Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 13°
Venres 16°
10°
Sábado 16°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

25Abr 2015

Representantes dun Grupo de Acción Costeira de Rumanía visitan Malpica para aprender das experiencias locais

A expedición, integrada por 32 membros de confrarías e agrupacións de pescadores, está a estudar distintas iniciativas en Cataluña e Galicia
540-f-foto

Representantes do Grupo de Acción Costeira (GAC) do Delta do Danubio, en Rumanía, incluíron Malpica no programa de visitas que están a facer a distintas vilas pesqueiras de Cataluña e Galicia coa finalidade de aprender das experiencias locais. O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, recibiron e acompañaron ao grupo, integrado por 32 persoas que forman parte de confrarías ou agrupacións de pescadores do GAC do Delta do Danubio.

 

En Rumanía están arrincando agora este tipo de programas, e o proxecto que se leva a cabo nesa zona en concreto inclúe un apartado formativo dentro do cal se enmarcan as visitas a Cataluña e Galicia, segundo explicou o xerente do GAC-3 Costa da Morte, Guillermo González, que exerce como guía dos visitantes. Na xornada malpicá (onte estiveron en Camariñas) puideron comprobar como se organizan e traballan nas redeiras, as aplicacións artesanais que realizan e tamén outros proxectos desenvolvidos con fondos do GAC, como Malpica, o mar de Sisargas, unha tenda de efectos navais ou unha taberna. ?Para eles é moi interesante ver que tipo de proxectos se poden facer, como se pode diversificar?, sinalou Guillermo González. O traballo coas redes interesoulles especialmente polas posibles aplicacións que poidan ter no Delta do Danubio, onde teñen pesca fluvial. A expedición rumana tomou, ademais, boa nota da experiencia de traballo complementario que realizan o GAC e o GDR, que comparten sede no Centro Comarcal de Buño.

 

O xerente do GAC-3 destacou que para a Costa da Morte tamén resultan moi proveitosas este tipo de visitas, tanto pola promoción que supoñen para os proxectos desenvolvidos como pola posibilidade de establecer contactos con outras rexións e países para intercambios futuros ou experiencias conxuntas.

 

23Abr 2015

Clausurado un novo curso de xardinería para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión

Os alumnos e alumnas realizaron as prácticas nos xardíns de Cambre
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, clausuraron hoxe o curso de xardinería impartido na parroquia de Cambre para persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión. No acto de entrega de diplomas tamén estivo representada a asociación Íntegro, que se encargou da formación. Os 10 alumnos, 7 homes e 3 mulleres, recibiron coñecementos teóricos e realizaron as prácticas en dúas zonas axardinadas de Cambre, a que está situada xunto á escola e ao parque infantil e a da praza da igrexa, que ofrecen un aspecto totalmente renovado con plantas axeitadas ao entorno e á época e unha base de grava de ladrillo de Buño, un material que se está estendendo ás distintos espazos verdes do municipio.

 

O curso, organizado polo Concello de Malpica en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, permitirá mellorar as posibilidades de inserción laboral dos e das participantes, como lembrou o alcalde, Eduardo Parga. Os asistentes amosáronse moi satisfeitos coa formación recibida, ao tempo que foron moi críticos cos autores do roubo de 12 plantas do xardín, que xa foron repostas e que os obrigou a facer un esforzo extra para ter os xardíns a punto para o último día do curso.

 

A concelleira Marisol Blanco, pola súa banda, animou aos alumnos e alumnas a seguir preparándose. Neste sentido, o Concello de Malpica leva impartidos entre o ano pasado e este un total de tres cursos de xardinería, que, ademais de formar a persoas con moitas dificultades de inserción laboral, permitiron acondicionar áreas verdes en Buño, Malpica e agora en Cambre.

