutas guiadas polo Buño oleiro. O ecomuseo será o punto de partida ás 12.00 horas e tamén o de chegada ás 14.00 horas. Ao longo da Ruta Oleira visitaranse os fornos da Costa e Os Mouróns, así coma o centro da vila, onde os visitantes non só terán a oportunidade de ver e saber máis sobre as tendas, os alfares ou a tradición oleira, senón tamén sobre a igrexa, o cruceiro e outros elementos patrimoniais de relevancia. Nos fornos restaurados faranse paradas específicas para explicar as súas características e o proceso de cocción.

29Xan 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño superou no 2018, por terceiro ano consecutivo, os 20.000 visitantes

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Por terceiro ano consecutivo, o Ecomuseo do Forno do Forte superou os 20.000 visitantes no 2018. En concreto foron 20.275, 42 máis ca no ano 2017 e 204 máis ca no 2016. O bo tempo prolongado durante case todo o ano, que contribuíu ao incremento dos turistas individuais e das visitas de entidades e turoperadores, xunto cun pequeno aumento des colexios (dous máis ca no ano anterior), foron dous factores clave para seguir mellorando as cifras.

Os escolares supoñen o 11,3% do público, xa que polo ecomuseo de Buño pasaron o ano pasado 2.293 nenos e nenas de máis de 40 centros educativos. Como xa sucedera o ano anterior, en momentos puntuais foi preciso contratar persoal de apoio para poder atender a demanda dos colexios, xa que, ademais de mergullarse na historia da olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través da visita guiada ao complexo, os rapaces convértense en oleiros por un día nos obradoiros infantís que se desenvolven no cabanote.

Pero as principais visitas colectivas son as organizadas por entidades e turoperadores. De feito, o Forno do Forte foi o destino o ano pasado de 81 excursións, que achegaron ata Buño a un total de 4.108 visitantes.

En canto aos visitantes individuais, a maioría son da contorna. A Coruña é a cidade galega que máis visitantes achega, seguida de Vigo e Santiago, e o ano pasado notouse un aumento de persoas procedentes das Rías Baixas e da Mariña Luguesa. De fóra de Galicia, Madrid é a comunidade que “envía” máis turistas ao ecomuseo. A continuación sitúanse Cataluña e Comunidade Valenciana, e increméntanse as visitas dende Andalucía e Castela León. Francia e Gran Bretaña son, así mesmo, os países de orixe da maior parte dos visitantes estranxeiros, e dende o outro lado do Atlántico dominan os de Sudamérica, aínda que tamén tivemos algún de Estados Unidos.

Se aínda non coñeces o Forno do Forte, aproveita para visitalo en calquera época do ano. Estes son os nosos horarios:

HORARIO DE INVERNO (NOVEMBRO A FEBREIRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 18:00
Luns pechado

HORARIO DE VERÁN (MARZO A OUTUBRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 19:00
Domingo
Mañá: 10:00 a 14:00
Luns pechado

ESTE HORARIO AMPLÍASE DURANTE A SEMANA SANTA E A MOSTRA DE OLERÍA

29Dec 2018

O convenio para o mantemento do Ecomuseo do Forno do Forte increméntase ata 69.200 euros para o ano 2019

28122018 convenio

Valentín González Formoso e Eduardo Parga Veiga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinaron o convenio para o financiamento das actividades do ecomuseo do Forno do Forte durante o ano 2019.

A institución provincial achegará 69.200 euros, o que supón un incremento de 9.200 euros con respecto a este ano, para cubrir o 100% dos gastos de mantemento, xestión e promoción do ecomuseo do Forno do Forte de Buño, co obxecto de garantir a valorización e mantemento do conxunto etográfico.

González Formoso subliñou que, dende hai máis dunha década, a Deputación da Coruña colabora co Concello de Malpica de Bergantiños na posta en valor e difusión da olería tradicional de Buño, mostrando desde a vida cotiá dos artesáns ata todo o proceso de elaboración das pezas, nunhas instalacións que recuperan e conservan os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á olería.

O presidente provincial destacou que, ademais de financiar estas actividades, a Deputación da Coruña apoia tamén cada ano a celebración da Mostra de Olería de Buño, á que se destinaron 80.000 euros nos últimos anos.

Un importante recurso turístico e etnográfico

Os visitantes do Forno do Forte teñen a oportunidade de coñecer en profundidade todo o proceso de produción de pezas, desde o torneado ao cocido ou o secado nun centro que contribúe a conservar e poñer en valor a cultura popular e é tamén un importante recurso turístico e etnográfico da comarca.

O acordo asinado entre González Formoso e Parga Veiga renova o compromiso da Deputación co Forno do Forte. Entre as obrigas do Concello, atópase ofrecer un horario mínimo de atención ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas, todos os días da semana agás o luns. Así mesmo, fomentarase o estudo e investigación en asociación con entidades oleiras e culturais da zona e facilitarase información turística e cultural sobre a Costa da Morte aos visitantes.

10Nov 2018

Doazón de sangue en Buño

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará en Buño o sábado 10, en horario de 10.00 a 15.00.

41197471_1830678856987009_5713517177651331072_o

Página 1 de 3123