Novas
Simulacro no IES Urbano Lugrís
Sorori(r)dade, no Centro Cívico de Malpica
Corte no subministro de auga mañá, mércores 27 de novembro
- Rúa Igrexa.
- Rúa Barreiro.
- Rúa Camiño do Río.
- 1ª, 2ª, 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª Travesía do Río.
- Rúa Agros A, rúa Agros B e rúa Agros C.
- Rúa Orxeira.
- Traesía de Orxeira.
- Rúa As Neves.
Malpica celebrará este sábado a ‘Cea das letras 2019’
Malpica celebrará este sábado, 30 de novembro, a ‘Cea das letras 2019’, un evento no que as persoas alí presentes serán agasalladas co libro ‘Marco Livorno’, de Mario Regueira.
Este evento terá lugar na Casa da Cultura de Seaia, ás 21:30 horas, e servirá tamén para coñecer o fallo do XIV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que este ano presenta un récord de exemplares, con 34 poemarios. O prezo da cea será de 15 euros e pódense facer reservas nos teléfonos 649 507 285 e no 981 707 104. Estará amenizada polo grupo ‘Traskiband’.
O evento está organizado polo Concello de Malpica e pola Asociación Cultural Caldeirón.
O Concello de Malpica conclúe a súa viaxe en Manises coa súa asistencia á Bienal Internacional da Cerámica
A concelleira de Olería do Concello de Malpica, Leticia Varela, asistiu onte á Bienal Internacional de Cerámica de Manises e acudiu, ademais, á Asamblea constituinte da Asociación Española de Ciudades de la Cerámica na que se elixiu á nova directiva da entidade. María Jesús Pérez Lozano (Talavera de la Reina) foi escollida como presidenta e Concepción Miguélez (alcaldesa de Alba de Tormes) pasou a ocupar o cargo de vicepresidenta. Así mesmo, a Asamblea serviu para seleccionar Talavera de la Reina como a nova sede da Asociación en España.
Ao longo do encontro abordáronse temas como a dinamización da cerámica a nivel nacional e europeo ou o proxecto Cerasmus, unha iniciativa que podería ser aplicable para a olería de Buño. Durante a súa visita, a concelleira malpicá estivo acompañada por Eloi Mancebo membro da Asociación de Oleiros de Buño, co que se intercambiaron ideas con outros e outras profesionais da cerámica de diferentes ámbitos e lugares. Así mesmo, logo dun xantar conxunto, Leticia Varela aproveitou a ocasión para visitar o Museo de Cerámica de Manises.
Tal e como sinalou Varela, acábase de concluír unha “viaxe moi proveitosa para o noso sector oleiro, na medida en que serve para manter o contacto con outras cidades, e supón tamén o intercambio de experiencias e iniciativas que resulta do máis produtivo”.
Malpica, contra as violencias machistas
A praza Anselmo Villas Amigo foi testemuña da lectura do manifesto contra as violencias machistas, á que acudiron as persoas integrantes do equipo de goberno, traballadores municipais e a veciñanza.
O Concello de Malpica organizará diversos obradoiros con motivo da ‘Semana Contra as Violencias’
O Concello de Malpica, coas súa concellerías de Igualdade e Benestar á cabeza, organizará con motivo da Semana Contra as Violencias diversos obradoiros, no Centro Civico malpicán e na Casa da Cultura de Seaia.
O xoves 21 de novembro, de 18:00 ás 19:30 horas no Centro Cívico de Malpica, celebrarase o ‘Obradoiro para a prevención do síndrome de persoas coidadoras’. O martes 26 de novembro, tamén de 18:00 a 19:30 horas e na Casa da Cultura de Seaia, terá lugar o ‘Obradoiro de risoterapia e sororidade para mulleres’.
Todas as persoas que o desexen, poden apuntarse no 981 720 280. Ambas son actividades completamente de balde. A concelleira de Igualdade do Concello de Malpica, Leticia Varela Naya, destaca que “ambas propostas reflicten a nosa implicación non só co benestar social, senón tamén pola integración, e promulgación de valores como o respecto e a igualdade en todos os ámbitos. Agradecemos a PsicoNova a súa implicación en dúas actividades moi importantes para a veciñanza, e para seguir camiñando para acadar a igualdade en todas as facetas do ámbito social”, destacaba Varela.
A Mostra de Teatro de Malpica celebra o seu 15º aniversario cun ciclo paralelo de espectáculos en locais comerciais e hostaleiros
A Mostra de Teatro de Malpica cumpre 15 anos, e para celebralo, ademais das funcións de sala no auditorio do Centro Cívico, a Concellaría de Cultura organiza un ciclo paralelo de espectáculos en comercios e establecementos hostaleiros da vila. Esta semana arranca o noso particular outono teatral, no que realizaremos un percorrido pola escena galega máis actual e divertida a través de 11 propostas escénicas moi variadas. Son todas estas:
Ciclo de sala
- 25 de outubro (20.30 horas). Producións Teatrais Excéntricas S.L.