 

22Abr 2015

O Día do Ritmo reunirá este sábado en Malpica a preto de douscentos nenos e nenas de varios concellos

A exhibición incluirá aeróbic infantil e ximnasia rítmica
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños celebrará este sábado o Día do Ritmo, no que participarán preto de douscentos nenos e nenas de varios municipios. Nos últimos anos dende o goberno municipal estase a promocionar o exercicio físico en todos os sectores da poboación, e nas idades infantís fíxose un gran esforzo para poder poñer en marcha as modalidades de aeróbic e ximnasia rítmica, ademais de desenvolver a psicomotricidade e o ritmo. Pero ademais de difundir a práctica destas actividades involucrando a diferentes entidades, o Concello de Malpica promove dende hai 12 anos a organización dun evento que permite darlles difusión e que, ao mesmo tempo, convértese nun escenario no que as alumnas e os alumnos demostran o aprendido durante o curso.

 

O Día do Ritmo celebrarase no polideportivo municipal de 11.00 a 14.00 horas. Na exhibición participarán 33 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Malpica, e o resto, ata os preto de douscentos asistentes, serán convidados doutros concellos. O Concello de Malpica conta coa colaboración do Club Deportivo Costa Bergantiñá na organización do evento, no que tamén colaboran Gadis Híper de Carballo, Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

 

12Abr 2015

Rematan os traballos na Croa do Castro de Cerqueda coa descuberta da súa porta orixinal

Durante os últimas dúas semanas pasaron polo castro case un milleiro de persoas entre voluntarios, veciños e turistas
540-f-foto

Ata hai só un mes a Croa do Castro de Cerqueda era un monte máis no horizonte de Malpica, un monte con historia e tradicións pero sen vida. Desde o pasado 28 de marzo, e tras a realización dun proxecto de arqueoloxía social, este ben patrimonial adquiriu unha dimensión ata o de agora descoñecida. Coa súa limpeza apareceron estruturas que, ata antes, eran descoñecidas para veciños e expertos, como a súa porta orixinal.

 

O equipo arqueolóxico do castro, Fiodora López e Alejandro Laíño, tiña moi poucos datos previos. A principal documentación escrita estaba no traballo que o profesor Rodríguez Casal elaborara nos anos 70 a partir dos castros da zona. Naquel traballo, Casal ubicaba a posible entrada ao noroeste e tamén falaba dun pequeno muro na contorna leste.

 

Pero grazas a xornada de limpeza con voluntarios que tivo lugar o 28 de marzo pareceu o muro do que falaba Casal, contendo a zona superior do parapeto. Trátase dun muro pequeno de mampostería que fixo dubidar desde o primeiro momento a todos os arqueólogos que estaban na intervención. ?O muro non estaba só sobre o parapeto leste, senón que continuaba o seu trazado tanto polo noroeste do castro como polo sur?, asegura Fiodora, ?abandonando a contorna do parapeto, quizais para delimitar unha propiedade, quizais para flanquear un vello camiño polo lado sur do castro, hoxe perdido, pero que aínda está presente na memoria dos veciños de Cerqueda?.

 

Aparece a porta

 

Os traballos seguiron en dirección sur e aí foi onde xurdiu a sorpresa. ?Ao limpar a zona do sur, xa se comezou a ver unha lixeira depresión polo exterior do parapeto que nos fixo sospeitar de que podería ser o acceso orixinal do castro?, sinala Fiodora,?cando no último día o tractor despexou na croa a zona próxima á entrada, puidemos ver que non só a depresión se facía maior, senón que o parapeto, a ambos lados do acceso, acadaba máis altura, como flanqueando a porta. Aí se fixo evidente: era a entrada orixinal?.

 

A porta responde a un modelo habitual do mundo da Idade do Ferro: a muralla ensánchase e reforzase nas dúas beiras da porta de entrada. ?Isto demostra como con pequenas accións como unha simple limpeza?, engade o arqueólogo Alejandro Laíño, ?ou as historias dos veciños nos poden axudar a contrastar e desmentir os primeiros datos que manexabamos?. Para Fiodora López, ?a conclusión é que o acceso orixinal estaba situado no Sureste e que tanto o muro como o acceso aberto no parapeto noroeste (por onde se entra hoxendía ao castro), responde a unha realidade posterior na que o castro se transforma para responder a outro tipo de necesidades?.

