Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2016
  3. Xuño

Xuño 2016

30Xuñ 2016

Campaña de doazón de sangue en Malpica e Buño

O Centro de Transfusión de Galicia, en colaboración co Concello de Malpica, levará a cabo unha campaña especial de doazón de sangue en Malpica e Buño. Unha unidade móbil desprazarase o luns 4 á capital municipal. O vehículo estará a disposición das persoas que queiran sumarse a este acto solidario diante do Centro Cívico, en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 21.00. O martes 5 a unidade móbil estará diante do Teleclub de Buño dende as 16.30 ata as 21.0 horas.

MALPICA-cartelsangue

Coñece máis sobre a doazón de sangue:

  • Poden doar todas as persoas cunha saúde normal, con idade entre 18 e 65 anos e que pesen máis de 50 quilos.
  • Non se debe acudir sen almorzar, e despois de xantar hai que esperar dúas horas.
  • Os homes poden doar cada 3 meses e as mulleres, cada 4 meses.
  • Un médico realiza unha revisión do estado de saúde e mide o pulso, a tensión e o nivel de hemoglobina para descartar unha anemia.
  • Emprégase material estéril e dun só uso.
  • O volume de sangue doado recupérase case de inmediato.
  • De cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes sanguíneos que se utilizan no tratamento de diferentes enfermidades.
  • Cada día, os hospitais atenden unha media de 3.000 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. Por iso, cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns.
28Xuñ 2016

As Noites da Vila de Malpica inclúen este verán un ciclo de maxia internacional

As Noites na Vila comezan con maxia. Esta fin de semana terá lugar no paseo marítimo o primeiro dos sete espectáculos de ilusionismo e teatro que se levarán a cabo ao longo do verán en Malpica.

A programación da Concellería de Educación, Cultura e Turismo arranca este sábado, 2 de xullo, ás 20.30 horas, coa actuación do Mago Noel dentro do ciclo Malpica Máxica, que inclúe catro espectáculos internacionais. O día 9, de feito, estará en Malpica o Mago Camawey, de Cuba, e o 16 collerá o relevo o Mago Carlos Adriano, de Arxentina. A última actuación será o 12 de agosto e reunirá aos magos galegos Dani e Rafa co espectáuclo “O Baúl do Mago”, do que ofrecerán varios pases de 10 minutos dende as 17.00 ata as 21.00 horas.

O Concello de Malpica tamén volverá a poñer en escena o seu Retablo de Fantoches Rafael Dieste, que por terceiro ano lembrará a estrea de “La doncella guerrera” na vila o 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas.

A primeira representación será o 23 de xullo. Microminia Títeres ofrecerá no paseo marítimo “Vacacións no mar”, un espectáculo de títeres de luva e siluetas apto para todos os públicos. O 6 de agosto será a quenda de Títeres Cachirulo con luvas chinesas e variñas para dar vida a “Alicia no país das marabillas”. E, por último, o 13 de agosto chegará a Tropa de Trapo con “Zona de obras”, no que mesturan contos con música e obxectos de reciclaxe.

Todos os espectáculos serán ás 20.30 horas no paseo marítimo. No caso de choiva trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico.

8Xuñ 2016

O Concello de Malpica promociona a Romaría de Santo Hadrián e a Mostra da Olería de Buño en Festur

SANTO-HADRIAN-2-web

O Concello de Malpica promociona a Romaría de Santo Hadrián e a Mostra da Olería de Buño en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará dende mañá xoves e ata o domingo en Silleda, no marco da 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. A fin de semana, ademais do persoal de información, no stand de Malpica haberá demostracións a cargo do oleiro José Antonio Corral. O horario de apertura, tanto o sábado coma o domingo, será de 10.00 a 21.00.

Cartel-Santo-Hadrian-webEste ano, a través da Concellaría de Promoción Económica está en marcha tamén unha campaña específica de difusión da Romaría do Santo Hadrián na que colaboran Turismo de Galicia, a Xunta de Galicia e Abanca. A presentación da campaña tivo lugar hoxe na propia ermida, que se converterá o vindeiro domingo 19 no punto de encontro de milleiros de persoas. O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, e o de Seguridade, Miguel Fernández, presentaron o cartel anunciador da romaría e os panos de romeiro que se distribuirán nos vindeiros días. A campaña inclúe tamén accións publicitarias en prensa escrita, radio e Internet, tanto en medios de comunicación dixitais coma nas redes sociais do Concello de Malpica.

Os obxectivos son a promoción da Romaría do Santo Hadrián máis alá do ámbito local, a identificación dos veciños e veciñas do noso concello cun dos símbolos da nosa herdanza cultural, contribuíndo deste xeito á preservación do noso patrimonio inmaterial e á súa posta en valor tanto dentro coma fóra do municipio de Malpica de Bergantiños, e a consolidación do noso concello como un dos principais destinos turísticos da comarca de Bergantiños e mesmo da Costa da Morte.

