gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 18°
15°
Xoves 19°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica presentan o único Certame de Poesía Erótica de España

23Mai 2016

A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica presentan o único Certame de Poesía Erótica de España

O alcalde, Eduardo Parga, e o presidente da entidade organizadora, Paco de Tano, reiteran o seu apoio ao concurso e agardan que siga medrando

IMG_2179

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano, presentaron hoxe a 11ª edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que ten o apoio total do Concello “porque cremos nesta iniciativa e esperamos que siga indo a máis, como ata agora”. Así o asegurou o rexedor, que lembrou o nacemento do certame coincidindo coa súa etapa de concelleiro de Cultura e asegurou que agora recolle o testemuño dende a Alcaldía “para que as persoas que fan este tipo de literatura teñan un foro no que expresarse e nós poidamos darlles o noso recoñecemento”.

O presidente de Caldeirón agradeceu ese apoio a un certame que supón unha diferenciación e que xa está a pasar á historia da literatura galega grazas á colección de libros editados con todas as obras premiadas. “Hoxe por hoxe podemos dicir que é unha colección que non hai en ningún outro sitio de España e non sei se a nivel Europeo. En España somos un referente, e a nivel da literatura galega xa non digamos”, subliñou Paco de Tano. Pero esa diferenciación tamén implica facer un labor constante de promoción “para que os escritores participen. Nesta 11ª edición xa entramos na adolescencia, e iso quere dicir que imos medrando”.

O prazo de inscrición estará aberto dende mañá ata o 30 de setembro. Os interesados poden enviar as súas obras ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”. O fallo farase público coincidindo coa Cea das Letras, na primeira fin de semana de novembro. O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros.

Descarga as bases aquí.

Relación de gañadores das edicións anteriores:

1.       “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro

2.      “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán

3.      “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira

4.      “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez

5.      “Amantes”, María Lado

6.      “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro

7.      “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde

8.      “Dominio público”, Ramón Neto

9.      “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán

10.  “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro