Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 17°
13°
Venres 16°
13°
Sábado 16°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

14Mar 2015

A Xunta aumenta nun 62,59% as horas de servizo de axuda no fogar por dependencia en Malpica

A ampliación da cobertura permitiu atender todos os casos da lista de agarda e aínda quedan horas dispoñibles para as novas solicitudes
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños é un dos máis beneficiados da zona polo incremento das horas asignadas para atender casos de dependencia a través da prestación do servizo de axuda no fogar (SAF), un programa xestionado polos servizos sociais municipais que nos casos de dependencia é cofinanciado pola Xunta de Galicia e o beneficiario, cuxa achega varía segundo o seu nivel de recursos económicos. Con esta ampliación de 696 horas, o Concello de Malpica pasa de 1.112 a 1.808 horas, o que supón un aumento do 62,59%.

 

A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, valorou dun xeito moi positivo o incremento das horas de dependencia, xa que permitiu atender todos os casos que se atopaban en lista de agarda e aínda quedan horas dispoñibles para dar cobertura ás novas altas que se rexistren no Sigad (Servizo Galego de Atención á Dependencia).

 

Para acceder ao SAF por dependencia é imprescindible ter recoñecido o grao de dependencia e ter resolto o programa individual de atención (PIA). No caso de Malpica, as horas dispoñibles antes da ampliación permitían atender a 23 persoas, ás que se suman outros 28 usuarios do servizo de axuda no fogar de libre concorrencia. Tamén neste caso se produciu unha mellora, xa que, segundo indicou Marisol Blanco Gorín, producíronse dúas altas e outras dúas ampliacións horarias. 

 

11Mar 2015

A Xunta inviste en dous anos máis de 143.000 euros na mellora de camiños rurais do noso concello

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, supervisou hoxe os traballos realizados acompañada polo alcalde e o concelleiro de Obras
540-f-foto

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá Malpica de Bergantiños para analizar xunto co alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, o proxecto de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio, ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 90.223 euros para levar a cabo estas actuacións nos vindeiros meses, o que supón un incremento de ata o 70% respecto á convocatoria anterior.

 

Segundo lle trasladou o rexedor a Do Campo, en breve comezarán as obras para mellorar seis pistas municipais nos lugares de Ardeleiro, Mens, San Antonio, Seixas, Raxeira e Aviño. As actuacións consistirán na mellora da capa de rodadura, co arranxo de fochas, tratamento asfáltico superficial e limpeza e perfilado de noiros e cunetas. En total, traballarase sobre 2,7 quilómetros de vías.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 52.815 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento sobre 1,5 quilómetros de pistas, localizadas nos núcleos de Vigo e Filgueira, nas parroquias de Vilanova e de Cerqueda, respectivamente.

Segundo coincidiron Do Campo e Parga, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase  facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

Do Campo tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Malpica. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao primeiro edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

8Mar 2015

A poesía e a fotografía estreitan lazos entre Malpica e Avintes a través da exposición “20 poemas en remanso”

Os alcaldes das dúas localidades acompañaron aos autores, Carmen Muñoz e Pereira Lopes, na inauguración da mostra no Centro Cívico
540-f-foto

Malpica de Bergantiños estreita lazos coa localidade portuguesa de Avintes grazas a unha interesante colaboración cultural. O traballo conxunto da poetisa Carmen Muñoz Fernández, estremeña afincada en Malpica dende hai vinte anos, e do fotógrafo luso Pereira Gomes deu como resultado o libro “20 poemas en remanso”, cunha primeira e reducida edición que xa está esgotada, e unha exposición homónima que pode contemplarse dende onte no Centro Cívico malpicán.

 

Ao acto de inauguración asistiron os alcaldes das dúas localidades e tamén o de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar, cuxo concello está irmandado co de Avintes. O rexedor malpicán, Eduardo Parga Veiga, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes _preto de medio cento entre os cales se atopaba un grupo de portugueses_ e de presentar aos protagonistas da tarde. O fotógrafo Pereira Lopes, que expón fotografías paisaxísticas de Fisterra, Mera, Cecebre, Porto, Avintes e outros lugares dos dous países, expresou o seu agradecemento a Carmen Muñoz, “porque esta exposición sen ela non existiría”. E a escritora, que tamén tivo palabras de agradecemento, sobre todo para os seus fillos, cualificou a Pereira Lopes coma “un amigo incondicional, que tan ben soubo retratar Galicia e abrir así a fronteira entre España e Portugal”.

