24Set 2017

A ruta de tapas “Malpica sabe a mar” impulsa o sector hostaleiro na primeira fin de semana do outono

“Repetiría para a semana”, asegura un dos nove hostaleiros e hostaleiras que participaron na segunda edición da ruta de tapas “Malpica sabe a mar”. O balance é moi positivo, sobre todo tendo en conta que a ruta coincidiu coa primeira fin de semana do outono e a finais de mes. “Dá gusto ver tanto ambiente en Malpica nesta época. Xenial”, manifestou outro dos participantes.

TAPAS

Despois de dúas edicións, e aínda que sempre hai aspectos que mellorar, semella que o modelo de “Malpica sabe a mar” funciona. Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica diferénciase doutras semellantes en que todas as tapas están elaboradas con produtos do mar. Deste xeito, os clientes dos locais puideron degustar chipirón, chopo, bacallau, polbo, ameixas, mexillóns e mesmo percebes en moi diversas elaboracións e por só 1,5 euros. Ademais do prezo, en “Malpica sabe a mar” tamén se promociona a Olería de Buño, ao utilizar pratos elaborados artesanalmente con barro. E un terceiro aspecto que contribúe ao éxito son os premios: botellas magnum, bolsas, camisetas, mandís, tapas… Este ano repartíronse case 800 premios.

A ruta de tapas contou este ano cun programa de actividades paralelas organizadas pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo e o propio sector da hostalería. Deste xeito, o sábado pola mañá celebrouse a Ruta do Renacemento, que levou aos 25 participantes (as prazas eran limitadas e quedou xente en lista de agarda para outra futura visita) á igrexa e ás Torres de Mens. Guiados pola técnica de Turismo do Concello de Malpica, María Taibo, e polo propietario das torres, Agustín Ordóñez, que se amosou unha vez máis como un excelente anfitrión, estas 25 persoas tiveron a oportunidade de coñecer dúas xoias do patrimonio malpicán. As explicacións foron tan detalladas e os visitantes amosaron tanto interese que a visita ao Ecomuseo Forno do Forte xa non puido levarse a cabo, e realizarase noutra data.

E pola noite, coincidindo co horario de “Malpica sabe a mar”, os gaiteiros da asociación cultural Malante animaron os establecementos participantes na ruta, nos que houbo moitísimo ambiente, coa súa música. E para que o bo ambiente continúe, a hostalería ten preparada para o sábado que vén a actuación do dúo D’Café na praza.