Máis de 1000 persoas achegáronse ata os campos de Xaviña (Buño) e da Pedra Queimada (Malpica de Bergantiños) para gozar deste evento inédito que terminou coa vitoria final do RC Deportivo logo de vencer no partido decisivo a un digno subcampión como o foi a Selección Coruñesa.
Na fase de grupos, o Deportivo e o Vitória Sport Clube de Guimarães imprimiron a súa lei, gañando todos os seus partidos e postulándose como claros favoritos ao título.
No grupo A, o Deportivo mostrou o seu potencial desde o primeiro momento e derrotou a todos os seus rivais. O seu gran bloque, sumado á profundidade por banda dun incisivo Daniel Añón, o gran labor de Mario Domínguez e Fito no centro do campo, e a calidade de Yago Portas, levou ao equipo deportivista a conseguir tres vitorias noutros tantos partidos.
Mentres tanto, no grupo B, o Vitória Sport Clube de Guimarães fixo as delicias dos espectadores co seu fútbol vistoso e atractivo con varios xogadores que sorprenderon moito pola súa gran calidade como Mario Mendes, Guilherme Guedes e João Sampaio, entre outros. Ademais de facer gozar ao público co seu fútbol, conseguiron gañar todos os seus partidos con esa forma de xogo que é innegociable para os seus adestradores.
Na fase final, a emoción e os resultados axustados fixeron que os partidos fosen aínda máis atractivos e vistosos para o público presente no campo municipal de Xaviña (Buño). Na rolda previa á final, tres dos catro equipos serían coruñeses e na primeira das semifinais enfrontaríanse o RC Deportivo e un Atlético Coruña Montañeiros que deu moi boas sensacións durante todo o torneo e competindo con todos os seus rivais. Pero neste partido acabaría a aventura do equipo de Darío Cotelo nesta I Malpica Vidú Cup, logo de que os goles de Fito e Álex désenlle a vitoria ao cadro deportivista. No que respecta á outra semifinal, a Selección Coruñesa e o Vitória Sport Clube ofreceron un gran partido a todos os presentes nas bancadas de Xaviña xa que disputaron un encontro de poder a poder no que puido pasar calquera cousa pero finalmente, o pase á gran final decidiríase desde os once metros, onde o combinado de Nacho Lourido e Fran García estivo máis acertado e conseguiu a clasificación para loitar polo título desta I Malpica Vidú Cup.
E na gran final deste torneo inédito veríanse as caras dous equipos que xa se enfrontasen na fase de grupos, o Real Club Deportivo da Coruña e a Selección Coruñesa. No partido da liguiña, a vitoria sería para os branquiazuis e neste decisivo partido, os homes de Manuel Felípez farían o propio e superarían por 2-1 ao combinado coruñés para levar o título de campión desta I Malpica Vidú Cup.
Premios individuais
No que respecta aos premios individuais, o trofeo ao Mellor Xogador foi para Asier Martínez da Selección Coruñesa, un central moi seguro, cunha tranquilidade abraiante e unha calidade fóra do común para un xogador da súa posición.
Mentres tanto, Pedro Rodrigues, gardameta do GD Chaves, foi nomeado como o mellor porteiro desta I Malpica Vidú Cup.
O mellor adestrador foi para Nacho Lourido, da Selección Coruñesa, e Mario Domínguez (RC Deportivo) foi o MVP da final.
Os porteiros menos batidos do torneo foron Manu Jiménez e Lois Gayoso, gardametas do RC Deportivo, tras encaixar tan só dous goles durante todo o torneo, mentres que os máximos goleadores foron Rui Teixeira (Vitória Sport Clube) e Darío Fariña (Atl. Coruña Montañeiros CF), con tres goles cada un.
Desde a organización, formada polo Concello de Malpica e a Asociación Deportiva Vidú, móstranse moi satisfeitos polo desenvolvemento desta I Malpica Vidú Cup e esperan que en próximas edicións mantéñase o gran nivel mostrado por todos os equipos e que o torneo vaia crecendo co paso dos anos en todos os aspectos.
Ademais, agradecen a colaboración prestada pola Federación Galega de Fútbol, pola Escola de Porteiros Nordés, o Buño SCD, o SCD Malpica, o Sporting Seaia e a UD Cerqueda, así como, a inestimable colaboración de dúas persoas que xa son indispensables para a AD Vidú como son Cristina Becerra, fotógrafa oficial da asociación malpicá, e Eva Luz.