Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Febreiro

Febreiro 2015

25Feb 2015

Presentación da Revista Thaumazein en Malpica

O novo número da publicación semestral da Universidade Cromática das Virtudes darase a coñecer este sábado ás 19.30 horas na Casa do Pescador
540-f-foto

O salón de actos da Casa do Pescador de Malpica acollerá este sábado, ás 19.30 horas, a presentación da Revista Thaumazein, a publicación semestral do colectivo Universidade Cromática das Virtudes que inclúe ensaio, fotografía, poesía, literatura, cine, debuxo… todo o pensamento da Costa da Morte. No acto, no que colabora o Concello de Malpica, intervirán Sergio Cernadas e Borja Santiago, membros da Universidade Cromática.

 

“Na Costa da Morte _explican _ reside unha gran potencialidade. Aquí nace a creatividade dos pensadores consolidados pero tamén dos mozos e mozas que, espallados polas universidades, institutos e escolas galegas, reflexionan sobre a súa realidade. Tamén sabemos daqueles que escriben as súas experiencias en forma de relatos, dos que se expresan en verso, daqueles que capturan instantes eternos coas súas cámaras fotográficas e os que plasman en lenzos e esculturas as pulsións da arte”. A Revista Thaumazein trata de facerse un oco en plena era dixital, porque os seus promotores confían en que sempre haberá “nostálxicos” que decidan ler os pensamentos das persoas que colaboran nela.

 

“Thaumazein” é un termo grego que designa un estado de asombro, de admiración, de sorpresa. Seguindo a Aristóteles, tal estado é considerado o principio da sabedoría, da busca da mesma. A diferenza dos gregos, que se asombraban coas grandes cousas, “nós ficamos prendidos das pequenas, desas nimiedades que se transforman en xigantes nas nosas cabezas”, din os membros da Universidade Cromática. 

 

24Feb 2015

Malpica, sede dun curso de monitor de fútbol base

O prazo de inscrición está aberto ata o 13 de marzo no departamento de Deportes
540-f-foto

Malpica será a sede dun curso de monitor de fútbol base organizado pola Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol en colaboración co Concello de Malpica de Bergantiños. 

O prazo de inscrición está aberto ata o 13 de marzo. 

Os interesados poden informarse no departamento de Deportes de 09.00 a 14.00 horas ou chamando ao número de teléfono 981 720 001 (preguntar por Pablo).

 

23Feb 2015

A exposición “Cartas de Amor” reflexiona sobre a violencia de xénero a través dos traballos de 15 artistas do cómic galego

Os alumn@s de 6º curso do CEIP Milladoiro participaron nun obradoiro encamiñado a eliminar a violencia das relacións entre adolescentes

540-f-foto

Ata o día 26 está aberta no Centro Cívico de Malpica a exposición “Cartas de Amor”, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración co departamento de Servizos Sociais. A concelleira Marisol Blanco Gorín explicou que a mostra reflexiona sobre “comportamentos coma os celos, o acoso, o illamento da parella para tela controlada…” que reflexan a existencia de violencia nos modos de relación entre os adolescentes. Eles son os principais destinatarios desta iniciativa, na que participan 15 artistas do cómic galego: Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luis Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Vilán e Anxos Sumai.

Alumnos e alumnas de sexto curso do CEIP Milladoiro traballaron nos últimos días arredor da violencia de xénero e realizaron unha visita á mostra, que está aberta a todo tipo de público. O obxectivo da exposición “Cartas de Amor” é sensibilizar á poboación máis nova, facela reflexionar e axudala a detectar e, polo tanto, a eliminar a violencia dos seus modos de relacionarse.

21Feb 2015

A escola infantil de Malpica empezará a funcionar en setembro

As familias interesadas en utilizar o servizo poderán realizar a preinscrición a partires do día 26 deste mes no departamento de Educación e Cultura
540-f-foto

As familias do municipio de Malpica disporán o próximo curso dun novo servizo que contribuirá á conciliación da vida laboral e familiar. A escola infantil que está a construír a empresa Atlántica de Construcción y Medio Ambiente no lugar de Aldeola, na parroquia de Cerqueda, abrirá as súas portas en setembro, segundo anunciou a concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro.

