O equipo móbil do DNI desprazarase a Malpica o vindeiro 10 de xulloO próximo 10 de xullo estará no municipio o equipo móbil do DNIe da Dirección Xeral da Policía, dependente da Comisaría Provincial da Coruña, para facilitar a expedición e renovación do Documento Nacional de Identidade.A unidade atenderá nun horario de 9.00 a 12.00 horas, con un cupo máximo de 40 persoas.As persoas interesadas deberán inscribirse previamente chamando ao Concello, a través dos seguintes números de teléfono:981 72 03 18, 981 72 03 19 ou 981 72 00 01.A cita permitirá renovar ou expedir por primeira vez o DNI sen necesidade de desprazarse fóra do municipio.
O venres 27 de xuño, a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desprazarase a Malpica de Bergantiños. A unidade estará situada diante do Centro Cívico, ao carón do colexio, en horario de 16:00 a 21:00 horas.
A doazón de sangue é un acto solidario e imprescindible para o funcionamento do sistema sanitario galego. Cada día precísanse máis de 400 doazóns nos hospitais da nosa comunidade.
Recoméndase almorzar antes de doar, e no caso de ter xantado, agardar dúas horas. As persoas interesadas deberán acudir coa súa tarxeta de doador ou un documento identificativo (DNI ou similar). É importante informar ao persoal médico no caso de estar a tomar algún medicamento.
Pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, cun peso superior aos 50 kg e en bo estado de saúde.
Doar sangue leva só uns minutos e pode salvar vidas. A colaboración da veciñanza é fundamental. Para máis información, pódese consultar a web ados.sergas.gal ou chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828.
O Concello de Malpica de Bergantiños, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza este verán obradoiros gratuítos de barro dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no Ecomuseo Forno do Forte. As actividades desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto, de martes a venres, en horario de 16.30 a 18.30 horas. Non é precisa inscrición previa, pero os menores deberán acudir acompañados dun adulto. A iniciativa, que se enmarca no programa “Malpica Verán 2025”, pretende achegar aos máis novos á tradición oleira, promovendo o coñecemento e a creatividade a través do barro.
O Centro de Artesanía e Tradición de Buño acollerá o vindeiro venres 20 de xuño ás 20:00 h a presentación da obra La ruta de Eulogio, un traballo de investigación asinado por Sandra Aldao Pereira, profesora de ESO e filóloga, que impartiu docencia en Buño entre os anos 1992 e 1995.
A actividade será aberta ao público ata completar aforo.
Esta obra marca o debut como autora de Sandra Aldao Pereira, natural de Carballo, quen presenta unha investigación ensaística arredor dun crime real acontecido hai 110 anos no Concello da Laracha, coas peculiaridades dun único testemuña: un cruceiro. O traballo recupera este feito histórico a través de novas achegas documentais e reflexivas.
Sobre a autora:
Diplomada en Maxisterio pola Universidade da Coruña.
Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela.
Diplomada en Teoloxía para Segrares pola Universidade Pontificia de Comillas.
Diplomada en Ciencias Relixiosas pola Universidade de Salamanca.
Profesora de ESO en Coristanco desde 1998, con experiencia en centros de Buño, Razo, Carballo, Cabana e A Laracha.
No ano 1993 publicou a tradución ao galego da obra O segredo na muller, coa que concorreu ao Premio Ramón Cabanillas.
Participou como poñente no Simposio Internacional de Linguas e Culturas coa intervención Explotación didáctica dunha escena de teatro.
A praia de Area Maior de Malpica acollerá este verán actividades de surf organizadas polo Concello de Malpica de Bergantiños. A iniciativa ofrece catro quendas ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto, cun total de 21 prazas dispoñibles en cada unha delas. A actividade está dirixida tanto a nenos e nenas de 7 a 16 anos como a persoas adultas a partir dos 16 anos, con horarios e tarifas diferenciadas.
Na primeira quenda, que se desenvolverá do 30 de xuño ao 4 de xullo, as sesións para a mocidade terán lugar os luns, mércores e venres de 12:00 a 14:00, cun custo de 60 euros. As clases para adultos celebraranse os martes e xoves de 18:00 a 20:00, cun prezo de 40 euros. A data límite de inscrición para esta quenda é o martes 24 de xuño.
