Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Os concellos de Malpica e Carballo sumaranse á demanda contra a aseguradora da empresa mineira do Monte Neme

14Out 2014

Os concellos de Malpica e Carballo sumaranse á demanda contra a aseguradora da empresa mineira do Monte Neme

Os alcaldes, Eduardo Parga e Evencio Ferrero, reuníronse hoxe para estudar accións conxuntas
540-f-foto

Os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero, e Malpica, Eduardo Parga Veiga, mantiveron hoxe, martes 14 de outubro, unha xuntanza na Casa do Concello carballesa para falar da negativa da entidade aseguradora AXA a facerse cargo dos gastos derivados dos danos provocados pola rotura dunha balsa mineira no Monte Neme o pasado 10 de febreiro.

 

Os danos están cifrados en 140.758 euros e xa teñen sido abonados polos dous concellos afectados, mais ante o feito de que a aseguradora rexeite facerse cargo dos custes, barállase a opción de adoptar medidas legais, xa que a antiga concesionaria está en concurso de acredores e sinala a AXA como responsable. Así, ante a intención manifestada pola Consellería de Industria da Xunta de Galicia de interpoñer unha demanda contra AXA para que a aseguradora asuma a súa responsabilidade, esta mañá Ferrero e Parga Veiga acordaron solicitar unha xuntanza co Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, para que os concellos tamén teñan a oportunidade de personarse nesta demanda.

 

Así mesmo, esperan poder estudar os posibles mecanismos que se poderían poñer en marcha para que os veciños e veciñas afectados tamén sexan quen de reclamar de forma conxunta. Hai que lembrar que a rotura dunha das tres balsas mineiras de Monte Neme orixinou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga, e deixou unha greta no noiro de 10 metros de alto por catro de ancho. Máis do 70 por cento dos danos correspóndense co Concello de Malpica, no que as riadas causaron maiores danos, e o restante son danos cuantificados en Razo da Costa.