Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
11°
Xoves 15°
10°
Venres 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

28Xul 2025

O Concello de Malpica convida a vivir a XII Feira Mariñeira do 14 ao 17 de agosto

O Concello de Malpica de Bergantiños convida a veciñanza e visitantes a participar na XII edición da Feira Mariñeira, que se celebrará entre os días 14 e 17 de agosto e que, un ano máis, converterá as rúas da vila nun espazo de encontro coa tradición, a cultura mariñeira e a diversión para todos os públicos.

Durante catro días, Malpica acollerá postos de artesanía e alimentación, unha pulpeira tradicional, pasarrúas, xogos populares e música en vivo, nun ambiente que mestura identidade, sabor e entretemento.

A Feira Mariñeira é xa unha cita consolidada do verán malpicán, que serve para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro da vila, recoñecendo o papel fundamental do mar na historia e na vida cotiá da comunidade.

Desde o Concello animamos a toda a cidadanía a achegarse, participar nas actividades e compartir xuntos uns días de celebración, encontro e cultura.

18Xul 2025

Malpica prepárase para vivir a XVI Festa Galega

O Concello de Malpica de Bergantiños ten o pracer de anunciar a celebración da XVI Festa Galega, un encontro emblemático coa música e a tradición que terá lugar os días 15 e 16 de agosto de 2025, no porto (zona do Travelift).Durante dúas xornadas intensas, Malpica converterase nun escenario privilexiado para gozar da cultura galega a través das voces e sons das mellores agrupacións tradicionais, combinando concertos, cantareiras e espectáculos de referencia no panorama musical galego.Toma boa nota da programación:

Venres 15 de agosto:

• 21:30 h – Cantareiras ACD Carcaxía

• 22:00 h – Cantareiras AC Malante

• 22:30 h – Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre

• 00:15 h – Alana

Sábado 16 de agosto:

• 22:00 h – Cantareiras AC Raigañas

• 22:30 h – Do Rivés • 23:00 h – Mercedes Peón co seu espectáculo Ingrávida

• 00:15 h – Tanto Nos Ten

A Festa Galega é unha homenaxe ás nosas raíces e un punto de encontro interxeracional onde tradición e innovación musical conviven para poñer en valor o noso patrimonio cultural inmaterial.Organiza: Concello de Malpica de BergantiñosColaboran: Xunta de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación da Coruña e Cofradía de Pescadores de Malpica.

Vive a tradición. Vive Malpica

9Xul 2025

Rematadas as obras de mellora no núcleo de Santiso

O Concello de Malpica informa de que veñen de rematarse as obras de mellora das infraestruturas, rede de pluviais e pavimentación no núcleo de Santiso, unha actuación incluída no Plan Único (POS+)  correspondente ao ano 2023.

As obras foron executadas pola empresa SYR-AMG, SL, cun orzamento total de 172.634,68 euros. O proxecto tiña como obxectivo principal a mellora da rede de recollida de augas pluviais, así como a renovación dos pavimentos, co fin de optimizar as condicións de accesibilidade, seguridade e confort da veciñanza.

Desde o Concello agradecen a colaboración da veciñanza durante o tempo de execución dos traballos e destacan a importancia deste tipo de actuacións para seguir mellorando os servizos e a calidade de vida no rural.

“Seguimos apostando por mellorar os espazos públicos e as infraestruturas das nosas parroquias, atendendo ás demandas da veciñanza e facendo un uso eficiente dos recursos públicos”, sinalan desde o goberno local.

30Xuñ 2025

Malpica suma o pickleball ás actividades deportivas municipais

O deporte de moda no Estados Unidos e que se espalla a gran velocidade por Europa xa ten o seu espazo na Costa da Morte. O pickleball chegou oficialmente a Malpica e fíxoo para quedar.

O pavillón municipal convértese desde esta semana no novo epicentro galego desta disciplina híbrida que combina elementos do tenis, do pádel, do bádminton e do tenis de mesa. Xógase cunha pala sólida e cunha pelota perforada, e a súa sinxeleza á hora de aprendelo fai que sexa ideal para todas as idades.

Dinámico, áxil e cun compoñente aditivo que engancha desde o primeiro punto. Así o definen os primeiros xogadores, nun deporte chamado a converterse nunha das sensacións do verán en Galicia.

O Concello de Malpica habilitou horarios de alugueiro da pista de luns a venres, tanto en horario de mañá (de 10:30 a 13:30) coma de tarde (de 19:30 a 21:30). O prezo é de 4,49 euros por hora, cun máximo de catro persoas por reserva. As inscricións deben facerse nas Oficinas Xerais do Concello, cun mínimo de un día de antelación.

