gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 20°
16°
Domingo 19°
15°
Luns 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Aprobada definitivamente a ordenanza reguladora do IBI tras ser rexeitada pola corporación a única alegación presentada

28Dec 2015

Aprobada definitivamente a ordenanza reguladora do IBI tras ser rexeitada pola corporación a única alegación presentada

A bonificación solicitada pola concelleira Isabel Loureiro non se axusta aos supostos previstos na lei, segundo o informe dos técnicos municipais

pleno-investidura

A corporación municipal de Malpica aprobou hoxe de xeito definitivo a ordenanza reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), despois de rexeitar a alegación presentada pola concelleira socialista Isabel Loureiro Varela para que se establecese unha bonificación do 95% “aos inmobles nos que se desenvolvan actividades agrarias, gandeiras ou pesqueiras e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración”.

A alegación foi desestimada en base a un informe dos servizos técnicos municipais segundo o cal a bonificación solicitada pola concelleira socialista non se axusta aos supostos previstos no Real Decreto Lexislativo 2/2004.

Por unha banda, o RD establece a posibilidade de regular unha bonificación do 95% “a favor de inmuebles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concurrir circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros”.

Por outra, no RD prevese unha bonificación “de ata o 90 % da cota íntegra do Imposto a favor dos bens inmobles urbanos ubicados en áreas ou zonas do municipio que, conforme á lexislación e planeamento urbanísticos, correspondan a asentamentos de poboación singularizados pola súa vinculación ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro ou análogas e que dispoñan dun nivel de servizos de competencia municipal, infraestruturas ou equipamentos colectivos inferior ao existente nas áreas ou zonas consolidadas do municipio, sempre que as súas características económicas aconsellen unha especial protección”.

Segundo o informe técnico, a alegante “confunde” os dous tipos de bonificación. Así, a do 95% está previsto “para actividades económicas que por determinadas circunstancias (sociais, culturais) sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal, non podendo entender a tal efecto que as actividades pertencentes ao sector primario pola súa natureza sexan per se xustificativas de tal declaración, senón que se require dun acordo expreso respecto dunha actividade económica a concretar, e non dun sector xenericamente considerado”.

Para os inmobles urbanos vinculados a actividades primarias existe a posibilidade de establecer unha bonificación de ata o 90%, “que en todo caso –aclara o informe- esixe que os citados asentamentos de poboación dispoñan dun nivel de servizos de competencia municipal, infraestruturas ou equipamentos colectivos inferior ao existente nas áreas ou zonas consolidadas do municipio, e que polas súas características económicas aconselle unha especial protección, algo que non se xustifica en ningún caso na proposta a tal fin formulada”.

Por todo isto, a alegación foi desestimada e a ordenanza reguladora do IBI quedou aprobada definitivamente cos seguintes tipos de gravame:

Bens inmobles urbanos 0,4932 %
Bens inmobles rústicos 0,45 €
Bens inmobles de características especiais 1,3 %