15Feb 2015

Os veciños do municipio de Malpica poderán participar activamente na limpeza da Croa do Castro

Os voluntarios terán que inscribirse para os labores de descuberta do xacemento, que se levarán a cabo o primeiro sábado da Semana Santa
540-f-foto

A limpeza da Croa do Castro será o primeiro paso no proceso de recuperación e posta en valor deste importante xacemento situado na parroquia de Cerqueda. Os traballos levaranse a cabo no primeiro sábado da Semana Santa, segundo avanzou Manuel Gago, profesor da USC e coordinador do proxecto. “A idea da limpeza _explicou_ é traballar de dúas formas: facer que o traballo duro, máis técnico, sexa levado a cabo por operarios, pero despois deixar que a veciñanza poida ela mesma descubrir unha pequena parte do castro”. As persoas interesadas en participar terán que inscribirse previamente. Durante os labores estarán asesorados por un equipo de arqueólogos, que lles explicarán “o que se atopa alí baixo eses muros”.

 

A Croa do Castro é un xacemento fortificado da Idade do Ferro, polo que pode ter uns 2.000 ou 2.300 anos, “aínda que sen facer escavacións non é posible sabelo”, matizou Manuel Gago. O profesor e xornalista cultural cualificouno coma “moi espectacular” e, segundo comentou, en principio parece que está en bo estado. Para saber se as expectativas se converten en realidade o primeiro que hai que facer é limpalo, porque só así se saberá exactamente o que hai. “Temos a sospeita de que limpándoo simplemente a Croa do Castro vai amosarnos xa algunhas sorpresas que intuímos polo que nos contan os veciños e polo que xa temos visto”, sinalou o coordinador do proxecto. “O primeiro paso é limpar e así poder documentar e levantar a planta do castro, que é como cando facemos unha casa pero ao revés: primeiro temos que limpar e despois ter os planos e saber exactamente que é o que temos aí abaixo”, engadiu.

 

A partir dese momento comezará o proceso de posta en valor mediante unha campaña de comunicación “que faga que o castro sexa moi coñecido en Galicia e no resto do España” e comezar coas visitas guiadas, as actividades para escolares e o labor de recompilación de “todo o coñecemento que hai sobre ese lugar na comunidade local”, rematou Manuel Gago.

 

O proxecto de recuperación e posta en valor da Croa do Castro é unha iniciativa do movemento asociativo da dinámica parroquia de Cerqueda, que contou dende o primeiro momento coa colaboración do Concello de Malpica. “Dende que as asociacións nos presentaron a idea estamos comprometidos con este proxecto, que encaixa perfectamente na nosa política de recuperación do patrimonio municipal”, apuntou o alcalde, Eduardo Parga Veiga. O rexedor lembrou as accións desenvolvidas nos últimos anos, entre elas a recente restauración do Forno da Costa, en Buño, e expresou o seu compromiso coas iniciativas que contribúan a recuperar “a nosa historia”.