 

Nova xornada de voluntarios

 

Precisamente, este sábado 11 de abril realizouse unha nova xornada con voluntarios que remataron de limpar toda a croa do castro. Ademais axudaron a coñecer como os profesionais da arqueoloxía realizan traballos máis técnicos xa que participaron con dous equipos que van levantar a planimetría do sitio arqueolóxico, obtendo o primeiro plano científico da Croa do Castro, e comezando o preparar o terreo para a aplicación do gradiómetro, un aparello que é quen de descubrir estruturas habitacionais soterradas e que foi cedido polo Instituto de Ciencias da Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

 

Esta xornada, que comezou ás 10.00 horas, rematou pasadas ás 17.30 e os voluntarios, así como os veciños e visitantes que se achegaron á Croa do Castro puideron desfrutar dunha visita guiada polo equipo de arqueólogos así como dun xantar e dunha merenda campestre.

 

Este proxecto de arqueoloxía social está impulsado por cinco asociacións desta parroquia; a Asociación Cabalar Os Veteranos, a Asociación Cultural Raigañas, a Asociación de Veciños Monte d?Arxa, a Comisión de Festas de Cerqueda e a Agrupación Ciclista Castro da Croa, que se puxeron de acordo para limpar e poñer en valor a Croa do Castro, un ben protexido que domina todo o seu val.

 

No proxecto, no que colabora o Concello de Malpica, traballa un equipo multidisciplinar de tres arqueólogos, dirixidos por Fiodora López Patiño e coordinados por Manuel Gago, xornalistas e especialistas en turismo que pretende, coa axuda veciñal e voluntarios, reactivar culturalmente este espazo.

 

11Abr 2015

Un grupo de xubilados de Malpica de Tajo fan a primeira visita a Malpica de Bergantiños tras a aprobación do irmandamento

O programa de colaboración entre os dous concellos foi ratificado pola corporación municipal o pasado 26 de marzo
540-f-foto

Menos dun mes despois da aprobación definitiva do irmandamento con Malpica de Tajo por parte da corporación municipal, Malpica de Bergantiños recibe a primeira delegación chegada dende a localidade toledana. Un grupo de xubiladas e xubilados de Malpica de Tajo realizaron onte unha visita a terras bergantiñáns que incluíu unha recepción na casa consistorial de Malpica de Bergantiños. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo, conversaron cos visitantes e intercambiaron agasallos. Os maiores de Malpica de Tajo marcharon encantados da vila.

 

Malpica de Tajo é un municipio de 2.000 habitantes situado na comarca de Torrijos, a 51 quilómetros da cidade de Toledo. O importante papel que xogou ao longo da historia quedou reflectido no seu castelo, unha xoia da arte mudéxar datada no século XIV e que goza da declaración de Ben de Interese Cultural. Dende o punto de vista económico destaca a industria bodegueira, representada por marcas de tanto prestixio coma Osborne ou Pagos del Marqués de Griñón.

 

Un dos obxectivos do irmandamento é aproveitar os recursos das dúas localidades para iniciar unha serie de intercambios en áreas coma a cultura, a empresa e o turismo.

 

7Abr 2015

O Forno do Forte bate o seu propio récord de visitas na mellor Semana Santa dende a súa apertura no 2006

O ecomuseo de Buño foi o recurso patrimonial da Deputación Provincial da Coruña máis visitado no ámbito da Costa da Morte
540-f-foto

O patrimonio foi o auténtico protagonista da Semana Santa en Malpica, cun programa de actividades que, á vista dos datos, respondeu ás expectativas de veciños e visitantes. Un total de 621 persoas pasaron polo Forno do Forte de Buño na mellor Semana Santa dende a apertura ao público do ecomuseo, no ano 2006, co que se converte no recurso turístico da Deputación Provincial da Coruña máis concorrido da Costa da Morte.

 

O día de maior afluencia foi o xoves, coincidindo coa cocedura experimental en forno aberto que levou a cabo a Fundación Terra Termarum de Cuntis. Os resultados foron moi interesantes, xa que mentres todas as pezas chegadas dende a vila pontevedresa saíron ben, dúas das elaboradas no Forno do Forte romperon, o que pon sobre a mesa as posibles diferenzas entre unhas e outras. “Foi unha actividade experimental, e precisamente o interesante é iso, que xorden preguntas e hai que buscar respostas”, sinalou Paco Doval, xerente do ecomuseo. Precisamente, a raíz desta primeira toma de contacto vai continuar a colaboración entre os artesáns das dúas vilas oleiras, e este ano na cocedura tradicional do Forno do Forte haberá pezas de Cuntis.

