16Xan 2016

Peixe e ovos no primeiro reparto do ano do banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia

SAM_0789-bajaO banco de alimentos xestionado conxuntamente pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia realizou o primeiro reparto do ano ás 21 familias usuarias do servizo. Ademais dos produtos non perecedoiros habituais, as familias recibiron xarda, ovos, laranxas, chourizo e iogures. Os produtos frescos sempre figuran nos lotes de alimentos que reparte o persoal do departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín, que supervisa e participa activamente na distribución dos produtos que se leva a cabo no Centro Cívico.

O convenio entre o Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia está en vigor dende hai dous anos e medio. Ademais de garantir produtos básicos de alimentación ás 21 familias usuarias, o servizo ten contribuído á mellora das condicións de habitabilidade de varios fogares.