gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 20°
13°
Sábado 21°
15°
Domingo 18°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica presenta a súa campaña para o Día Internacional contra Violencia de Xénero

23Nov 2015

O Concello de Malpica presenta a súa campaña para o Día Internacional contra Violencia de Xénero

Mañá martes proxectarase o vídeo gravado por colectivos e veciñ@s e comezará a distribución de material divulgativo de Malpica Igualdade

540-f-foto

O Concello de Malpica presentará mañá martes a campaña deseñada pola Concellería de Servizos Sociais, a través da Área de Igualdade, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Co lema “Non te escondas máis. Por min e por todas as miñas compañeiras”, a campaña, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, inclúe un vídeo protagonizado por entidades, veciñ@s e representantes políticos, marcapáxinas informativos sobre os servizos que presta o Concello de Malpica en materia de igualdade e chapas coa imaxe de Malpica Igualdade, a nova marca que englobará todas as accións promovidas dende o Concello neste ámbito.

A presentación do vídeo e do material informativo está prevista para as 11.30 horas nun acto público e aberto a toda a cidadanía que se celebrará no Centro Cívico. Escolares dos CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, a UD Cerqueda, a Asociación Oleira de Buño, a Asociación de Redeiras O Fieital, os alumnos e alumnas dos cursos de alfabetización informática e novas tecnoloxías, a Asociación Íntegro e membros do goberno municipal participaron na gravación dun “lipdub” da canción “Se acabaron las lágrimas”, de Huecco, co obxectivo é transmitir ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero que hai saídas.

O vídeo poderá verse a partir do día 25, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, na canle de YouTube do Concello de Malpica, na súa páxina en Facebook e no seu perfil de Twitter.