Mofa & Befa – Cranios privilexiados … ou crítica da razón perralleira.
Elenco: Josito Porto e Víctor Mosqueira
Duración: 85 minutos
Xénero: Comedia
Público preferente: maiores de 13 anos
- 1 de novembro (20.30 h). Ainé Producións Acusmaser Opus
O montacargas (The Dumb Waiter)
Elenco: Santi Romai e Federico Pérez
Dirección: Evaristo Calvo
Duración: 50 minutos
Xénero: Teatro do absurdo
Público preferente: Adulto (en todo caso maiores de 13 anos)
- 8 de novembro (20.30 horas). Redrum Teatro
Idiota
Elenco: Machi Salgado e Susana Sampedro
Dirección: Álex Sampayo
Duración: 70 minutos
Xénero: Comedia negra
Público preferente: Adulto (en todo caso maiores de 13 anos)
- 15 de novembro (20.30 h). Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega
Papar sen cancelas
Elenco: Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei
Dirección: Diego Rey
Duración: 85 minutos
Xénero: Comedia, clown e improvisación
Público preferente: Adulto (en todo caso maiores de 13 anos)
- 22 de novembro (20.30 h). Malasombra Producións
Os fabulosos cleaners
Elenco: Josue García e Xoque Carbajal
Dirección: Marcos Orsi
Duración: 55 minutos
Xénero: Espectáculo de pompas de xabón
Público preferente: Todos os públicos, a partir de 4 anos
- 29 de novembro (20.30 h). Baobab Teatro
Puño puñete
Elenco: Andrea Bayer e Davide González
Duración: 45 minutos
Xénero: Espectáculo musical
Público preferente: Familiar / infantil, especialmente nenas/os de 1 a 7 anos
- 6 de decembro (20.30 h). Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos
A nena e o grilo máis aló
Músicos: Magín Blanco (guitarra e voz), Cristian Legiero (teclado)
Actrices/actores: Teatro Ghazafelhos (Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas)
Duración: 60 minutos
Xénero: teatro musical infantil
Público preferente: Familiar e infantil, especialmente maiores de 3 anos.
Como é habitual, ao remate dos espectáculos de sala recolleranse as valoracións do público, que poderá puntuar cada actuación do 1 ao 5, axudando deste xeito a mellorar cada ano a programación segundo os gustos dos/as espectadores/as.
Paralelamente, este ano teremos a oportunidade de asistir a outros espectáculos fóra do auditorio do Centro Cívico grazas á colaboración de comercios e locais de hostalaría da vila. O programa do Ciclo Ruada é o seguinte:
- 11 de novembro (22.30 horas). Pub Leño
Monólogo de Pepo Suevos
Público preferente: Adulto - 23 de novembro (23.00 horas). Submarino Bar
Monólogo de Oswaldo Digón
Público preferente: Adulto - 24 de novembro (12.30 horas). Librería Míguens
Paula Carballeira presenta O río da bruxa
Público preferente: Infantil / familiar - 1 de decembro (12.30 horas). Escola Surf A Mar
O Mago Álex presenta De ilusións tamén se vive
Público preferente: Infantil / familiar
Todos os espectáculos son de balde. O Concello de Malpica conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña na organización da XV Mostra de Teatro.
Malpica celebra o 86º aniversario das Misións Pedagóxicas con monicreques, magosto e concurso de disfraces de época
As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 86 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de A doncela guerreira, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Cultura quere lembrala este ano dun xeito especial. Así, este domingo, día 20, volverá a haber monicreques no mesmo lugar (se o tempo o permite) que 86 anos atrás. En caso de choiva os actos trasladaranse ao Mercado Municipal (rúa Patria Galega).
Pero o programa de actividades deseñado pola Concellaría de Cultura, que conta un ano máis coa colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, será máis amplo. De feito, xa está aberta na aula circular do Fondo Lugrís, no Centro Cívico, a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, que pode visitarse ata o día 31, e que inclúe novas achegas. Para seguir ampliándoa, durante estes días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Cultura para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.
O día 20, como hai 86 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a actriz e titiriteira Larraitz Urruzola representará Dona Barriga Verde, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 6 anos.
A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo, as Cantareiras da A.C. Malante e a formación Os do fondo da barra cos seus cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.
A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e un vale de 50 euros para a compra de libros, e na absoluta, en trofeo e vale de 100 euros canxeable no comercio e na hostalaría locais.