Con esta aposta, o municipio amplía a súa oferta deportiva e súmase ao auxe dunha modalidade que xa conta con milleiros de seguidores en todo o mundo.

30Xuñ 2025

O Concello de Malpica lanza unha nova edición do Día da Bicicleta

O Concello de Malpica celebrará o vindeiro domingo 20 de xullo unha nova edición do Día da Bicicleta, unha actividade dirixida a todas as idades que combina deporte, lecer e participación veciñal. O percorrido cubrirá unha distancia de 14 quilómetros, cunha ruta que se iniciará no Centro Sociocultural de Seaia e finalizará na Praza Anselmo Villar Amigo.

A saída está programada para as 10.45 horas. As persoas interesadas poden realizar a preinscrición nas oficinas xerais do Concello ata o venres 11 de xullo ás 14.00 horas. Así mesmo, o mesmo día do evento permitirase a inscrición ata quince minutos antes do comezo da actividade. O uso do casco será obrigatorio para todas as persoas participantes. Unha vez rematado o percorrido, realizarase o sorteo dunha bicicleta entre todas as persoas inscritas.

Desde o Concello convidamos a todo o mundo a participar nun día para pedalear en boa compañía e vivir Malpica sobre rodas.

30Xuñ 2025

O Concello de Malpica organiza visitas guiadas durante o verán con Suso Martínez

O Concello de Malpica impulsa unha nova programación de visitas guiadas pola vila para os meses de xullo e agosto. A actividade, destinada ao público en xeral, estará conducida por Suso Martínez, historiador e actor.

As rutas realizaranse baixo o título “Historias lugrisianas, morfoloxías mariñeiras e lendas célticas” e propoñen un percorrido urbano con referencias á configuración da vila, ao seu pasado mariñeiro e á presenza da figura de Urbano Lugrís.

As datas previstas son:

  • 5 de xullo ás 19.00 h
  • 19 de xullo ás 19.00 h
  • 27 de xullo ás 19.00 h
  • 15 de agosto ás 12.00 h
  • 17 de agosto ás 19.00 h

O punto de encontro será a Fonte Anselmo Villar Amigo. A participación é gratuíta. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 981 720 001 ou a través do correo electrónico turismo@malpicadebergantinos.es.

A iniciativa enmárcase na programación estival do Concello e busca ofrecer un recurso máis dentro da oferta turística e cultural do municipo.

26Xuñ 2025

O VIII Torneo Concello de Malpica celebrarase este sábado 29 de xuño

O vindeiro domingo 29 de xuño de 2025 celebrarase o VIII Torneo Concello de Malpica – VII Memorial Ángel Rubio, unha das probas puntuables para o IX Circuíto Deputación da Coruña de Xadrez 2025. A cita terá lugar no Pavillón Municipal de Malpica.

O sistema de competición será suízo, previsto a 7 ou 8 roldas en función do número de participantes. O ritmo de xogo será de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por xogada.

A xornada dará comezo coa presentación ás 15:45 horas, e a primeira rolda iniciarase ás 16:00. A clausura do evento está estimada sobre as 20:30 horas.

Os emparellamentos realizaranse mediante software informático, e non se admitirán reclamacións agás erros na introdución de resultados comunicados antes do inicio da seguinte rolda.

O torneo será válido para ELO FIDE de xadrez rápido, e todos os xogadores deberán estar federados. A organización poderá xestionar a federación para aqueles que o precisen, reservándose tamén o dereito de admisión.

As inscricións poden formalizarse a través do teléfono 617 23 43 93 ou no correo electrónico torneos@galichess.com. As bases completas están publicadas na web www.galichess.com.

Desde esta ligazón podes descargar as bases do torneo.

26Xuñ 2025

Visitas teatralizadas de balde para coñecer a historia da vida no Forno Do Forte

O Concello de Malpica, en colaboración coa Deputación da Coruña, ofrecerá visitas teatralizadas gratuítas nas instalacións do Ecomuseo Forno do Forte durante os sábados 12 e 26 de xullo, e os días 9 e 30 de agosto, sempre en horario de 12:00 a 13:00 horas.

Yago Espasandín e Raquel Crespo, integrantes da compañía Alalá Teatro, serán os encargados de dar vida a unha peza baseada na vida tradicional dos oleiros. A obra narra a reflexión de dous irmáns oleiros dos anos 40, pertencentes á quinta xeración dunha familia dedicada ao barro, que se enfrontan á que cren será a súa última fornada, repasando o seu oficio como forma de vida.