Precisamente esa fin de semana, á parte das verbenas e demais actividades organizadas pola comisión de festas, o Real Club Náutico da Coruña celebra unha nova edición da Regata Illas Sisargas. O sábado os cruceiros sairán da Coruña ás 14.30 e chegarán a Malpica arredor das 19.00 horas. A continuación procederase á entrega de premios no palco. O domingo ás 12 as embarcacións iniciarán a travesía de regreso.

8Xuñ 2016

O Concello de Malpica reforza a seguridade nas festas de Santo Hadrián e pon en marcha o servizo de salvamento nas praias

O dispositivo da romaría está integrado por máis de 50 persoas entre Protección Civil, Policía Local e Garda Civil

Seis socorristas traballarán a partir do sábado 18 de xuño en Area Maior e Canido

santo hadrian 2016

Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza en Malpica durante a Romaría de Santo Hadrián, Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebrarán dende o venres 17 ata o domingo 19, debido a que se espera unha afluencia masiva de visitantes, sobre todo o domingo pola mañá. O dispositivo da romaría estará integrado por máis de 50 persoas entre axentes da Garda Civil e da Policía Local -que se reforza con persoal dos concellos limítrofes- e Protección Civil, que será o corpo máis numeroso con 30 voluntarios das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo e Cerceda, ademais de Malpica. Todo este dispositivo dos corpos de seguridade completarase coa presenza dunha ambulancia.

O dispositivo de seguridade centrou a xuntanza que mantiveron hoxe o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández; o xefe da Policía Local, Tito Mancebo, e o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño. Ademais de reforzar os servizos de seguridade e emerxencias, o Concello de Malpica tamén porá a disposición dos visitantes zonas de aparcamento gratuítas.

Os servizos a veciños e visitantes completaranse coa entrada en servizo do equipo de salvamento e socorrismo, integrado por seis persoas, nas praias de Area Maior e Canido. Os socorristas traballarán a partir  do sábado 18 de xuño, en horario ininterrompido de 12h a 20h. Nas praias do municipio que non dispoñen de servizo de salvamento colocaranse os aros salvavidas e a sinalización correspondente para que os usuarios tamén poidan gozar delas.

Ademais, o Concello de Malpica pon en marcha unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián coincidindo coa presenza municipal en Festur. A presentación da campaña terá lugar mañá mércores, ás 12.30 horas, na propia ermida de Santo Hadrián.

4Xuñ 2016

Clausuradados os obradoiros de teatro e manualidades para nen@s organizados polo Concello de Malpica

TEATRO-3-web

A entrega de diplomas puxo fin a un curso repleto de actividade para os máis pequenos da casa.  Os nenos e nenas do Obradoiro de Animación Teatral abriron a tarde do venres no auditorio do Centro Cívico cun maratón de teatro que incluíu a representación das obras “Esta historia non a vistes”, “A moa”, “Farruquiña e o Emilio” e “Que sería de nós sen a pensión”. Despois do exitoso espectáculo, o alcalde, Eduardo Parga, destacou o bo traballo realizado pola monitora, Silvia Losada, e fixo entrega dos diplomas aos seus alumnos e alumnas.

Este ano o Concello de Malpica fixo coincidir os actos de clausura do obradoiro de teatro e das clases de manualidades para nenos e nenas que impartiu Lucía Villanueva. Ademais de recoller os seus diplomas de mans do alcalde e do tenente de alcalde Miguel Fernández, os rapaces inauguraron unha exposición no propio Centro Cívico na que poden verse os traballos realizados ao longo do curso.

As clausuras de manualidades continuarán os días 15 e 17 para as asistentes aos cursos para adultos e maiores, respectivamente. En total nesta actividade participan 84 persoas.

P6034131-web

3Xuñ 2016

O alumnado de ximnasia terapéutica visitaron Las Médulas e Balboa na súa excursión de fin de curso

IMG-20160603-WA0002web

Os alumnos e alumnas das actividades de ximnasia terapéutica organizado pola Concellería de Deportes despediron o curso cunha excursión a Las Médulas e Balboa (León), a onde viaxaron acompañados pola súa monitora, María Varela Bardanca.

Máis de cincuenta persoas participaron este curso nas actividades deportivas para adultos organizadas polo Concello de Malpica: ximnasia terapéutica, que se levou a cabo na Casa do Oleiro de Buño e no pavillón de Malpica, e zumba, no Centro Cívico de Malpica.

2Xuñ 2016

Seleccionados os seis socorristas que empezarán a traballar o día 18 na praia de Area Maior

O Concello de Malpica seleccionou aos seis socorristas que empezarán a traballar o vindeiro día 18, véspera da romaría do Santo Hadrián, na praia de Area Maior. En total presentáronse 12 aspirantes, que tiveron que realizar probas físicas, un exame tipo test e outro de galego. Tamén se realizou un proceso específico para o coordinador do grupo, que traballará en colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

O contrato dos socorristas entrará en vigor o día 18 e a súa finalización establecerase en función das necesidades do servizo. Os traballadores percibirán 1.239,91 euros, agás o coordinador, que cobrará 1.389,91 euros ao mes.