Comeza a instalación de iluminación na rotonda de Buño
Debido ás dimensións da glorieta, de máis de 30 metros de diámetro, os focos estarán instalados nun poste de 12 metros de alto
A rotonda da AC418 en Buño estará, por fin, iluminada. Grazas ás xestión realizadas polo alcalde, Eduardo Parga, ante o departamento autonómico responsable da vía, antes de que remate o mes darase resposta a unha insistente demanda dos veciños e dos automobilistas, que viñan reclamando dende hai tempo que se dotase a glorieta de iluminación para mellorar a seguridade da circulación, tanto rodada coma peonil.
A empresa Ifecgas Pereira comezou hoxe coa instalación do enorme poste metálico de 12 metros de alto no que irán dispostos tres focos de gran potencia para abarcar todo o perímetro da rotonda, que supera os 30 metros de diámetro. Ata o lugar desprazáronse o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, e o propio alcalde, que se amosou moi satisfeito por poder atender esta demanda veciñal. Responsables da empresa indicaron, pola súa banda, que o sistema de iluminación estará operativo antes de fin de mes.