A representación, titulada Onde nace o fume, é un relato íntimo e poético sobre as raíces, o pasado recente e a evolución dun oficio que marcou a identidade dunha comunidade. A través da dramatización, os visitantes mergúllanse na historia viva do Forno do Forte, accedendo ás vivendas dos oleiros e á exposición do ecomuseo desde unha perspectiva emocional e sensorial.

Un xeito diferente e enriquecedor de coñecer a historia local, sentir a pegada do barro e conectar co espírito dunha tradición que, malia os cambios do tempo, segue viva na memoria colectiva.

19Xuñ 2025

O Concello de Malpica presenta unha ampla programación deportiva para este verán

O Concello de Malpica, en colaboración coa Deputación da Coruña, lanza un
amplo programa de actividades deportivas para este verán 2025. A iniciativa, promovida a través de Malpica Deporte, ofrece unha variada oferta para todas as idades, apostando polo ocio saudable ao aire libre nas praias do municipio.
O Concello de Malpica de Bergantiños vén de anunciar a posta en marcha dun programa de actividades de verán dirixido a público infantil, xuvenil e adulto, que desenvolveranse nas praias de Area Maior e Canido durante os meses de xullo e agosto.


O tradicional Fútbol Praia celebrarase en dúas quendas: do 10 ao 16 de xullo para mozos e mozas a partir de 14 anos (actividade gratuíta, con inscrición ata o 7 de xullo) e do 1 ao 31 de agosto para rapaces de 6 a 14 anos. Neste caso, a cota de participación é de 21,71 euros, e o prazo de inscrición remata o 15 de xullo. As sesións realizaranse en horario de mañá, segundo as mareas. É necesario o compromiso de asistencia ao longo
de todo o mes, e calquera excepción debe ser comunicada previamente á coordinadora, no teléfono 690 047 448.


Do 22 ao 24 de xullo terá lugar na praia de Canido o Torneo de Volei Praia, aberto a maiores de 12 anos e tamén de balde. O horario será de 10:30 a 13:00 horas e o prazo de inscrición finaliza o 17 de xullo nas oficinas do Concello.


Para os máis pequenos (de 6 a 14 anos) tamén haberá Xogos na Praia os martes 15, 22, e 29 e os xoves 17,24 e 31de xullo, na Area Maior. A inscrición é gratuíta e debe realizarse ata as 12:00 horas do día anterior.


Ademais, inclúese no programa o ciclo Actívate na Praia, con clases de ioga e adestramento en circuito para maiores de 16 anos. As sesións desenvolveranse tamén en horario de mañá nas seguintes datas e horarios
 Xullo: martes 15, 22 e 29, de 10:00 a 11:00 h
 Agosto: martes 13, 20 e 27, de 9:00 a 10:00 h

Adestramento en circuíto
 Xoves 17, 24 e 31 de xullo, de 10:00 a 11:00 h
As inscricións poden formalizarse presencialmente ou por WhatsApp (690 047 448), ata
as 12:00 horas do día anterior.
As persoas interesadas poden realizar as inscricións nas oficinas xerais do Concello. O formulario para participar nas actividades pódese descargar na seguinte ligazón:

19Xuñ 2025

A Unidade Móbil 11 realizará a inspección técnica de vehículos agrícolas en Malpica entre o 27 de xuño e o 11 de xullo

O Concello de Malpica de Bergantiños informa de que a Unidade Móbil 11 encargada da inspección técnica de vehículos agrícolas desprazarase ao municipio durante dúas quendas, coa finalidade de facilitar o cumprimento deste trámite aos titulares de maquinaria agrícola.

A campaña desenvolverase nas seguintes datas:

  • Do 27 de xuño ao 3 de xullo de 2025
  • Do 7 ao 11 de xullo de 2025

O servizo prestarase en horario de mañá e tarde, de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas, agás os días 27 de xuño e 11 de xullo, nos que só haberá atención en horario de mañá.

A unidade móbil estará situada no Polígono Industrial de Malpica.

Para acceder ao servizo é preciso solicitar cita previa, dispoñible a través do teléfono 981 92 80 80 ou mediante a páxina web oficial www.sycitv.com, na sección correspondente.

Dende o Concello recoméndase aos usuarios que xestionen a súa cita con antelación para garantir dispoñibilidade e evitar esperas innecesarias.