A segunda quenda terá lugar do 7 ao 11 de xullo, mantendo os mesmos horarios e tarifas: de luns a venres para a rapazada e os martes e xoves para adultos. O prazo de inscrición estará aberto ata o martes 1 de xullo.
Xa en agosto, a terceira quenda desenvolverase do 4 ao 8. As clases para participantes de 7 a 16 anos realizaranse os luns, mércores e venres de 12:00 a 14:00, e para adultos, os martes e xoves de 18:00 a 20:00. O último día para inscribirse será o martes 29 de xullo.
A cuarta e última quenda está programada do 11 ao 15 de agosto, mantendo as mesmas condicións de horarios e prezos. Neste caso, a data límite de inscrición será o martes 5 de agosto.
Estas sesións de surf representan unha oportunidade única para iniciarse ou mellorar nesta disciplina deportiva nun entorno privilexiado como é a praia de Area Maior, nun programa estruturado e guiado por profesionais.
O permiso para realizar fogueiras durante o San Xoán poderá solicitarse ata o 19 de xuño
NORMAS REALIZACIÓN CACHARELA “ SAN XOAN” :
Na zona urbana, o volume de combustible do lume no sobre pasará os 3 mts de perímetros nin o metro ( 1 metro) de altura. No rural non poderá exceder os 6 metros de perímetro nin os 3 metros de altura.
A separación entre as cacharelas e os edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbán serán como mínimo 12 metros, agás no casco urbano.
Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacén de produtos inflamables
Queda prohibida a queima de rodas, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, de xeito xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
O material de combustión serán : leña, polas, toro de árbores e madeiras vellas etc.
En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión ( areosois) aínda que estean baleiros.
As persoas interesadas na celebración da cacharela de San Xoán, deberán presentar a correspondente comunicación no Concello por rexistro de entrada ou Sede Electrónica comunicando a celebración da mesma e lugar. Debendo en todo momento vixiar o lume ata que estea totalmente apagado. Para asegurarse de que quede totalmente apagado deberán empapar a cinza con auga.
As persoas interesadas en montar unha cacharela deberán coidar os arredores e coñecer o número de Emerxencias (112) e o de incendios (085). Ademais terán preto do lume unha mangueira ou auga suficiente en recipientes para apagar o mesmo en caso de que se extenda co fin de evitar un incendio ou a súa propagación .-
A presentación da solicitude de comunicación de celebración da caharela non exime das responsabilidade por danos ou perdas que procedan no caso de incendio cando concorra neglixencia, imprudencia ou incumprimentos das normas ditadas.-
O Concello pon en marcha unha nova edición do Campamento Concilia, unha proposta de conciliación familiar que terá lugar do 1 ao 29 de agosto, en horario de 9:30 a 14:00 horas, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos.
A actividade é totalmente gratuíta e contará cun máximo de 30 prazas, dando prioridade ás familias empadroadas no municipio. O campamento só se levará a cabo se se acada un mínimo de 15 inscricións, polo que é importante formalizar a participación dentro dos prazos establecidos.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 18 de xullo e deberá realizarse de forma presencial nas oficinas xerais do Concello. As prazas outorgaranse por orde rigorosa de inscrición, que só se considerará válida unha vez presentada a seguinte documentación:
Copia da tarxeta sanitaria da/o menor
Copia do DNI da nai, pai ou titor/a legal
Copia do libro de familia, sentenza xudicial ou outro documento acreditativo da tutela
Fotografía tamaño carné da/o nena/o
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Departamento de Cultura ou chamar ao teléfono 981 707 104.
O Campamento Concilia é un espazo pensado para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, ao tempo que ofrece ás crianzas a oportunidade de aprender, convivir e desfrutar do tempo de lecer durante o verán.
O Concello de Malpica vén de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición do obradoiro ‘Pintar na rúa’, unha proposta artística e educativa que se consolida como unha das actividades de verán máis demandadas. O seu obxectivo é fomentar a creatividade das nenas e nenos do municipio ao tempo que se recuperan espazos públicos a través da arte urbana.
O obradoiro desenvolverase do 11 ao 31 de xullo de 2025, e contará con dous turnos adaptados ás idades das persoas participantes:
De 10.00 a 12.00 horas para rapaces e rapazas de 11 a 14 anos
De 12.00 a 14.00 horas para nenas e nenos de 6 a 10 anos
Cada grupo contará cun máximo de 15 prazas e o prezo da actividade será de 12 euros por participante.