 

As rutas guiadas polos fornos de Buño e os obradoiros infantís tamén tiveron moi boa acollida entre os visitantes, a maioría procedentes do propio municipio de Malpica e da Costa da Morte, seguidos dos da Coruña, Pontevedra, Arteixo, Vigo, Santiago, Lugo e Ferrol. De fóra de Galicia houbo menos público que noutras ocasións, e principalmente chegado dende Madrid, Asturias, Zaragoza, Burgos e San Sebastián.

 

A Semana Santa no municipio de Malpica coincidiu ademais coa primeira xornada de limpeza da Croa do Castro, na parroquia de Cerqueda. Para este sábado, día 11, está prevista unha segunda de novo coa participación de veciños e voluntarios.

 

27Mar 2015

O patrimonio, protagonista da Semana Santa en Malpica

O Concello de Malpica pon en marcha o programa Vila Oleira de Buño en colaboración co Ecomuseo do Forno do Forte e a Asociación Oleira
540-f-foto

O patrimonio será o protagonista do programa organizado polo Concello de Malpica de Bergantiños para esta Semana Santa en colaboración con diferentes colectivos do municipio. A primeira cita será mañá sábado na Croa do Castro, en Cerqueda, onde se vai levar a cabo a primeira xornada de limpeza que deixará ao descuberto o xacemento da Idade de Ferro. Coincidindo co traballo dos voluntarios e voluntarias está previsto un completo programa de actividades paralelas, e ademais empezará a funcionar o Tren da Croa, con visitas guiadas por tres itinerarios diferentes. Outra das novidades deste 2015 é o proxecto Vila Oleira de Buño, que inclúe numerosas propostas arredor da artesanía.

XORNADA DESBROCE DA «CROA DO CASTRO DE CERQUEDA»

Sábado, 28 marzo 2015.

 

A xornada de desbroce da Croa do Castro de Cerqueda está organizada polo Concello de Malpica en colaboración coa Asociación Cabalar Os Veteranos, a Asociación Cultural Raigañas, a Asociación de Veciños Monte d?Arxa, a Comisión de Festas de Cerqueda e a Agrupación Ciclista Castro da Croa. O programa é o seguinte:

 

10.00 h. Benvida ao voluntariado.

 

12.00 h. Parada ciclista a cargo da Agrupación Ciclista Castro da Croa.

 

12:30 h. Visita guiada ao castro para voluntariado, asociados, veciñanza e visitantes.

 

13.00 h. Pasacroa e tocada de música tradicional a cargo da A.C. Raigañas.

 

13:30 h. Xantar campestre.

 

15.00 h. Rutas (continuadas) en tren guiadas por Xabier Couto Castro. Saídas Malpica (bar Panchito)

 

15.30 h. Rutas (continuadas) en tren guiadas por Xabier Couto Castro. Saídas Buño (O Empalme)

 

16.00 h. Ruta e parada cabalar a cargo da Asociación Cabalar Os Veteranos.

 

17.15 h. Ruta en tren para alumnado das actividades da A.C. Raigañas. Saída As Pozacas (local sociocultural)

 

17:30 h. Merenda para voluntariado e finalización da xornada de limpeza.

 

 

 

Os itinerarios e os horarios das Rutas no Tren da Croa son os seguintes:

Itinerario A: (desde Malpica de Bergantiños)

 

IDA: Malpica de Bergantiños (O Panchito), O Ventorrillo, Piñeiros, Seixas, Fonte dos Bois, Tormeán, Folgueira, Pasacondía, O Asturiano, Casa da Lebre, A Cabreira, A Lagoa, Algadán, O Ceán e Croa do Castro [no cruzamento da pista da parcelaria coa do Ceán] (baixada e visita á Croa do Castro). O regreso a Malpica farase cando baixen os usuarios da parada de Buño.

