Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Marzo

Marzo 2017

30Mar 2017

O pleno da corporación de Malpica decreta un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Paco Souto

O pleno da corporación de Malpica decretou un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Paco Souto. “Hoxe é un día de loito para esta corporación municipal, para o noso pobo, para o mundo da cultura e para un sector tan importante para Malpica como o marisqueiro”, dixo o alcalde, Eduardo Parga, na declaración institucional que se leu durante a sesión.

FOTO MAR CASAL

Imaxe do pleno celebrado hoxe (Foto: Mar Casal)

“Hoxe o mar arrebatounos a un leal compañeiro, bo veciño e mellor persoa. Francisco Souto Barreiro, Paco Souto, percebeiro, escritor, político, gran activista social e cultural, sempre creativo e sempre buscando novas iniciativas coas que contribuír ao desenvolvemento cultural do seu pobo, do noso pobo. Paco Souto deixa un enorme oco na vida cultural de Malpica e da comarca. Deixa tamén unha cadeira baleira neste salón de sesións, pero deixa, sobre todo, unha familia pola que traballaba, pola que loitaba e á que adoraba”, continuou o alcalde, que quixo transmitir as condolencias de toda a corporación e de todo o pobo de Malpica á súa dona, Enma Abella, e aos seus fillos.

O pleno, ao que asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira Milagros Lantes; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o deputado provincial e concelleiro en Carballo Xosé Regueira, rematou cun minuto de silencio “como a última homenaxe que podemos facerlle”, declarou Eduardo Parga.

Os restos mortais de Paco Souto atópanse no tanatorio de Malpica, onde mañá venres ás 15.45 horas celebrarase un acto cívico organizado pola súa organización política. Ás 17 horas será incinerado en Carballo.
.

28Mar 2017

A CMAT organiza un curso de inglés para hostalaría en Buño

Cursos ingles

A CMAT (Costa da Morte Asociación Turística), que preside o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, organiza cursos de inglés para hostalaría en Buño e Baio. Na vila oleira haberá dez sesións, que se impartirán dende o 3 de abril ata o 5 de maio, mentres que no concello de Zas levaranse a cabo dende o 4 de abril ata o 11 de maio. En ámbolos casos o horario será de 10 a 12.

Os cursos están organizados pola CMAT en colaboración coa Deputación da Coruña e Acerta. Os/as hostaleiros/as interesados/as en participar poden inscribirse a través do correo electrónico cursoscmat@gmail.com ou do número de teléfono 981 106 060.

24Mar 2017

Asinado o contrato das obras de recuperación ambiental do espazo público da Camposa

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o representante da empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, asinaron hoxe o contrato para a execución das obras de recuperación ambiental do espazo público da Camposa, en Buño. No acto estivo presente tamén o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández. O proxecto, incluído no Plan de Medio Ambiente (PMA 2016) da Deputación da Coruña, suporá un investimento de 34.835,62 euros.

MALPICA CONTRATO CAMPOSAO espazo público da Camposa rexistra unha importante actividade, xa que concentra os servizos da Casa do Oleiro, o antigo centro comarcal e o novo centro de saúde, cunha gran afluencia diaria. Precisamente, e para facilitar os desprazamentos dende a vila de Buño ata A Camposa, o Concello de Malpica xa acometeu no seu momento, con fondos da Xunta de Galicia, a construción dunha senda peonil.

22Mar 2017

O Concello de Malpica súmase ao programa clubEmprego coa finalidade de impulsar a inserción laboral da muller

O Concello de Malpica únese a clubEmprego, o novo espazo de encontro para a inserción laboral da muller promovido pola asociación Íntegro dentro do seu PIMD Rural. As mulleres interesadas poden informarse con máis detalle e/ou formalizar a súa inscrición na Oficina de Desenvolvemento Local, situada na Casa do Oleiro de Buño, tanto persoalmente coma a través do número de teléfono 981 711 303 ou do correo electrónico joseramon.andrade@malpicadebergantinos.es.

CARTEL PIMD MALPICA

 

Con esta iniciativa, que arrancará en abril, o Concello de Malpica dá un paso máis nas accións que vén promovendo nos últimos anos coa finalidade de mellorar a inserción laboral dos veciños e veciñas, e en especial dos colectivos que máis dificultades atopan para atopar emprego, coma discapacitados, persoas en risco de exclusión ou, coma neste caso, mulleres.

