Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 13°
Domingo 13°
Luns 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Presentadas doce obras ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que celebra o seu décimo aniversario

7Out 2015

Presentadas doce obras ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que celebra o seu décimo aniversario

A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica entregarán o premio aos gañadores da pasada edición na Cea das Letras, o 7 de novembro

540-f-foto

Un total de doce obras aspiran ao premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, que acada a súa décima edición e que está dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación da obra na colección Caldeirón. O xurado reunirase nas vindeiras semanas, e o fallo farase público o vindeiro 7 de novembro, coincidindo coa celebración da Cea das Letras. Neste mesmo acto terá lugar a entrega do premio aos gañadores do ano pasado. Será unha entrega dobre, xa que o poemario “O episodio”, gañador da novena edición, está escrito a catro mans por Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado (na imaxe). A obra, definida polo xurado coma unha proposta literaria “arriscada”, verá a luz o mesmo día 7.

Verónica Martínez xa obtivera un accésit no ano 2013 por “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”, e Alberte Momán xa gañou a segunda edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, polo que ámbolos dous son vellos coñecidos de Malpica.

O premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do Concello de Malpica, está aberto a autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo alcalde, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica.