Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 13°
Venres 16°
10°
Sábado 17°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

28Ago 2015

O Sporting Meicende, gañador do Trofeo Festas do Mar

Mañá sábado disputarase no campo de fútbol de Xaviña o Torneo Solidario Os Petóns
540-f-foto

Na antesala das competicións ligueiras, os equipos de fútbol do municipio malpicán melloran a súa preparación en diversos torneos. O Malpica participou a fin de semana pasada no Trofeo Festas do Mar, un dos triangulares clásicos do verán que nesta edición adxudicouse o Sporting Meicende. O segundo posto foi para o Orillamar, e o terceiro para o equipo anfitrión. O concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, foi o encargado de entregar os trofeos aos participantes.

 

Esta fin de semana hai unha nova cita co fútbol, nesta ocasión no campo de Xaviña (Buño), onde se disputa o Torneo Solidario Os Petóns, organizado pola Unión Deportiva Cerqueda en colaboración co Concello de Malpica.  A característica desta competición é que toda a recadación que se consiga destinarase á compra dos alimentos máis necesarios para o banco que xestiona a Concellería de Servizos Sociais en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, e do que se benefician 21 familias do municipio malpicán. No Torneo Solidario Os Petóns participarán, ademais da UD Cerqueda, o CD Baíñas e o CF Boimorto. Os partidos comezarán ás 18 horas.

 

27Ago 2015

“As mil e unha noites” da compañía de teatro Ghazafellos pechan o Retablo de Fantoches Rafael Dieste

A representación está prevista para o sábado ás 20.30 horas no paseo marítimo, pero se chove trasladarase ao Centro Cívico
540-f-foto

A compañía Ghazafellos pechará este ano o Retablo de Fantoches Rafael Dieste, a particular homenaxe do Concello de Malpica ás representacións que se levaron a cabo nos anos 30 do século pasado no marco das Misións Pedagóxicas. Para a última representación, a Concellería de Cultura proponnos o espectáculo As mil e unha noites, no que, baixo o arrecendo a incenso, uns contadores de historias da afastada Persia comparten co público as aventuras de Sherezade e as súas mil e unha noites: alfombras voadoras, xenios poderosos, ladróns, aventureiros… Todo mesturado con música e recreacións dos momentos máis máxicos dos relatos árabes máis coñecidos, como Aladino e a lámpada marabillosa ou Alibabá e os corenta ladróns. O espectáculo, duns 60 minutos de duración e especialmente dirixido a nenas e nenos a partir de cinco anos. Se o tempo acompaña, como ocorreu coincidindo coas actuacións de Teatro Babaluva e Fantoches Baj, a función desenvolverase no paseo marítimo. No caso de choiva trasladarase ao auditorio do Centro Cívico. En calquera caso comezará ás 20.30 horas.

A actuación de Teatro Ghazafellos non só pecha o Retablo de Fantoches Rafael Dieste, senón tamén as Noites na Vila que se viñeron desenvolvendo ao longo dos meses de xullo e agosto. Música, teatro, maxia… As Noites na Vila encheron de animación o paseo marítimo de Malpica durante todo o verán.

27Ago 2015

Clausurado o torneo infantil de fútbol praia e fútbol sala

A entrega de medallas tivo que levarse a cabo no pavillón debido ao mal tempo, que impediu celebrar as actividades de despedida en Area Maior
540-f-foto

Despois de dous meses intensos de campamentos, excursións, actividades acuáticas… a programación deportiva do Concello de Malpica para este verán tamén está tocando á súa fin. Onte tivo lugar a clausura do torneo infantil de fútbol praia e fútbol sala, no que participaron 60 nenas e nenos ao longo de todo o mes de agosto. A xornada de despedida non puido desenvolverse segundo o previsto debido ao mal tempo, que impediu celebrala na praia de Area Maior e obrigou a trasladala ao polideportivo. Alí o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o de Obras e Servizos, Miguel Fernández, entregaron as súas medallas aos participantes. Esta semana tamén rematarán os cursos de surf e kayak organizados polo SurfCamp e o Club Náutico, respectivamente, cola colaboración do Concello de Malpica, e nos que participan decenas de rapaces e rapazas.

 

26Ago 2015

O Torneo Solidario Os Petóns marca o comezo da colaboración da UD Cerqueda co banco de alimentos do Concello de Malpica

“O fútbol ten que servir para algo máis que para ir os domingos ao campo”, sinalaron os organizadores na presentación do cartel
540-f-foto

A xunta directiva da Unión Deportiva Cerqueda está convencida de que o fútbol “ten un potencial tremendo” que vai moito máis alá do puramente deportivo, e está decidida a aproveitalo. A promoción da Croa do Castro nas camisetas que lucirán os xogadores no seu debut na 2ª Autonómica constitúe un exemplo da nova dimensión que pretenden darlle ao club, pero non o único. Hoxe tivo lugar no centro social das Pozacas a presentación do Torneo Solidario Os Petóns, que marca o comezo dunha colaboración estable da UD Cerqueda co banco de alimentos do Concello de Malpica de Bergantiños. No acto participaron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, en representación do goberno municipal, e por parte do club deportivo asistiron o presidente, Roberto García, e o directivo Alberto Pose, así coma o capitán do equipo, Daniel García Reixía.

 

“O fútbol -sinalaron os organizadores do torneo- ten que servir para algo máis que para ir os domingos ao campo”. En principio, toda a recadación que se consiga no torneo deste sábado destinarase á compra dos alimentos máis necesarios para o banco que xestiona a Concellería de Servizos Sociais en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, e do que se benefician 21 familias do municipio malpicán. Pero a directiva da UD Cerqueda xa avanzou a súa intención de seguir colaborando durante todo o ano cun servizo que consideran especialmente importante dadas as dificultades que atravesan moitas familias. Dende o Concello de Malpica, tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes agradeceron este xesto solidario, animaron aos veciños e veciñas de todo o municipio a acudir ao torneo e desexaron á UD Cerqueda moita sorte na 2ª Autonómica, na que se estreará na primeira fin de semana de setembro contra o Fisterra.

 

No Torneo Solidario Os Petóns, que se disputará este sábado 29 no campo de Xaviña (Buño), participarán, ademais da UD Cerqueda, o CD Baíñas e o CF Boimorto. Os partidos comezarán ás 18 horas.

 

25Ago 2015

45 nenas e nenos comezan un curso de surf organizado polo Silfo SurfCamp coa colaboración do Concello

Mañá comezarán a disputarse as finais do torneo de fútbol praia infantil
540-f-foto

O deporte segue a encher de actividade este verán a praia de Area Maior.  Despois da exitosa sesión de balonmán praia da semana pasada, hoxe comezaron os cursos de iniciación e perfeccionamento de surf organizados polo Silfo SurfCamp coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que permitirán que un total de 45 nenas e nenos aprendan a cabalgar sobre as ondas coas súas táboas ou melloren a súa técnica. Os participantes foron recibidos polo concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o presidente do Silfo SurfCamp, José Rodríguez, e despois puideron desfrutar da primeira das catro xornadas de surf das que consta o curso.

 

Os pequenos e as pequenas surfistas coincidirán a partir de mañá cos participantes no torneo infantil de fútbol praia, xa que comezan as finais. No primeiro partido, previsto para as 18.40 horas, os máis pequenos xogarán contra as mamás. O torneo organizado pola Concellería de Deportes vense disputando durante todo o mes de agosto, coa participación de máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos.

 

Ao longo do mes de agosto, organizados polo Club Náutico de Malpica, tamén se desenvolven cursos de kayak e vela lixeira.

 

20Ago 2015

O Concello de Malpica e as Escolas de Balonmán Xiria organizan unha xornada de exhibición e deporte na praia de Area Maior

Nenas e nenos de todas as idades poderán participar de forma gratuíta
540-f-foto

Mañá venres haberá moitos motivos para achegarse ata a praia de Area Maior, e pouco importará que faga mellor ou peor tempo. Pola mañá, a partir das 11.00 horas, nenos e maiores poderán participar no Concurso de Barcanas e Castelos de Area que organiza, coma todos os anos, o Concello de Malpica. E pola tarde, a partir das 15.00 horas, desenvolverase unha nova actividade. En colaboración coas Escolas de Balonmán Xiria, a Concellería de Deportes programou unha xornada de exhibición na que participarán xogadores do club carballés, e, posteriormente, tanto xogadores coma monitores dirixirán unha xornada de prácticas na que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen, sen límite de idade. A actividade é totalmente gratuíta.

 

18Ago 2015

O Concello de Malpica habilitará tres zonas de aparcamento alternativas ao porto durante as Festas do Mar

Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza durante as celebracións da vindeira fin de semana
540-f-foto

O Concello de Malpica habilitará tres zonas de aparcamento en Villadebe, Pedra Queimada e o cruce da estrada de acceso á vila coa pista do campo de fútbol durante as Festas do Mar, que se celebrarán do 21 ao 23 deste mes de agosto.  O alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, e un representante da Policía Local, Ernesto Mancebo, celebraron unha primeira reunión de coordinación para definir aspectos relativos, por un lado, á circulación viaria, e, por outro, ao emprazamento dos escenarios para as orquestras, as atraccións de feira e os postos ambulantes dentro do recinto portuario. Todos estes aspectos concrétanse nun plan de seguridade que estará vixente a partir do venres e durante toda a fin de semana, e no que tamén participa a Garda Civil.

 

Durante as Festas do Mar o acceso ao porto estará permitido para os usos portuarios habituais, pero restrinxirase tanto a circulación como o estacionamento para o resto de vehículos. De igual xeito, o tráfico no centro urbano estará limitado aos residentes. Neste sentido, dende o Concello de Malpica faise un chamamento aos visitantes para que utilicen as zonas de estacionamento gratuíto na entrada da vila coa finalidade de evitar aglomeracións e problemas de tráfico.

 

Por outra banda, os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza na vila. Entre o venres e o domingo estarán ao servizo da cidadanía 22 axentes da Policía Local e 30 voluntarios de Protección Civil, aos que se sumarán varias patrullas da Garda Civil. O reforzo dos servizos de seguridade centrarase especialmente na noite do sábado e na tarde do domingo, coincidindo coa maior afluencia de visitantes a Malpica. A colaboración entre todos eles será unha das premisas de actuación durante as festas. 

 

18Ago 2015

Dez xadrecistas participan no X Torneo Pub Leño

As partidas comezaron onte e prolongaranse ata o venres 21
540-f-foto

Onte comezou o X Torneo de Xadrez Bar Leño, que se prolongará ata o venres 21. Unha das características da competición é que se leva a cabo no paseo marítimo de Malpica, o que o converte nun atractivo máis para veciños e visitantes. O Torneo de Xadrez conta cun total de 10 participantes e dispútase polo sistema suízo a cinco roldas. Na primeira gañaron os cinco primeiros do ránking: Iago García (1783 Elo) Breogán García (1754), Juan Manuel Díaz (1683) Oscar Fondo (1605) e Carlos Blanco (1601). Se queredes saber como se vai desenvolvendo a competición só tedes que achegarvos ás 17.30 horas ata o Pub Leño.

