gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
14°
Sábado 15°
13°
Domingo 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A concelleira de Servizos Sociais pon á veciñanza de Malpica como exemplo na loita contra a violencia de xénero

25Nov 2016

A concelleira de Servizos Sociais pon á veciñanza de Malpica como exemplo na loita contra a violencia de xénero

Inaugurada a exposición “Por elas, por nós” coa presenza das e dos protagonistas das 12 fotografías que a integran

IMG_0148

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Malpica, inaugurou hoxe a exposición “Por elas, por nós”, integrada por 12 fotografías protagonizadas por mulleres e homes do concello que poñen así o seu gran de area contra a violencia de xénero. No día internacional dedicado á eliminación desta lacra social, Marisol Blanco Gorín quixo poñer en valor, precisamente, a implicación da veciñanza malpicá, á que puxo como exemplo dunha loita que debe ser conxunta de toda a sociedade para evitar que se siga reproducindo.

“Esta forma de violencia comeza cada vez máis cedo. Son moitas as adolescentes que o están vivindo a mans das súas parellas, e ao non ser conscientes do que realmente sucede debemos dicirllo nós, tratar de explicarlles e de facerlles ver que esta situación non é normal. Non te quere máis por terte tan controlada, senón que está tratando de anularte, de illarte do teu círculo social para que dependas del”. Xunto a esta dura pero realista reflexión, que a concelleira de Servizos Sociais acompañou con datos, Marisol Blanco lamentou que sexa preciso sinalar unha data no calendario “para lembrarnos de que moitas mulleres son vítimas de malos tratos, sexan físicos ou psicolóxicos, ou, o que é peor e irreparable, que morran asasinadas polas súas parellas”. A concelleira fixo fincapé na necesidade de que as vítimas de violencia de xénero sexan conscientes de que o son, e instou á sociedade a axudalas a saír da situación na que se encontran.

IMG_0182

Marisol Blanco lembrou que o 25 de novembro “é só unha vez ao ano, pero os outros 364 días debemos seguir traballando para erradicar esta lacra, debemos educar ás novas xeracións na igualdade. É o que tratamos de reflectir nesta exposición”. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade estivo acompañada polos seus compañeiros Miguel Fernández e Iago Espasandín, polos técnicos municipais da súa área e por moitos e moitas dos e das protagonistas da exposición, entre os que figuran a propia Marisol Blanco, o concelleiro do BNG e percebeiro Paco Souto, o cociñeiro Fernando Agrasar, a oleira Carmen Isabel e moitas outras persoas que teñen en común a súa repulsa á violencia de xénero. O acto de apertura da exposición, que permanecerá ata o Nadal no Centro Cívico, incluíu tamén a proxección do “lipdub” gravado o ano pasado e un aperitivo.