 

Despois das intervencións, Gloria de los Ángeles Pardines, amiga persoal de Carmen López, interpretou un alalá e un fado que foron moi aplaudidos. O presidente da Junta de Freguesía de Avintes, Cipriano Manuel Castro, que acudiu a Malpica acompañado pola súa muller, amosouse encantado de regresar de novo a Bergantiños. Eduardo Parga agradeceulle a visita facéndolle entrega dunha peza de olería e unha selección fotográfica de lugares de Malpica. O rexedor portugués correspondeu cun prato co escudo de Avintes e bolos de broa, produto tradicional da súa terra.

 

O acto pechouse cun percorrido pola exposición e un café con pastas que contribuíu á seguir estreitando as relacións entre os veciños e veciñas das dúas localidades. A exposición estará aberta ata o 4 de abril no Centro Cívico.

 

2Mar 2015

Abre o prazo de inscrición para o programa de envellecemento activo que se levará a cabo do 12 de marzo ao 14 de abril

As actividades celebraranse de 16.00 a 18.00 horas en Buño e de 18.15 a 20.15 en Malpica
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica, que dirixe Marisol Blanco Gorín, pon en marcha un novo programa de envellecemento activo en colaboración coa Deputación da Coruña. Durante un mes, a empresa Máis Porvir traballará cos participantes nos ámbitos da saúde, a creatividade e as novas tecnoloxías, entre outros. As sesións desenvolveranse os martes e os xoves comprendidos entre o 12 de marzo e o 14 de abril, de 16.00 a 18.00 horas en Buño e de 18.15 a 20.15 en Malpica. O prazo de inscrición está aberto a partir de hoxe nas oficinas de Servizos Sociais, no Centro Cívico.

 

A presentación do curso está prevista para o xoves 12 de marzo, e xa nesa mesma xornada levarase a cabo un taller de manualidades no que se tratará de desenvolver a expresión artística a través da música. Nas seguintes xornadas poderán facer macramé, aprender o uso básico do ordenador e das redes sociais, facer pilates ou un circuíto termal. O programa de envellecemento activo inclúe, así mesmo, un taller afectivo sexual e unha sesión grupal de prevención das dores de lombo.

 

Na última xornada, o 14 de abril, celebrarase unha festa de clausura na que haberá xogos populares, diplomas e entrega dun libro-resume das sesións.

 

Na última edición do programa de envellecemento activo participaron 48 persoas.

 

1Mar 2015

Os maiores de Malpica visitarán Madrid, Toledo, Ávila e Segovia na excursión anual organizada polo Concello

A Concellería de Servizos Sociais abrirá o luns o prazo de inscrición para a viaxe, que se levará a cabo do 11 ao 14 de abril
540-f-foto

Coma todos os anos, o Concello de Malpica de Bergantiños convida aos maiores do municipio a participar nunha viaxe lúdica e cultural polo territorio español. Nesta ocasión viaxarán ao centro do país para coñecer as provincias de Madrid, Toledo, Ávila e Segovia. A excursión levarase a cabo do 11 ao 14 de abril, e o prazo de inscrición estará aberto dende o luns ata o día 27 (ou ata cubrir prazas) no departamento de Servizos Sociais. O prezo é de 200 euros por persoa en réxime de pensión completa.

 

A viaxe comezará cunha visita á antiga cidade de Ávila, onde os excursionistas pasarán a primeira noite. O día 12 chegarán a Madrid, onde realizarán un completo tour pola praza de touros das Ventas, as fontes de Neptuno e Cibeles, o Paseo da Castellana, o estadio Santiago Bernabeu… e o Rastro. Despois de xantar viaxarán ata Toledo, onde farán un percorrido no tren turístico polos principais puntos de interese da cidade e deteranse na catedral e no casco histórico.

 

Xa de volta en Madrid, para o luns 13 está prevista unha visita a Alcalá de Henares, o Parque Europa e, xa pola tarde, o Madrid dos Austrias, a catedral da Almudena, a Porta do Sol e o Palacio Real. O día 14 o destino será Segovia, onde pasarán a mañá e xantarán. Despois emprenderán a viaxe de regreso.

 

25Feb 2015

Presentación da Revista Thaumazein en Malpica

O novo número da publicación semestral da Universidade Cromática das Virtudes darase a coñecer este sábado ás 19.30 horas na Casa do Pescador
540-f-foto

O salón de actos da Casa do Pescador de Malpica acollerá este sábado, ás 19.30 horas, a presentación da Revista Thaumazein, a publicación semestral do colectivo Universidade Cromática das Virtudes que inclúe ensaio, fotografía, poesía, literatura, cine, debuxo… todo o pensamento da Costa da Morte. No acto, no que colabora o Concello de Malpica, intervirán Sergio Cernadas e Borja Santiago, membros da Universidade Cromática.

 

“Na Costa da Morte _explican _ reside unha gran potencialidade. Aquí nace a creatividade dos pensadores consolidados pero tamén dos mozos e mozas que, espallados polas universidades, institutos e escolas galegas, reflexionan sobre a súa realidade. Tamén sabemos daqueles que escriben as súas experiencias en forma de relatos, dos que se expresan en verso, daqueles que capturan instantes eternos coas súas cámaras fotográficas e os que plasman en lenzos e esculturas as pulsións da arte”. A Revista Thaumazein trata de facerse un oco en plena era dixital, porque os seus promotores confían en que sempre haberá “nostálxicos” que decidan ler os pensamentos das persoas que colaboran nela.

 

“Thaumazein” é un termo grego que designa un estado de asombro, de admiración, de sorpresa. Seguindo a Aristóteles, tal estado é considerado o principio da sabedoría, da busca da mesma. A diferenza dos gregos, que se asombraban coas grandes cousas, “nós ficamos prendidos das pequenas, desas nimiedades que se transforman en xigantes nas nosas cabezas”, din os membros da Universidade Cromática. 

 

24Feb 2015

Malpica, sede dun curso de monitor de fútbol base

O prazo de inscrición está aberto ata o 13 de marzo no departamento de Deportes
540-f-foto

Malpica será a sede dun curso de monitor de fútbol base organizado pola Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol en colaboración co Concello de Malpica de Bergantiños. 

O prazo de inscrición está aberto ata o 13 de marzo. 

Os interesados poden informarse no departamento de Deportes de 09.00 a 14.00 horas ou chamando ao número de teléfono 981 720 001 (preguntar por Pablo).

 

23Feb 2015

A exposición “Cartas de Amor” reflexiona sobre a violencia de xénero a través dos traballos de 15 artistas do cómic galego

Os alumn@s de 6º curso do CEIP Milladoiro participaron nun obradoiro encamiñado a eliminar a violencia das relacións entre adolescentes

540-f-foto

Ata o día 26 está aberta no Centro Cívico de Malpica a exposición “Cartas de Amor”, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración co departamento de Servizos Sociais. A concelleira Marisol Blanco Gorín explicou que a mostra reflexiona sobre “comportamentos coma os celos, o acoso, o illamento da parella para tela controlada…” que reflexan a existencia de violencia nos modos de relación entre os adolescentes. Eles son os principais destinatarios desta iniciativa, na que participan 15 artistas do cómic galego: Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luis Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Vilán e Anxos Sumai.

Alumnos e alumnas de sexto curso do CEIP Milladoiro traballaron nos últimos días arredor da violencia de xénero e realizaron unha visita á mostra, que está aberta a todo tipo de público. O obxectivo da exposición “Cartas de Amor” é sensibilizar á poboación máis nova, facela reflexionar e axudala a detectar e, polo tanto, a eliminar a violencia dos seus modos de relacionarse.