 

14Ago 2015

A Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega enchen de ambiente as rúas de Malpica

O alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, percorreron os máis de trinta postos distribuídos ao longo da rúa principal
540-f-foto

Queixos, xoguetes, bixutería, embutidos, artesanía feita con redes, churrasco, polbo, pizzas, trenzas de coiro, sacos térmicos… e moitísimo máis é o que se pode atopar esta fin de semana na Feira Medieval Mariñeira de Malpica, que arrincou oficialmente ao mediodía coa visita institucional do alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro. Os representantes do Concello de Malpica percorreron os máis de trinta postos que se distribúen ao longo da rúa principal (había máis solicitudes, pero non puideron ser atendidas por falta de espazo) e saudaron aos vendedores ambulantes. Moitos repiten, e falan marabillas das tres edicións anteriores. Nesta cuarta, ademais da ampla oferta artesanal e gastronómica, o mercado inclúe unha serie de espectáculos que xa empezaron a animar as rúas onte pola tarde. Músicos medievais e uns personaxes tan máxicos coma unha árbore zancuda e unha nube xigante realizarán varios pases durante a fin de semana.

 

Estes días Malpica é un fervedoiro, e hoxe pola mañá, coincidindo coa apertura da Feira Medieval Mariñeira, foron centos as persoas que se achegaron ata a vila, que vive neste mes de agosto a súa época de máis afluencia de todo o ano.  A concellería de Cultura e Turismo complementa a oferta do mercado coa Festa Galega, que comeza hoxe ás 22 horas coas actuacións da Banda de Gaitas da A.C. Malante, as cantareiras da A.C. Raigañas e o grupo Fol de Veneno. O prato forte chegará mañá sábado a partir das 19.15 horas co Desfile da Banda de Gaitas da AC Malante dende o Centro Cívico ata o porto, onde continuará a festa coa Banda de Gaitas da Agrupación Folclórica de San Xiao do Trebo (Cariño), a Banda de Gaitas Abelleira (Ponferrada) e a anfitrioa. No gran concertó nocturno, Samarúas subirá ao escenario ás 22 horas, e despois farano Milladoiro (23.30) e Radio Cos (01.15).

 

8Ago 2015

Fin de semana espectacular en Malpica

540-f-foto

SÁBADO 8 DE AGOSTO

 

RETABLO DE FANCHOCHES RAFAEL DIESTE

 

20:30 h. Paseo marítimo ?Rei, rei? de Fantoches baj. (Títeres de luva, variña e actores) Público Preferente: Familiar (+ de 2 anos). Duración: 60 minutos (no caso de choiva a actuación trasladarase ó auditorio do Centro Cívico).

 

 

MOSTRA DA OLERÍA

 

Trofeo de fútbol de veteranos

 

18.00 horas. Campo de fútbol de Xaviña (Buño).

 

Queimada e concerto

 

Gran Queimada Tradicional no Parque Luciano García Alén

 

23.30 h. Concerto: Surf&Sun e Miguel de la Rosa

 

 

 

DOMINGO 9 DE AGOSTO

 

TRAVESÍA A NADO SISARGAS-MALPICA

 

DE 09.45 A 10.15 H. Recollida de dorsais na lonxa do porto de Malpica

 

10.30h. Embarque dos participantes rumbo ás Sisargas

 

11.00h. Inicio da travesía.

 

Para as persoas que desexen seguir dende terra aos nadadores recomendámoslle facelo dende San Adrián.

 

TROFEO MOSTRA DA OLERÍA DE FÚTBOL

 

18.00 HORAS (Campo Fútbol de Xaviña – Buño)

 

Triangular Malpica S.C.D. ? C.D.U.D. Cerqueda ? Buño, S.D.

 

               

 

PROXECTO BARRO

 

19.00 h. Espectáculo multidisciplinar (Poesía, teatro, música, fotografía, etc.): Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Peter Sheneider, Músicos: Carlos Barcia, Ismael, Fran Trashorras … (Os asistentes serán agasallados cun DVD do espectáculo.

 

20.00 h. Acto de clausura da XXXII Mostra da Olería de Buño ? Parque Luciano García Alén.

 

Página 103 de 149« Primera...102030...101102103104105...110120130...Última »