gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 16°
12°
Xoves 17°
14°
Venres 17°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Susana Seivane, Os da Porfía, Luar na Lubre e Coanhadeira, catro grandes grupos para unha gran Festa Galega

7Ago 2018

Susana Seivane, Os da Porfía, Luar na Lubre e Coanhadeira, catro grandes grupos para unha gran Festa Galega

CARTEL

Cada vez falta menos para un dos grandes acontecementos do verán, a nosa Festa Galega, que cumpre 11 anos e que volve acompañada dunha Feira Medieval Mariñeira para garantir a animación da mañá á noite. Catro grandes nomes da música tradicional galega pasarán polo escenario do porto entre os días 17 e 18 de agosto: Susana Seivane, Os da Porfía, Luar na Lubre e Coanhadeira. E non serán os únicos, porque, como é costume, na Festa Galega contamos coas agrupacións de música tradicional do noso concello e con bandas de gaitas locais e convidadas.

Se a Festa Galega acada xa a súa 11ª edición, a Feira Medieval Mariñeira cumpre 6 anos. Coa apertura dos postos de artesanía e gastronomía que se situarán ao longo da rúa Eduardo Vila Fano comezaremos a celebración a partir das 11.00 horas do día 17 de agosto. A música galega comezará a soar ás 22.00 horas coas Pandereteiras da A.C. Raigañas sobre o escenario do porto, ao que subirán ás 22.30 as Feiticeiras da A.C. Malante. Para as 23.00 horas está previsto o concerto de Susana Seivane, unha das nosas gaiteiras máis internacionais, que está a piques de lanzar o seu quinto disco, e para pechar a velada contaremos a partir das 00.15 horas con Os da Porfía, sete homes que despois de formar parte durante anos de distintas agrupacións decidiron iniciar un proxecto común interpretando temas recollidos por eles e cunha indumentaria que xa é un dos seus sinais de identidade.

O día 18 volverá a animación ás rúas de Malpica desde as 11.00 horas coas actividades da Feira Medieval Mariñeira. E tamén pola mañá, ás 12.00 horas, sairá do Centro Cívico o tradicional Desfile de Bandas de Gaitas da Asociación Cultural Malante, un encontro de música tradicional que cumpre seis anos e que xunta, á parte da entidade organizadora, ás bandas de gaitas de Calo (Teo), Ximiela (Louro-Muros) e Ortigueira. Para pechar a mañá do sábado está prevista unha xurelada tradicional coa colaboración da A.C.D. A Estádiga.

A música volverá pola noite ao porto. A segunda sesión nocturna da Festa Galega arrancará ás 22.30 horas coas Cantareiras Meigallo da A.C Carcaxía. Para as 23.00 horas está programado o concerto de Luar na Lubre, a banda celta máis internacional de Galicia, que leva máis de 30 anos sobre os escenarios e que continúa reinterpretando a nosa música tradicional. Pero o luxo do concerto do día 18 será dobre, porque para pechar a velada contaremos, a partir da 01.00, con Coanhadeira, unha banda ourensá de folk que desde o ano 2006 está dedicada a amosar a música conservada ata os nosos días a través da tradición oral. Os seus directos están cargados de forza, como poderemos comprobar en agosto.

E despois de dous días de música, o domingo 19 continuará a Feira Medieval Mariñeira con animación durante doce horas, de 11.00 a 23.00.