As inscricións poderán realizarse nas oficinas xerais do Concello ata o 12 de xullo, en horario de atención ao público.
Para formalizar a inscrición, as familias deberán presentar a seguinte documentación:
Copia da tarxeta sanitaria da/o rapaza/z
Copia do DNI da nai, pai ou titor/a legal que realiza a inscrición
Copia do libro de familia, sentenza xudicial ou calquera outro documento válido en dereito que acredite a tutela da/o menor
Número de conta bancaria
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Malpica ou chamar ao teléfono 981 707 104.
O salón de actos do Concello de Malpica acolleu esta mañá a presentación da VIII Carreira Pedestre do Concello de Malpica, un evento deportivo consolidado que se celebrará o vindeiro 27 de setembro. No acto participaron o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro Novo, quen foi a encargada de conducir o evento. A proba, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, nace co obxectivo de fomentar a actividade física e deportiva como vía para acadar unha vida máis saudable e segura. A saída terá lugar na praza de Villar Amigo e a meta estará situada no paseo da Praia, logo de percorrer un total de 10 quilómetros nas categorías de adultos. Tamén se organizarán carreiras adaptadas ás categorías base, ademais dunha carreira de 2 quilómetros que discorrerá polo Porto de Malpica. A inscrición, que será única por participante, poderá realizarse desde hoxe mesmo ata o martes 23 de setembro a través da páxina web www.championchipnorte.com.
Cada persoa anotada será agasallada cunha camiseta conmemorativa da proba.
A carreira terá tamén unha dimensión solidaria: por cada inscrición, a organización doará 1 euro á Asociación Española Contra o Cancro. Durante a presentación, destacouse tamén o importante papel dos voluntarios, que actuarán como motivadores e protectores dos participantes. A súa función irá máis aló da subministración de auga, xa que serán os primeiros en asistir aos corredores no caso de que se produza algún contratempo ao longo do percorrido, antes de que interveñan os servizos de emerxencia. Un dos aspectos máis singulares da proba será a entrega de trofeos elaborados artesanalmente en barro, cunha imaxe en 3D representativa da carreira, unha iniciativa coa que se pretende promover a alfarería tradicional de Buño. Ademais, como novidade nesta edición, as medallas das carreiras 2K entregaranse ao remate das mesmas, e o cartel incluirá un código QR que redirixe directamente á web de inscrición. O acto pechouse coa intervención do alcalde Eduardo Parga, quen animou á cidadanía a participar activamente nesta festa do deporte e da solidariedade.
Malpica acolleu onte, 6 de xuño, a I Maratón Teatral organizada polo Concello de Malpica de Bergantiños dentro da programación Malpica nun Mar de Letras. O evento celebrouse no Centro Cívico da vila e reuniu a veciñanza arredor do teatro afeccionado, cunha ampla participación de nenos e nenas.
A programación comezou ás 18:00 horas coa obra “Ñac-Ñac”, a cargo do Obradoiro de Animación Teatral de Malpica. Ás 19:00 seguiu “Mafia”, posta en escena pola Escola de Teatro APA As Mariñas. O broche final púxoo, ás 20:00 horas, “De-función”, novamente interpretada polo obradoiro teatral local.
Ao remate das representacións, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro, Miguel Ángel Mirás, entregaron os diplomas a todos os nenos e nenas participantes, nun acto emotivo que puxo en valor o traballo dos máis novos no ámbito cultural.
Esta primeira edición da Maratón Teatral foi valorada moi positivamente tanto polo público como polos organizadores, que destacan a importancia de fomentar a creatividade a través das artes escénicas.
Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario - Ocultar detalles
• Social media Facebook, Twitter e outras Redes Sociais precisan utilizar cookies para recoñecerte.
• Analytics Os datos recollidos polas cookies de Google Analytics son anónimos e só se usan para valorar a experiencia do usuario no nosa web.
• Anuncios Este sitio pode albergar publicidade propia, de afiliados, ou de redes publicitarias.
• Cookies propias Este sitio utiliza cookies propias para facilitar o acceso e mellorar a navegación e experiencia ao usuario Aviso Legal ACEPTOLeer más