 

As obras, que teñen un orzamento de 354.175 euros, están moi avanzadas. A escola infantil de Malpica, que estará integrada na rede autonómica Galiña Azul, contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

INSCRICIÓNS

As familias interesadas en facer uso deste novo servizo público poderán realizar as preinscricións a partir do vindeiro xoves 26 de febreiro. As solicitudes tramitaranse no departamento de Educación e Cultura, situado no Centro Cívico de Malpica, nos seguintes horarios: luns, martes, xoves e venres, de 9 a 15 horas, e mércores de 9 a 14 e de 17 a 19 horas.

 

17Feb 2015

Os concellos de Carballo, A Laracha e Malpica formarán a 60 persoas nos sectores do comercio e a hostalería a través dun Plan Integrado de Emprego conxunto

O proxecto presentado na Xunta de Galicia para o seu financiamento ten un orzamento de 158.400 euros
540-f-foto

Os concellos de A Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños veñen de solicitar unha subvención para a posta en práctica dun Programa Integrado de Emprego (PEI) entre este ano e o vindeiro. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral de 60 persoas desempregadas, sobre todo das que teñen maiores dificultades para acceder a un posto de traballo, e reorientalas cara os sectores produtivos con maiores índices de inserción profesional na súa área de influenza.

 

Segundo os datos do Servizo Público de Emprego a decembro do 2014, os tres concellos aglutinan a 5.374 desempregados, o que supón un 72 % do total de Bergantiños.

 

O Programa Integrado de Emprego desenvolverase en cooperación cos diferentes axentes económicos con presenza nos municipios de Carballo, Malpica e A Laracha: asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, asociacións económicas e profesionais…

 

As accións de formación específica previstas son as seguintes:

Caixeiro/a / atención ao cliente (420 horas)

Mozo/a de almacén / repoñedor/a supermercado / manexo carreta elevadora (390 horas)

Dependente de carnizaría (310 horas)

Dependente de peixaría (310 horas)

 Elaboración de repostería (230 horas)

Elaboración e presentación de tapas, pinchos e canapés (300 horas)

Todos os cursos serán impartidos por persoal cualificado, e para que a formación sexa o máis completa posible está previsto que os participantes realicen prácticas en empresas.

 

O primeiro paso do programa consistirá nunha serie de accións preparatorias, de cara á posterior inserción, que consistirán na creación de grupos de traballo sectoriais con empresas e institucións relacionadas cos seis cursos específicos que se van impartir. Deste xeito será posible coñecer as necesidades reais de persoal en cada unha das especialidades previstas, a dispoñibilidade das empresas para acoller alumnos/as en prácticas, e o seguimento continuado da formación por parte das empresas para que poidan ter un coñecemento actualizado que facilite a inserción laboral posterior dos alumnos/as.

 

O programa inclúe, ademais, accións de formación transversal que abranguen dende a orientación laboral ata a promoción do emprendemento e a potenciación da marca persoal para a busca de emprego, ademais de módulos sobre prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos.

 

Tamén se levarán a cabo accións de prospección entre as empresas asentadas nos tres concellos para acadar un mínimo de 18 insercións laborais. Deste labor encargaranse dous titores, que realizarán visitas individualizadas a empresas dos sectores o comercio e a hostalería.

 

O PIE de Malpica, Carballo e A Laracha terá 12 meses de duración, dende o 1 de setembro deste ano ata o 31 de agosto do 2016. As accións formativas repartiranse entre as instalacións dispoñibles nos tres concellos. No caso de Malpica, a Casa do Oleiro de Buño. O custo total do programa é de 158.400 euros.

