17Mar 2016

A entrega dos títulos da concentración parcelaria de Cerqueda levarase a cabo antes do verán

As técnicas de Medio Rural desprazadas a Malpica para recoller a documentación dos titulares das parcelas atenderon a 400 persoas

PARCELARIA---DITO-1-web

Os titulares das parcelas resultantes do proceso de concentración parcelaria na parroquia de Cerqueda disporán dos seus títulos de propiedade antes do verán. Unha vez rematado o proceso de recompilación de documentación que se levou a cabo ao longo desta semana, o acto oficial de entrega dos títulos podería realizarse xa no mes de abril en Malpica.

Técnicas da Consellería de Medio Rural atenderon aos veciños e veciñas no Centro Cívico dende o luns ata hoxe, en horario de 10.00 a 13.30. Nestes catro días pasaron polo edificio case 400 persoas, a maioría en representación de varios titulares. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que tamén acudiu hoxe para interesarse polo desenvolvemento do proceso, informou de que aquelas persoas que por calquera motivo non puideron desprazarse a Malpica esta semana poderán recoller igualmente o seu título de propiedade na Xefatura Territorial de Medio Rural, na Coruña, previa identificación co carné de identidade.

O proceso de concentración parcelaria na parroquia de Cerqueda iniciouse no ano 1992 e afectou a unha superficie de 793 hectáreas. Das 4.585 parcelas iniciais pasouse ás 1.849 actuais, que teñen unha superficie media de 3.700 metros cadrados. A Consellería de Medio Rural investiu preto de 1,8 millóns de euros para a asistencia técnica e as obras, que consistiron, por unha banda, na realización dos servizos técnicos para a investigación da propiedade, levantamentos topográficos e confección de planos parcelarios, clasificación de terras e acondicionamento de fincas e, por outra, no deseño e creación dunha rede axeitada de camiños principais e secundarios que permiten o acceso ás novas fincas e o tránsito de máquinas agrícolas.

A regulación e ordenamento do novo deseño das fincas permite acadar unha mellor capacidade de aproveitamento da terra e supón un mecanismo dinamizador para a economía local.