Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 15°
12°
Sábado 15°
12°
Domingo 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Agosto

Agosto 2021

12Ago 2021

Buño comeza a súa XXXVII edición da Mostra de Olería en clave feminina e coa tradición como bandeira

Xa está oficialmente en marcha a XXXVII edición da Mostra de Olería de Buño, que este ano se celebra os días 12, 13, 14 e 15 de agosto. Esta mañá tivo lugar o acto de inauguración do evento, que este ano se dedica á figura da muller dentro do oficio oleiro.

No acto de presentación participou o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón; a concelleira de Olería, Leticia Naya Varela; o presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín; a secretaria da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez Franco; e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas López.

Fran Gorín foi o encargado de introducir a todas as personalidades presentes no acto inaugural. O presidente de Olería de Buño, que rexenta o Obradoiro Gorín, agradeceu “todo o esforzo das entidades e persoas implicadas por sacar adiante esta edición da Mostra a pesar de todas as dificultades sanitarias”.

Pola súa banda, a concelleira da Mostra fixo extensible este recoñecemento “a todo o tecido asociativo do municipio por facilitar e colaborar á hora de confeccionar a programación deste ano”. Cómpre destacar que durante os vindeiros días haberá, ademais das clásicas demostracións do oficio, diversas exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego.

Neste sentido, Patricia Rodríguez Franco explicou que se trataba “dun ano moi emotivo para retomar a celebración da Mostra logo das complicacións xurdidas a raíz da situación sanitaria”. Así, agardou que nesta edición “Buño siga a demostrarlle ao resto do mundo as súas potencialidades como referente artesán galego e peninsular”.

A subdelegada do Goberno na provincia da Coruña dedicou a súa intervención a poñer en valor “o corazón e o cerebro co que traballan as decenas de oleiros e oleiras que seguen a manter vivo o oficio en Buño”. “Esta é unha oportunidade excepcional para amosar a universalidade de Galicia e o excepcional do noso patrimonio cultural”, engadiu.

O alcalde, Walter Pardo, pechou o ciclo de agradecementos destacando “a memoria viva coa tradición oleira que mantén Buño 37 anos despois da primeira edición da Mostra”. “O Concello segue e seguirá traballando man a man coa Olería de Buño para avivar a chama desta celebración de todas e todos os malpicáns”, concluíu.

Programación deste xoves

Logo das intervencións, o grupo realizou unha visita polos postos instalados no percorrido da Mostra logo da actuación gaiteira da Asociación Cultural Malante. Pouco despois comezaría a primeira demostración de olería ao torno da xornada na Praza de Santa Xusta, que se habería repetir pola tarde.

Ás 18:00 horas, a Asociación Visibles inaugurou a exposición ‘Sen elas non hai olería’. A partir das 19:00 horas, Malante puxo de novo banda sonora ás últimas horas do día cunha actuación polas rúas de Buño. O mago Álex Louzao pechou este primeiro día da Mostra cun espectáculo para todos os públicos ás 20:00 horas. Lembramos que todos os eventos están condicionados á normativa sanitaria vixente, que é de cumprimento obrigatorio. A organización do evento, na que se inclúe o Concello de Malpica, a Asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, traballa conxuntamente co obxectivo de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio por covid-19.

10Ago 2021

Malpica trasládalle ao Goberno as demandas do sector pesqueiro e solicita colaboración para mellorar as súas infraestruturas

O Concello de Malpica puido trasladarlle esta mañá ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, as demandas do municipio en materia de infraestruturas e axudas ao sector pesqueiro nunha reunión na que tamén participou a Confraría de Pescadores malpicá.

A corporación municipal, en compañía da xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, mantivo unha xuntanza institucional co obxectivo de axilizar os trámites e que o Goberno central poida traballar en Malpica coñecendo de primeira man todas as súas problemáticas.

Neste sentido, o goberno local trasladoulle ao Delegado unha serie de solicitudes entre as que se inclúe o apoio institucional para conseguir un aumento nas cotas de pesca e asegurar o futuro do gremio. Desde a Confraría de Pescadores transmitiuse esta mesma inquedanza, “unha cuestión que pedimos que se reconsidere e que se flexibilice para velar por un traballo no mar digno”.

Ademais, Concello e Confraría lembraron a problemática existente na dársena de Malpica coas correntes de auga e o perigo que supón para os traballadores. Nunha visita que o levou por diversos recunchos da vila, José Miñones comprobou en primeira persoa a necesidade de buscarlle unha solución para a boca de entrada do porto.

Unha das posibles vías que se estiman é a ampliación do actual dique, se ben se trata dun recurso “custoso, pero que traería moitísimo beneficio económico a Malpica, un sitio estratéxico a nivel mariñeiro”, segundo expuxo o alcalde, Walter Pardo.

Logo de pasear pola zona do porto, desprazáronse á zona da atalaia, dende onde o alcalde lle trasladou ao Delegado a necesidade de crear unha senda na contorna coa que “aproveitar as marabillosas vistas que nos ofrece este espazo de cara o Atlántico”. 

José Miñones mostrou a súa vontade de funcionar como “ligazón entre a Administración central e o Concello para que este poida dar solución a estas problemáticas do xeito máis rápido posible”. Do mesmo xeito que o rexedor malpicá, agradeceu “a disposición de colaboración” entre ambas institucións e avogou por chegar a acordos “cos que beneficiar a toda a súa poboación”.

Situación do polígono industrial

De xeito previo á chegada do Delegado do Goberno en Galicia, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, mantivo xunto a membros do goberno local unha xuntanza con representantes dos empresarios do municipio.

Nesta reunión tendéronse pontes para mellorar a situación do polígono industrial de Buño e asegurar o seu correcto funcionamento tanto no curto como no medio e longo prazo.

6Ago 2021

Curso de formación de ‘Alternativas de xestión ao minifundio forestal’

O Concello de Malpica, xunto co GDR da Costa da morte, ofrecerá un curso de formación de “Alternativas de xestión ao minifundio forestal” durante este outono.

A duración do mesmo será de 44 horas lectivas. O curso terá lugar dos días 27 de outubro ao 6 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas. Impartirase no antigo Centro Comarcal de Bergantiños.

Este curso está destinado a persoas vinculadas ao sector primario e á cadea forestal-madeira ou con expectativas de incorporación a estes sectores.

Toda a información sobre os obxectivos do programa está dispoñible no documento adxunto.

A reserva de prazas debe facerse a través de gdrcostadamorte@gdrcostadamorte.com
ou en informacion@foresin.es

Tamén está habilitado o 981 717 358 – GDR da Costa da Morte.

Página 2 de 212