gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 13°
Xoves 13°
Venres 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Asociación Caldeirón organiza a primeira Rota Lugrís seguindo os pasos do pintor pola vila de Malpica

26Set 2014

A Asociación Caldeirón organiza a primeira Rota Lugrís seguindo os pasos do pintor pola vila de Malpica

A iniciativa, que reunirá a poetas, músicos e artistas, coincide co 60º aniversario da inauguración da Casa do Pescador
540-f-foto

A Rota Lugrís, unha iniciativa da Asociación Cultural Caldeirón que conta coa colaboración do Concello de Malpica, permitirá seguir os pasos do pintor pola vila de Malpica. Segundo explica Paco Souto, secretario de Caldeirón, despois de participar este verán na ruta organizada polo Museo do Mar de Caión, a entidade pensou na figura de Lugrís para articular un percorrido similar arredor da pintura, a música e a poesía, e todo iso coincidindo co 60º aniversario, neste mes de setembro, da inauguración da Casa do Pescador de Malpica.

 

Precisamente, a Casa do Pescador será o punto de partida da Rota Lugrís. A cita está sinalada para as 12.00 horas, e nese lugar celebraranse xa as primeiras actividades. Ao longo da xornada haberá pintura ao vivo en distintas localizacións da península malpicana, actuacións musicais, recitais poéticos e interesantes charlas sobre o mar, os naufraxios e o propio Lugrís. A Asociación Caldeirón conta coa participación de medio cento de artistas chegados de diferentes puntos da provincia.

 

Igualmente interesante é o itinerario trazado. Así, despois do primeiro acto na Casa do Pescador os participantes continuarán pola lonxa, a Atalaia, o Caldeirón, a praia e de novo a lonxa. Nese traxecto terán a ocasión de ?reabrir? o Bar da Checa, un antigo establecemento hostaleiro que frecuentaba Urbano Lugrís durante a súa estadía en Malpica e que aínda que agora é unha vivenda, conserva a súa estrutura orixinal. Os seus propietarios abrirán as portas do inmoble con este motivo tan especial, unha oportunidade única que dende a Asociación Caldeirón agradecen especialmente.