gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 15°
13°
Sábado 15°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A piques de comezar as obras para completar a rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros

11Set 2015

A piques de comezar as obras para completar a rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros

O alcalde, Eduardo Parga, asinou o contrato coa empresa adxudicataria do proxecto, Construcciones López Cao SL
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Construcciones López Cao SL o contrato correspondente á obra de instalación da rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros, que empezará a executarse en breve cun orzamento de 98.339,37 euros. Esta actuación, que permitirá completar o saneamento do lugar de Piñeiros, está incluída no Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015, aprobado pola corporación municipal no pasado mes de febreiro.

 

O PAI é un préstamo da Deputación da Coruña aos concellos sen xuros, con dous anos de carencia e un prazo de devolución de 10 anos a partir do 2017, unhas condicións moi vantaxosas e que, na opinión do alcalde, Eduardo Parga, “sería unha mágoa non ter aproveitado”. Nas bases reguladoras do PAI establecíase que os concellos podían destinar a citada cantidade á redución do seu endebedamento e/ou á realización de investimentos financeiramente sostibles. A proposta do goberno municipal de Malpica consistiu en destinar 33.065,59 euros á redución da débeda e o resto a dúas obras: o saneamento de Piñeiros e a renovación das instalacións de iluminación para a mellora da eficiencia enerxética nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón, na parroquia de Mens, que ten un orzamento de 61.641,45 euros.

 

Eduardo Parga destacou que o Concello de Malpica pode destinar a maior parte do PAI a investimentos grazas á boa xestión económica dos últimos anos.