 

VOLTA: Croa do Castro, Os Resíos, Aldeola, Pasacondía, Tormeán, Folgueira, Fonte dos Bois, Seixas, Piñeiros, O Ventorrillo, Malpica.

 

 

 

Itinerario B: (desde Buño)

IDA: Buño (O Empalme), Os Barreiros, Aldeola, Casa da Lebre, A Cabreira, A Lagoa, Algadán, O Ceán e Croa do Castro [no cruzamento da pista da parcelaria coa do Ceán] (baixada e visita á Croa do Castro). Croa do Castro [no cruzamento da pista da parcelaria coa do Ceán] (baixada e visita á Croa do Castro). O regreso a Buño farase cando baixen os usuarios da parada de Malpica.

 

VOLTA: Croa do Castro, Os Barreiros, Buño (O Empalme)

 

 

 

Itinerario C: (desde As Pozacas)

IDA: local sociocultural (As Pozacas), Cerqueda, O Asturiano, Casa da Lebre, A Cabreira, A Lagoa, Algadán, O Ceán e Croa do Castro [no cruzamento da pista da parcelaria coa do Ceán] (baixada e visita á Croa do Castro). Croa do Castro [no cruzamento da pista da parcelaria coa do Ceán] (baixada e visita á Croa do Castro). O tren agardará a que os rapaces dean unha volta polo castro.

 

VOLTA: Croa do Castro, Os Resíos, A Campela, Cerqueda e As Pozacas.

 

 

 

Horarios:

15.00 h. Saída Malpica (bar Panchito)

 

15.30 h. Saída Buño (O Empalme)

 

16.00 h. Saída Malpica (bar Panchito)

 

16.30 h. Saída Buño (O Empalme)

 

17.15 h. Saída As Pozacas (local sociocultural)                             

PROGRAMA VILA OLEIRA DE BUÑO

 

Do 31 de marzo ao 5 de abril

 

O Ecomuseo do Forno do Forte rebordará actividade durante a Semana Santa. O Concello de Malpica de Bergantiños, a Asociación Oleira de Buño e o propio ecomuseo propoñen unha serie de actividades que van dende rutas guiadas ata obradoiros e unha cocción experimental en forno aberto. Este é programa completo:

 

Xoves 3 de abril
De 11.00 h. a 17.00 h. no Ecomuseo do Forno do Forte
Cocción Experimental en forno aberto (Fundación Terra Termarum de Cuntis).

 

De 12.00 h. a 14.00 h. e de 16:00 h. a 18.00 h.  no Ecomuseo do Forno do Forte
Obradoiro de elaboración e decoración de pezas castrexas  (Fundación Terra Termarum de Cuntis).

 

De 12.00 h. a 13.00 h. Ruta guiada Os Fornos Tradicionais de Buño: Forno dos Mouróns, Forno da Costa e Forno do Forte.

 

De 18.00 h. a 19.00 h. Ruta guiada Os Fornos Tradicionais de Buño: Forno dos Mouróns, Forno da Costa e Forno do Forte.

 

Venres 4 de abril
De 11.00 h. a 14.00 h. no Ecomuseo do Forno do Forte
Obradoiro de modelado de barro

 

De 12.00 h. a 13.00 h. Ruta guiada Os Fornos Tradicionais de Buño: Forno dos Mouróns, Forno da Costa e Forno do Forte.

 

De 18.00 h. a 19.00 h. Ruta guiada Os Fornos Tradicionais de Buño: Forno dos Mouróns, Forno da Costa e Forno do Forte.

 

Sábado 5 de abril
De 11.00 h. a 14.00 h.
Obradoiro de modelado de barro

 

De 12.00 h. a 13.00 h. Ruta guiada Os Fornos Tradicionais de Buño: Forno dos Mouróns, Forno da Costa e Forno do Forte.

 

De 18.00 h. a 19.00 h. Ruta guiada Os Fornos Tradicionais de Buño: Forno dos Mouróns, Forno da Costa e Forno do Forte.

 

Horario de apertura do  Ecomuseo do 31 de marzo ao 5 de abril de 11.00 h. a 14.00 h. e de  16.00 h.  a 20.00 h.