 

15Feb 2015

Os veciños do municipio de Malpica poderán participar activamente na limpeza da Croa do Castro

Os voluntarios terán que inscribirse para os labores de descuberta do xacemento, que se levarán a cabo o primeiro sábado da Semana Santa
540-f-foto

A limpeza da Croa do Castro será o primeiro paso no proceso de recuperación e posta en valor deste importante xacemento situado na parroquia de Cerqueda. Os traballos levaranse a cabo no primeiro sábado da Semana Santa, segundo avanzou Manuel Gago, profesor da USC e coordinador do proxecto. “A idea da limpeza _explicou_ é traballar de dúas formas: facer que o traballo duro, máis técnico, sexa levado a cabo por operarios, pero despois deixar que a veciñanza poida ela mesma descubrir unha pequena parte do castro”. As persoas interesadas en participar terán que inscribirse previamente. Durante os labores estarán asesorados por un equipo de arqueólogos, que lles explicarán “o que se atopa alí baixo eses muros”.

 

A Croa do Castro é un xacemento fortificado da Idade do Ferro, polo que pode ter uns 2.000 ou 2.300 anos, “aínda que sen facer escavacións non é posible sabelo”, matizou Manuel Gago. O profesor e xornalista cultural cualificouno coma “moi espectacular” e, segundo comentou, en principio parece que está en bo estado. Para saber se as expectativas se converten en realidade o primeiro que hai que facer é limpalo, porque só así se saberá exactamente o que hai. “Temos a sospeita de que limpándoo simplemente a Croa do Castro vai amosarnos xa algunhas sorpresas que intuímos polo que nos contan os veciños e polo que xa temos visto”, sinalou o coordinador do proxecto. “O primeiro paso é limpar e así poder documentar e levantar a planta do castro, que é como cando facemos unha casa pero ao revés: primeiro temos que limpar e despois ter os planos e saber exactamente que é o que temos aí abaixo”, engadiu.

 

A partir dese momento comezará o proceso de posta en valor mediante unha campaña de comunicación “que faga que o castro sexa moi coñecido en Galicia e no resto do España” e comezar coas visitas guiadas, as actividades para escolares e o labor de recompilación de “todo o coñecemento que hai sobre ese lugar na comunidade local”, rematou Manuel Gago.

 

O proxecto de recuperación e posta en valor da Croa do Castro é unha iniciativa do movemento asociativo da dinámica parroquia de Cerqueda, que contou dende o primeiro momento coa colaboración do Concello de Malpica. “Dende que as asociacións nos presentaron a idea estamos comprometidos con este proxecto, que encaixa perfectamente na nosa política de recuperación do patrimonio municipal”, apuntou o alcalde, Eduardo Parga Veiga. O rexedor lembrou as accións desenvolvidas nos últimos anos, entre elas a recente restauración do Forno da Costa, en Buño, e expresou o seu compromiso coas iniciativas que contribúan a recuperar “a nosa historia”.

 

14Feb 2015

Malpica, incluída na 42ª Regata Rías Altas de vela

Membros do comité organizador celebraron unha reunión na casa consistorial con representantes do Concello
540-f-foto

Xa hai datas para a Regata Rías Altas de vela, que este ano desenvolverase entre o 9 e o 12 de xullo. O comité organizador da 42ª edición estableceu as catro etapas da competición: A Coruña-Sada, Sada-Muxía, Muxía-Malpica, Malpica-A Coruña.

 

 

 

A casa consistorial de Malpica acolleu unha reunión na que se avanzaron os detalles desta nova edición da regata, na que colaboran a Universidade da Coruña -a través da Escola de Turismo e da Escola Superior de Náutica- e a Academia de Gastronomía Galega. O Concello de Malpica estivo representado polo tenente de alcalde, Miguel Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, e o técnico de Deportes, Pablo Lista. Os membros do comité organizador que se desprazaron ata a localidade agradeceron “a favorable acollida” que tivo a iniciativa por parte do goberno municipal. “É un alto honor para o Real Club Náutico e todos os que traballamos no proxecto de converter a Regata Rías Altas nun referente da vela pesada española ter entre a dotación deste barco á Universidade”, apuntaron.

