gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 14°
12°
Martes 14°
12°
Mércores 13°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Mostra da Olería mantén o tirón con preto de 15.000 visitas entre o Parque Luciano García Alén e o Forno do Forte

16Ago 2016

A Mostra da Olería mantén o tirón con preto de 15.000 visitas entre o Parque Luciano García Alén e o Forno do Forte

IMG_4433-web

Con 5.500 visitas ao Ecomuseo do Forno do Forte e entre 8.000 e 9.000 ao Parque Luciano García Alén, o balance da Mostra da Olería de Buño “só pode ser positivo”, tal como manifestou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, no acto de clausura da 33ª edición. “Entendemos que a Mostra da Olería mantense, e anímanos a seguir traballando para que medre”, engadiu o rexedor.

Como é habitual, o groso das visitas concentráronse durante as dúas fins de semana, e especialmente nesta última, na que houbo momentos de auténtica avalancha. A presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador, considerou que as cifras son especialmente boas tendo en conta o tempo de praia e a amplísima oferta festiva e cultural en toda a contorna. En canto ás vendas, a presidenta dos oleiros sinalou que tamén se mantiveron nas cifras do ano pasado.

Tanto a Asociación Oleira de Buño coma o Concello de Malpica, que comparten as tarefas organizativas, expresaron a intención de empezar a preparar canto antes a vindeira edición. “Hai que ter en conta que a Mostra da Olería é un referente a nivel autonómico, por calidade e porque estamos a falar dunha parte moi importante do noso patrimonio artístico e cultural. Por iso dende o goberno municipal apoiarémola en todo o que faga falla”, asegurou Eduardo Parga.

O alcalde agradeceu o apoio económico da Deputación da Coruña para poder organizar unha das mostras máis completas da historia, non só pola oferta de artesanía, que incluíu cestería e soprado de vidro ademais de olería, senón tamén polo amplísimo programa de actividades paralelas, coa Cocedura Tradicional ou os obradoiro no Ecomuseo do Forno do Forte, a multitudinaria visita dos Bolechas, o tren turístico ou o variado cartel musical, que concluíu hoxe coa actuación das gaiteiras Habelas Hainas.