 

As rutas guiadas partirán do parque Luciano García Alén (Ao lado da igrexa parroquial) a inscrición realizarase no punto de saída. Ó remate da ruta poderase xestionar a visita a un obradoiro con artesáns traballando.

 

Información: Ecomuseo do Forno do Forte  981 711 520  ecomuseo.fornodoforte@malpicadebergantinos.es

 

26Mar 2015

O Forno da Costa de Buño ábrese ao público tras unha reforma integral con apoio da Deputación

O presidente provincial, Diego Calvo, inaugurou hoxe o forno e o parque infantil de Malpica
540-f-foto

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, desprazouse esta tarde ata Malpica para coñecer, xunto ao alcalde do municipio, Eduardo José Parga Veiga, o resultado da rehabilitación levada a cabo no Forno da Costa que contou con fondos provinciais. Durante a visita Diego Calvo resaltou a importancia de recuperar ?o noso patrimonio? para valorar a historia de Galicia e de cada un dos seus concellos. ?Un municipio que coida e protexe o seu pasado demostra que está preocupado polo seu futuro?, declarou o titular provincial, en referencia á aposta do rexedor por poñer en valor os fornos do seu municipio. Dende agora Malpica alcanza xa os tres fornos recuperados e abertos ao público, xa que ao da Costa únese o dos Mourons e o Ecomuseo Forno do Forte, propiedade da Deputación, pero cuxa actividade é posta en marcha polo concello. ?Estamos desenvolvendo unha forte aposta polo patrimonio. Editamos un vídeo promocional sobre todos os nosos bens e monumentos e hai pouco presentamos tamén o programa de Turismo Escolar para que os máis pequenos da provincia recorran a súa historia?, sinalou Calvo. Pola súa banda, Parga Veiga agradeceu á Deputación a súa colaboración, sen a cal hoxe non se podería contar con este ben ao que dende agora poderán acudir os oleiros e os visitantes. A Deputación da Coruña achegou ao concello 59.122,8 euros para a renovación deste ben patrimonial, o 74,65% do total (79.200,01); pero ademais, no seu momento foi tamén que proporcionou ao municipio ata o 76% do fondos para adquirir este ben patrimonial, 26.874 euros. Así, o alcalde agradeceu á Deputación da Coruña a súa axuda porque ?sempre mostra a súa colaboración para os proxectos que se precisan?.

 

Novo parque infantil

 

De feito, durante a visita ao concello, o titular provincial tamén se desprazou ata a rúa Patria Galega, para comprobar o resultado da reforma e adaptación do parque infantil no que se investiron 99.792,78 euros con cargo ao POS 2014. Grazas a esta achega adaptouse o parque á normativa actual e elimináronse aqueles elementos que poderían ser perigosos para os nenos. En cambio, restauráronse os xogos infantís (agora ordenados por idades), renováronse os aseos e o pavimento e instalouse unha nova fonte, ademais de colocar novo mobiliario urbano. Así, o espazo converteuse nun novo punto de ocio para os veciños e veciñas do municipio e proba diso é que no momento da visita estaba cheo de rapazada que puido gozar do novo parque de xogos. 

 

 

24Mar 2015

Comeza a instalación de iluminación na rotonda de Buño

Debido ás dimensións da glorieta, de máis de 30 metros de diámetro, os focos estarán instalados nun poste de 12 metros de alto
540-f-foto

A rotonda da AC418 en Buño estará, por fin, iluminada. Grazas ás xestión realizadas polo alcalde, Eduardo Parga, ante o departamento autonómico responsable da vía, antes de que remate o mes darase resposta a unha insistente demanda dos veciños e dos automobilistas, que viñan reclamando dende hai tempo que se dotase a glorieta de iluminación para mellorar a seguridade da circulación, tanto rodada coma peonil.

 

A empresa Ifecgas Pereira comezou hoxe coa instalación do enorme poste metálico de 12 metros de alto no que irán dispostos tres focos de gran potencia para abarcar todo o perímetro da rotonda, que supera os 30 metros de diámetro. Ata o lugar desprazáronse o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, e o propio alcalde, que se amosou moi satisfeito por poder atender esta demanda veciñal. Responsables da empresa indicaron, pola súa banda, que o sistema de iluminación estará operativo antes de fin de mes.

