gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 16°
10°
Domingo 16°
Luns 18°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Oito locais de hostalería participarán na fin de semana do 22 ao 24 deste mes na 2ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar

8Set 2017

Oito locais de hostalería participarán na fin de semana do 22 ao 24 deste mes na 2ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar

A Concellería de Promoción Económica e o sector hostaleiro de Malpica volven a unir as súas forzas para desenvolver unha iniciativa conxunta que enlazará tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalería e a olería. A 2ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar celebrarase na fin de semana do 22 ao 24 deste mes, segundo se acordou na xuntanza celebrada este xoves, poñendo fin deste xeito a un verán de récord turístico na nosa vila.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraranse no Ecomuseo do Forno do Forte pratos artesanais que se repartirían entre os 8 establecementos participantes: Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar e O Pescador.

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar arrancará o venres. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas. As tapas custarán 1,5 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un rasca que lle permitirá obter premios directos.

Iniciativa dos hostaleiros

Ao longo do mes de setembro continuará a actividade en Malpica grazas á iniciativa dun grupo de hostaleiros para dinamizar as noites dos sábados. Deste xeito, o día 16 actuará na praza o Trío Platino; o 23, coincidindo coa ruta de tapas, os gaiteiros de Malante farán un percorrido polos locais, e o 30 tocará de novo na praza o Dúo Café.