gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 16°
10°
Domingo 16°
Luns 18°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O balance de visitas ao Ecomuseo Forno do Forte confirma o importante tirón turístico do noso concello

11Set 2017

O balance de visitas ao Ecomuseo Forno do Forte confirma o importante tirón turístico do noso concello

Forno do Forte

O balance das visitas que recibiu este verán o Ecomuseo Forno do Forte vén confirmar o importante o gran potencial turístico do noso concello. Nos últimos dous meses pasaron polo complexo etnográfico un total de 8.786 persoas: 2.154 en xullo e 6.632 en agosto. Un dos factores que influíu de maneira máis decisiva nesta notable diferenza entre ámbolos meses foi a Mostra da Olería, que, tal como indica Paco Doval, xerente do ecomuseo, “ten un tirón indiscutible que atrae a gran cantidade de público interesado na nosa artesanía”.

Desde o Forno do Forte realizan un balance positivo do verán, que é a época de maior actividade turística na contorna, e destacan que este ano non só se rexistrou un incremento de visitantes, senón tamén un maior número de excursións organizadas por empresas turísticas, asociacións e institucións. En xeral percíbese un maior interese dos turoperadores pola nosa comarca, aínda que a maioría dos visitantes continúan sendo grupos familiares ou de amigos.

Procedencia dos visitantes

En canto á procedencia do público do Forno do Forte, o 23,44% dos visitantes procedían de fóra de Galicia. Case un terzo, de Madrid, que é a comunidade con máis peso, seguida das provincias de Barcelona, Sevilla e Valencia. De feito, este ano detectouse un incremento importante de turistas procedentes de Andalucía e do Levante, que xa empezaron a destacar nas estatísticas do verán anterior. Deste xeito parece consolidarse o interese dos habitantes do sur e do leste do país por Malpica en particular e pola Costa da Morte en xeral.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Con respecto ao público estranxeiro, supuxo o 5,39% dos visitantes do ecomuseo, cun claro dominio dos turistas procedentes de Francia, que representan algo máis do 35% do total, seguidos por ingleses, suízos, alemáns e estadounidenses. Diminúen os visitantes suramericanos e aumentan os europeos. Neste sentido destacamos a presenza de turistas rusos, que ata este ano practicamente eran inexistentes.

O 81,17% restante de visitantes foron galegos, dominando claramente os procedentes da comarca e do resto da Costa da Morte. As cidades da Coruña, Vigo e Santiago tamén achegan unha parte importante dos turistas, así como as Rías Baixas.

En xeral, o visitante do Forno do Forte amosa gran curiosidade por coñecer a vida tradicional dos oleiros e como eran as súas vivendas, e gozan especialmente coa demostracións do oleiro do ecomuseo ou facendo as súas propias pezas no torno.