Esta novidosa experiencia está dirixida a mulleres con ganas de incorporarse ao mercado de traballo. O clubEmprego posibilitará a busca de emprego en grupo e a prestación de asesoramento individual e grupal para dotar de ferramentas útiles e necesarias a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade social. Para elo, en cada sesión haberá grupos reducidos de traballo aos que se lles facilitará apoio formativo individualizado relacionado con Tic´s, trámites administrativos ou empoderamento, así como accións grupais dirixidas á realización de procuras dixitais, entrega de currículos, busca a pé de rúa, creación de bolsas de emprego ou intermediación laboral con empresas, entre outras. Ademais, faranse prospeccións de mercado periódicas para coñecer, a curto e medio prazo, as necesidades de mercado da zona e adecuar a formación das alumnas ás mesmas. Así mesmo, en caso que a demanda o requirise, tamén se poría en marcha un clubEmprendemento para mulleres emprendedoras, interesadas no autoemprego, coa finalidade de poñer ao seu alcance as medidas, coñecementos e axudas necesarias para crear o seu propio negocio ou empresa.

Para garantir o éxito e a viabilidade das novas acción, dende a asociación Íntegro traballarase de forma coordinada co departamento de Desenvolvemento Local e cos Servizos Sociais.

16Mar 2017

A Casa do Oleiro acollerá o día 21 unha xornada informativa sobre as axudas do Programa Leader Galicia 2014-2020

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte celebrará a vindeira semana unha serie de charlas para dar a coñecer as axudas do Programa Leader Galicia 2014-2020 para a zona. Unha das xornadas informativas terá lugar o martes 21, ás 20.00 horas, na Casa do Oleiro de Buño.

O prazo de solicitude das axudas está aberto xa. Hai dúas convocatorias anuais, unha que remata o 31 de marzo e outra ata o 31 de maio. Para este ano hai un orzamento de 563.337,58 € (abrangue proxectos produtivos e non produtivos), e para o 2018 están consignados un total de 315.295,31 euros.

Triptico

Máis información

• Edificio de Servizos Múltiples. Rúa A Torre, s/n – 15129 Vimianzo. Tfno. 608 633 222
• Centro Comarcal de Bergantiños. A Camposa, s/n – Buño – Malpica de Bergantiños. Tfnos. 981 71 73 58 – 678 648 065
• 981 71 73 58 (centraliña)
• www.gdrcostadamorte.com

15Mar 2017

Aberta a inscrición para as prazas que ten reservadas o Concello de Malpica na Travesía a Nado Illas Sisargas

O Concello de Malpica ten aberto dende onte e ata o día 30 o prazo de inscrición para as prazas que ten reservadas na 8ª Travesía a Nado Illas Sisargas, que se celebrará o 6 de agosto. Segundo informou o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, os solicitantes teñen que ser maiores de 18 anos ou maiores de 16 con consentimento paterno. Na adxudicación terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.

A inscrición realizarase no Departamento de Deportes do Concello de Malpica en horario de 9:00 – 14:00 ou no teléfono 981 720 001. As persoas que resulten adxudicatarias das prazas reservadas para o Concello de Malpica pagarán unha cota de inscrición reducida de 30 €, 5 dos cales destinaranse a unha ONG. O concelleiro Iago Espasandín agradece a colaboración do Club Travesía Sisargas habilitar este prazo extraordinario de inscrición.

Para o resto dos participantes o prazo abrirase o 1 de abril, e as anotacións formalizaranse a través da páxina www.championchipnorte.com. A cota será de 50%, e o 10% de todas as inscricións será doado á Cruz Vermella para o seu programa de atención á primeira infancia. Máis información na web www.travesiasisargas.com.

9Mar 2017

O Inega subvenciona a instalación de caldeiras de biomasa para particulares

O INEGA publica as bases reguladores de subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa destinadas a particulares (DOG núm. 43, do 2 de marzo de 2017). O prazao para presentar as solicitudes estará aberto dende o 24 de marzo ata o 23 de abril de 2017. Só se admite a tramitación electrónica. As solicitudes e demais documentación dixitalizada serán presentadas, a través da aplicación, polas entidades colaboradoras adheridas.