 

 

Nesta 42ª edición complementarase a competición deportiva coa publicación de diverso material con contido turístico, e tamén se tratará de implicar ao sector da hostalería mediante a elaboración de menús específicos para a regata.

13Feb 2015

O Concello de Malpica acometerá a mellora do alumeado en Mens e do saneamento en Piñeiros cos fondos do PAI

O Plan de Aforro e Investimento, aprobado pola corporación municipal no pleno extraordinario de hoxe, acada os 193.046,79 euros
540-f-foto

A corporación municipal de Malpica aprobou hoxe o Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015 por un importe de 193.046,79 euros. O PAI é un préstamo que a Deputación da Coruña concede aos 93 concellos da provincia sen xuros, con dous anos de carencia e un prazo de devolución de 10 anos a partir do 2017, unhas condicións moi vantaxosas e que, na opinión do alcalde, Eduardo Parga Veiga, “sería unha mágoa non aproveitar”.

 

Nas bases reguladoras do PAI establécese que os concellos poderán destinar a citada cantidade á redución do seu endebedamento e/ou á realización de investimentos financeiramente sostibles. A proposta do goberno municipal de Malpica consiste en destinar 33.065,59 euros á redución da débeda e o resto a obras: por unha banda, á renovación das instalacións de iluminación para a mellora da eficiencia enerxética nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón, na parroquia de Mens, por 61.641,45 euros; por outra, a completar a rede separativa de pluviais e residuais do lugar de Piñeiros, que deste xeito quedará saneado por completo cun investimento de 98.339,27 euros.

 

O BNG apoiou a proposta do goberno municipal “porque entendemos que son obras necesarias, sobre todo o saneamento”, apuntou a voceira, Rosario Fernández. O PSOE, pola súa banda, abstívose.

 

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, destacou que o Concello pode destinar a maior parte do PAI a investimentos grazas á boa xestión económica destes últimos anos. De feito, apuntou que a débeda municipal sitúase neste momento arredor dos 60.000 euros e que no plan de pago a provedores reduciuse de cinco a tres anos o prazo para liquidalo, de xeito que xa está todo saldado.

 

No pleno extraordinario de hoxe, que comezou ás 13 horas e durou media hora, o goberno municipal tamén deu conta da solicitude de autorización ao Ministerio de Facenda para a reposición dunha praza de policía local que está vacante. No último punto aprobouse unha modificación das bases de execución do orzamento relativas á facturación electrónica.

 

13Feb 2015

A conselleira de Medio Ambiente anuncia que a depuradora de Malpica estará rematada antes de fin de ano

Ethel Vázquez visitou hoxe a obra acompañada polo alcalde, Eduardo Parga, e outros membros do goberno municipal
540-f-foto

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, salientou esta mañá que as obras da nova depuradora de Malpica estarán rematadas a finais de 2015. A EDAR ten capacidade para dar servizo a unha poboación de máis de 7.000 habitantes.

 

Vázquez Mourelle, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e dos concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo, visitou esta mañá as obras desta actuación hidráulica, cuxos traballos se centran na actualidade na cimentación da parcela na que se asentará a EDAR. Recordou que para dispoñer do espazo, como paso previo, foi necesario construír uns novos edificios portuarios e a demolición dos antigos, deixando libre a parcela na que se executan as obras.

 

A nova depuradora, valorada en preto de 5, 5 millóns de euros (5.458.513?), e cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), solucionará as carencias no saneamento de Malpica ao empregar un tratamento biolóxico innovador, similar ao da EDAR que se está a construír en Vigo. Trátase dunha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración, que permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a nova planta depuradora. Este aspecto, sumado a que a EDAR será confinada nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario de Malpica, reducindo significativamente o seu impacto visual. Ademais contará cunha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica, a través dunha biofiltración acompañada de desinfección para limitar a emisión de contaminación microbiolóxica ao medio, a pesar de que as zonas de baño están afastadas.