21Feb 2015

A escola infantil de Malpica empezará a funcionar en setembro

As familias interesadas en utilizar o servizo poderán realizar a preinscrición a partires do día 26 deste mes no departamento de Educación e Cultura
540-f-foto

As familias do municipio de Malpica disporán o próximo curso dun novo servizo que contribuirá á conciliación da vida laboral e familiar. A escola infantil que está a construír a empresa Atlántica de Construcción y Medio Ambiente no lugar de Aldeola, na parroquia de Cerqueda, abrirá as súas portas en setembro, segundo anunciou a concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro.

 

As obras, que teñen un orzamento de 354.175 euros, están moi avanzadas. A escola infantil de Malpica, que estará integrada na rede autonómica Galiña Azul, contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

INSCRICIÓNS

As familias interesadas en facer uso deste novo servizo público poderán realizar as preinscricións a partir do vindeiro xoves 26 de febreiro. As solicitudes tramitaranse no departamento de Educación e Cultura, situado no Centro Cívico de Malpica, nos seguintes horarios: luns, martes, xoves e venres, de 9 a 15 horas, e mércores de 9 a 14 e de 17 a 19 horas.

 

17Feb 2015

Os concellos de Carballo, A Laracha e Malpica formarán a 60 persoas nos sectores do comercio e a hostalería a través dun Plan Integrado de Emprego conxunto

O proxecto presentado na Xunta de Galicia para o seu financiamento ten un orzamento de 158.400 euros
540-f-foto

Os concellos de A Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños veñen de solicitar unha subvención para a posta en práctica dun Programa Integrado de Emprego (PEI) entre este ano e o vindeiro. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral de 60 persoas desempregadas, sobre todo das que teñen maiores dificultades para acceder a un posto de traballo, e reorientalas cara os sectores produtivos con maiores índices de inserción profesional na súa área de influenza.

 

Segundo os datos do Servizo Público de Emprego a decembro do 2014, os tres concellos aglutinan a 5.374 desempregados, o que supón un 72 % do total de Bergantiños.

 

O Programa Integrado de Emprego desenvolverase en cooperación cos diferentes axentes económicos con presenza nos municipios de Carballo, Malpica e A Laracha: asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, asociacións económicas e profesionais…

 

As accións de formación específica previstas son as seguintes:

Caixeiro/a / atención ao cliente (420 horas)

Mozo/a de almacén / repoñedor/a supermercado / manexo carreta elevadora (390 horas)

Dependente de carnizaría (310 horas)

Dependente de peixaría (310 horas)

 Elaboración de repostería (230 horas)

Elaboración e presentación de tapas, pinchos e canapés (300 horas)

Todos os cursos serán impartidos por persoal cualificado, e para que a formación sexa o máis completa posible está previsto que os participantes realicen prácticas en empresas.

 

O primeiro paso do programa consistirá nunha serie de accións preparatorias, de cara á posterior inserción, que consistirán na creación de grupos de traballo sectoriais con empresas e institucións relacionadas cos seis cursos específicos que se van impartir. Deste xeito será posible coñecer as necesidades reais de persoal en cada unha das especialidades previstas, a dispoñibilidade das empresas para acoller alumnos/as en prácticas, e o seguimento continuado da formación por parte das empresas para que poidan ter un coñecemento actualizado que facilite a inserción laboral posterior dos alumnos/as.

 

O programa inclúe, ademais, accións de formación transversal que abranguen dende a orientación laboral ata a promoción do emprendemento e a potenciación da marca persoal para a busca de emprego, ademais de módulos sobre prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos.

 

Tamén se levarán a cabo accións de prospección entre as empresas asentadas nos tres concellos para acadar un mínimo de 18 insercións laborais. Deste labor encargaranse dous titores, que realizarán visitas individualizadas a empresas dos sectores o comercio e a hostalería.

 

O PIE de Malpica, Carballo e A Laracha terá 12 meses de duración, dende o 1 de setembro deste ano ata o 31 de agosto do 2016. As accións formativas repartiranse entre as instalacións dispoñibles nos tres concellos. No caso de Malpica, a Casa do Oleiro de Buño. O custo total do programa é de 158.400 euros.