Malpica foi o punto de partida da II Ruta Clásica Costa da Morte organizada pola Asociación Lucense de Automóbiles Antigos
Malpica converteuse este domingo no punto de partida da II Ruta Clásica Costa da Morte organizada pola Asociación Lucense de Automóbiles Antigos. Trátase da ruta máis longa das que se realizan en Galicia nun só día, xa que discorre ao longo de 150 quilómetros e das fermosas paisaxes do noso litoral.
Os participantes concentráronse pola mañá diante da casa consistorial de Malpica, desde onde partiron rumbo ao cabo de Santo Hadrián acompañados polo concelleiro Miguel Fernández, que foi agasallado pola entidade organizadora cun recordo desta nova aventura, e que os convidou a regresar na vindeira edición da ruta.
A primeira celebrárase en novembro do ano pasado. O Concello de Malpica apoiou aquela experiencia e volve a repetir agora, xa que este tipo de iniciativas contribúen á promoción turística do noso concello. Desde Malpica os participantes continuaron por Ponteceso, Laxe, Camelle, Arou, Santa Mariña, Camariñas, Cabo Vilán, Muxía e Fisterra.