Beneficiarios:

  • Persoas físicas de dereito privado, comunidades ou mancomunidades de veciños
  • Propietarios ou titulares dun inmoble do sector residencial sito no ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Agrupacións de persoas físicas ou privadas sen personalidade

A contía máxima da axuda será calculada en función da potencia unitaria instalada e do tipo de instalación, cos seguintes límites adicionais por proxecto, segundo o artigo 4.2 das bases:

  • A intensidade máxima da axuda será do 50% do cálculo do investimento elixible por potencia instalada.
  • A contía máxima da axuda por proxecto será de 50.000 €

O prazo máximo de resolución de concesión será de 4 meses dende o remate do prazo de presentación de solicitudes. A instalación da caldeira e o gasto deben estar xustificados a 30 de setembro deste ano.

Mais información no teléfono 981 541500 (opción 3 da locución telefónica) ou mediante correo electrónico inega.info@xunta.gal. Tamén no DOG número 43 do 2 de marzo e na seguinte ligazón: http://www.inega.gal/subvencions/subvencions/Energiasrenovables/2017/ficha_renovables2017_0001.html?idioma=gl

4Mar 2017

A Concellaría de Servizos Sociais organiza unha viaxe a Cantabria coincidindo co Ano Santo Lebaniego

A Concellaría de Servizos Sociais escolleu Cantabria como destino da súa viaxe anual coincidindo coa celebración do Ano Santo Lebaniego. A excursión celebrarase do 8 ao 12 de maio. Serán, polo tanto, cinco días en réxime de pensión completa e por un prezo de 244 euros.

laredo

Vista de Laredo

A estancia dos malpicáns en Cantabria comezará o día 8 en Laredo. Ao día seguinte desprazaranse ata a veciña provincia de Bizkaia para coñecer a vila de Balmaseda, cun impresionante patrimonio histórico e cultural que coñecerán nunha visita guiada. De regreso ao hotel deteranse en Altamira e completarán a tarde cun paseo por Santillana del Mar.

O mércores 10 estará centrado na celebración do Ano Santo Lebaniego, cun completo percorrido polo val de Liébana, onde degustarán o típico cocido lebaniego. Para completar o coñecemento da gastronomía da zona, o xoves 11 de maio haberá unha visita a unha fábrica de sobaos pasiegos. Os malpicáns tamén visitarán Liérganes e a cova de Pozalagua no val de Karrantza.

castro urdiales

Castro Urdiales

A última parada será o día 12 en Castro Urdiales, antes de emprender a viaxe de regreso. As persoas interesadas en participar poderán informarse e inscribirse no Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico, teléfono 981 720 280) do 3 ao 12 de abril. Hai 50 prazas dispoñibles e cubriranse por orde de solicitude.

1Mar 2017

Gran competitividade no Concurso de Doces, que encheu de sabores o Martes de Entroido en Malpica

O Concurso de Doces non só é unha cita consolidada dentro da programación do Entroido, senón que cada ano gaña en calidade, variedade, sabores e, en consecuencia, en competitividade. O xurado, integrado por representantes do Concello de Malpica e das entidades colaboradoras, tivo moitos problemas para escoller os premios entre as distintas preparacións presentadas, entre as que este ano destacaron os doces máis típicos da época.

MAGDALENAS DE POMPEYA-1 PREMIO INFANTIL-MAR AMADOBOLAS DO DRAGON ZETA - 2 PREMIO INFANTIL - BRAIS CASAL BIZCOCHO GALACTICO - 3 PREMIO INFANTIL - NOELIA SILVA

Na categoría infantil, para nenos e nenas menores de 14 anos, os tres premios foron, por esta orde, para as “Magdalenas de Pompeya” de Mar Amado Chouciño, as “Bolas do dragón Zeta” de Brais Casal e o “Bizcocho galáctico” de Noelia Silva.

ROCAS DE AMENDOA - 1 AMATEUR - Mª JOSE RECAREY CHOUCIÑONa categoría amateur o doce mellor valorado polo xurado foron as “Rocas de améndoa” de María José Recarey; mentres que o segundo premio foi para o “Flan de coco” de Ana Rama e o terceiro, para a “Tarta de oreo” de Isabel Camiño. En canto á categoría profesional, destinada a establecementos de hostalería, o xurado galardoou en primeiro lugar as “Rosquillas” da Cafetería JB, seguidas da “Tarta de limón” de O Cachón e a “Tarta de queixo e vainilla” de Casa Antonio.

O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, achegáronse ata o pavillón malpicán para participar na entrega de agasallos, pezas de Olería de Buño e “chuches” para os nenos e as nenas. Co Concello de Malpica colaboraron a Asociación de Redeiras Mar da Illa, a Asociación de Amas de Casa de Malpica e a ANPA Ventorrillo, que paralelamente celebrou a súa tradicional festa infantil con inchables e obradoiros.