 

23Mar 2015

Veciños e voluntarios recuperarán a Croa do Castro de Cerqueda

Realizarán xornadas de limpeza o 31 de marzo e 11 de abril para poñer en valor este ben arqueolóxico
540-f-foto

A Croa do Castro de Cerqueda, en Malpica, recuperará o aspecto que tiña hai máis de dous mil anos. Ese é, cando menos, o obxectivo de varias asociacións e do Concello de Malpica que organizaron dúas xornadas con voluntarios para poñer en valor este xacemento da Idade do Ferro.

 

Este proxecto de arqueoloxía social está impulsado por cinco asociacións desta parroquia; a Asociación Cabalar Os Veteranos, a Asociación Cultural Raigañas, a Asociación de Veciños Monte d?Arxa, a Comisión de Festas de Cerqueda e a Agrupación Ciclista Castro da Croa, que se puxeron de acordo para limpar e poñer en valor a Croa do Castro, un ben protexido que domina todo o seu val.

No proxecto, no que colabora o concello, traballa un equipo multidisciplinar de tres arqueólogos, dirixidos por Fiodora López Patiño e coordinados por Manuel Gago, xornalistas e especialistas en turismo que pretende, coa axuda veciñal e voluntarios, reactivar culturalmente este espazo.

Boa parte do castro é de titularidade municipal o que facilita as labores de posta en valor. A primeira acción que se vai levar a cabo vai ser a limpeza do castro, paso imprescindible para coñecer que tipo de estruturas hai, saber como actuar nelas e levantar un plano o máis preciso posible do sitio arqueolóxico.

 

“O que descubriremos é o propio castro, xa que a limpeza fará que sexa máis visible na paisaxe e máis comprensible para a xente que queira vir a visitalo. Descubriremos tamén o seu gran parapeto e a planta interior, e quen sabe?”, apunta Fiodora López.

 

A limpeza vai ser levada a cabo por persoal especializado pero haberá pequenas zonas de singular interese para que veciños e voluntarios poidan participar no desbroce último do castro e das súas estruturas máis sensibles. Para iso, haberá dúas xornadas abertas á participación cidadá, unha o 28 de marzo e outra o 11 de abril. Serán xornadas lúdicas, festivas e de contacto coa cultura científica. 

O traballo consiste, principalmente, na limpeza da croa do castro. O horario non será moi esgotador. O sábado 31 de marzo comezarase ás 10.00 da mañá e remataremos ás 13.30. A esa hora, os veciños e asociacións de Cerqueda serán agasallados cun ?pasacroas?, a versión castrexa do pasarrúas. Logo, ás 15.00 horas están previstos varios percorridos turísticos para que os veciños de Malpica, Buño e outros puntos da Costa da Morte poidan coñecer os sitios máis fermosos desta aldea.

 


Programa da xornada :

 

10.00 h. Benvida ao voluntariado.

 

12.00 h. Parada ciclista a cargo da Agrupación Ciclista Castro da Croa.

 

12:30 h. Visita guiada ao castro para voluntariado, asociados, veciñanza e visitantes.

 

13.00 h. Pasacroa e tocada de música tradicional a cargo da A.C. Raigañas.

 

13:30 h. Xantar campestre.

 

15.00 h. Rutas (continuadas) en tren guiadas por Xabier Couto Castro. Saídas Malpica (bar

 

Panchito)

 

15.30 h. Rutas (continuadas) en tren guiadas por Xabier Couto Castro. Saídas Buño (O

 

Empalme)

 

16.00 h. Ruta e parada cabalar a cargo da Asociación Cabalar Os Veteranos.

 

17.15 h. Ruta en tren para alumnado das actividades da A.C. Raigañas. Saída As Pozacas

 

(local sociocultural)

 

17:30 h. Merenda para voluntariado e finalización da xornada de limpeza.

 

Máis información na web http://croadocastrodecerqueda.net/ e no FB “A croa do Castro” https://www.facebook.com/pages/Croa-do-Castro-deCerqueda/622096534603235?fref=ts

 

Página 108 de 149« Primera...102030...106107108109110...120130140...Última »