 

A EDAR de Malpica situarase no extremo sur do Porto, lugar consensuado entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e Concello tras varios estudos de alternativas.

 

Ademais da depuradora, proxectase unha nova rede de saneamento de recollida das augas no extremo este da praia de Area Maior de Malpica. Trátase dun novo colector, en PVC de 400 milímetros de diámetro, de entrada a un novo bombeo que recollerá as augas da parte este do paseo e da parte oeste a través dun colector existente, e as impulsará a través dun tramo de impulsión un colector por gravidade que conducirá as augas residuais a nova EDAR. O pozo de bombeo estará composto por 2 bombas (unha de elas de reposto) de 28,2 l/s de capacidade e 5,1 kW de potencia cada unha.

 

Estes traballos de construción foron adxudicados á empresa UTE COPASA & Veolia Water Systems Ibérica, e previse o remate da execución das obras para finais deste ano 2015. A continuación, seguirá un ano de explotación en probas da nova planta.

 

12Feb 2015

O proxecto Croa do Castro inicia a súa andadura coa gravación dun vídeo promocional que recollerá numerosos testemuños

O profesor da USC Manuel Gago, responsable de comunicación do proxecto, recompilará imaxes en Cerqueda o sábado pola mañá
540-f-foto

Manolo Gago, responsable de comunicación do proxecto Croa do Castro, desprazarase o sábado 14 pola mañá á parroquia de Cerqueda para  recoller imaxes e declaracións de distintos veciños coas que elaborará un vídeo promocional deste castro no que se realizará unha campaña de desbroce con voluntariado.

 

Este profesor da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago escolleu para entrevistar a unha ducia de persoas que pertencen, entre outros ámbitos, á corporación municipal ou a asociacións da parroquia. Do goberno municipal entrevistará ó alcalde, Eduardo Parga Veiga. Dos distintos colectivos de Cerqueda participarán Manuel Chouciño Garrido, presidente da Asociación de Veciños Monte d?Arxa; María Begoña Gómez Otero, presidenta da Asociación Cultural Raigañas; José María Añón Expósito, presidente da Asociación Cabalar Os Veteranos; e José Manuel Blanco Pose, presidente da Comisión de Festas.

 

Pero Gago tamén lle abrirá as cámaras a outras persoas vinculadas á parroquia. Entre os maiores con coñecementos de lendas sobre a Croa intervirán Josefina Suárez García, veciña da aldea do Ceán, e Estrella Castro Montáns, veciña de Aldeola. Como representantes das novas xeracións de cerquedáns, colaborarán os adolescentes Javier Auñón, vinculado ó colectivo cabalar Os Veteranos, e a Ana Pose Varela de Ardeleiro.

Por último, completarán o elenco de entrevistados Xabier Couto Castro, dinamizador turístico do concello de Ponteceso, que é natural do lugar de Leduzo; Víctor Suárez González, propietario da horta ecolóxica Croa do Castro, e Xosé Manuel Varela Varela, coñecedor do patrimonio cultural da parroquia de Cerqueda.

Este vídeo será colgado na web da Croa do Castro que se abrirá ó público en próximas semanas. A súa función será a de servir de reclamo para que os usuarios, tanto locais como foráneos, das novas tecnoloxías coñezan un recurso turístico que merecerá a pena ser visitado.

O éxito do nome do castro

O apelativo do castro está tendo éxito entre distintas empresas e un colectivo ciclista. O agricultor Víctor Suárez bautizou a súa horta ecolóxica co nome Croa do Castro. Estes días, Susana Suárez González abriu no centro de Carballo unha tenda ecolóxica co mesmo apelativo. Por outra banda, un grupo de ciclistas afeccionados do concello de Malpica de Bergantiños chámase Castro da Croa. Estas tres entidades utilizan tamén como logotipo a silueta deste recinto castrexo.

Página 1 de 212