gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 15°
13°
Sábado 15°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O turismo disparouse no mes de agosto en Malpica, que recibiu o dobre de visitantes que en xullo

2Set 2017

O turismo disparouse no mes de agosto en Malpica, que recibiu o dobre de visitantes que en xullo

OFICINA TURISMO (9)

Desde que abriu as súas portas, a primeiros de xullo, a nova oficina de información turística de Malpica, situada na planta baixa da casa consistorial, atendeu a un total de 3.785 visitantes. A esta cifra habería que engadir todas as persoas que pasaron pola instalación para recoller rueiros ou folletos informativos pero que non solicitaron información da técnica de Turismo que atende o servizo. En calquera caso, os números reflicten o tirón do noso concello. Agosto é o mes vacacional por excelencia, como demostran as 2.534 visitas rexistradas, fronte ás 1.251 de xullo.

O turismo nacional é maioritario. Madrid é a comunidade de procedencia do groso dos visitantes, seguida de Cataluña, Galicia, País Vasco, Valencia, Castela-León, Aragón e Andalucía. A maioría dos visitantes chegan a Malpica en coche, e en menor medida desprázanse en caravana, furgoneta, autobús, bicicleta e incluso a pé. En xullo houbo máis veraneantes que viaxaban en parella, mentres que o turismo de agosto é máis familiar con nenos. En canto aos visitantes estranxeiros, este verán supuxeron o 12%, e visitáronnos máis en xullo ca en agosto.

Entre os usuarios da oficina de turismo non só se encontran as persoas que se aloxan no noso concello, e que supoñen aproximadamente a metade das persoas atendidas, senón moitas que se atopan de paso ou que veranean noutras vilas galegas pero queren coñecer Malpica. Polo que se refire á información máis demanda, as persoas que visitan o noso concello queren saber que ver, onde comer e que rutas de sendeirismo poden realizar, tanto en Malpica como no resto da Costa da Morte.

A oficina de turismo está aberta de martes a sábados, en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 18.30.