Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica habilitará tres zonas de aparcamento alternativas ao porto durante as Festas do Mar

18Ago 2015

O Concello de Malpica habilitará tres zonas de aparcamento alternativas ao porto durante as Festas do Mar

Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza durante as celebracións da vindeira fin de semana
540-f-foto

O Concello de Malpica habilitará tres zonas de aparcamento en Villadebe, Pedra Queimada e o cruce da estrada de acceso á vila coa pista do campo de fútbol durante as Festas do Mar, que se celebrarán do 21 ao 23 deste mes de agosto.  O alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, e un representante da Policía Local, Ernesto Mancebo, celebraron unha primeira reunión de coordinación para definir aspectos relativos, por un lado, á circulación viaria, e, por outro, ao emprazamento dos escenarios para as orquestras, as atraccións de feira e os postos ambulantes dentro do recinto portuario. Todos estes aspectos concrétanse nun plan de seguridade que estará vixente a partir do venres e durante toda a fin de semana, e no que tamén participa a Garda Civil.

 

Durante as Festas do Mar o acceso ao porto estará permitido para os usos portuarios habituais, pero restrinxirase tanto a circulación como o estacionamento para o resto de vehículos. De igual xeito, o tráfico no centro urbano estará limitado aos residentes. Neste sentido, dende o Concello de Malpica faise un chamamento aos visitantes para que utilicen as zonas de estacionamento gratuíto na entrada da vila coa finalidade de evitar aglomeracións e problemas de tráfico.

 

Por outra banda, os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza na vila. Entre o venres e o domingo estarán ao servizo da cidadanía 22 axentes da Policía Local e 30 voluntarios de Protección Civil, aos que se sumarán varias patrullas da Garda Civil. O reforzo dos servizos de seguridade centrarase especialmente na noite do sábado e na tarde do domingo, coincidindo coa maior afluencia de visitantes a Malpica. A colaboración entre todos eles será unha das premisas de actuación durante as festas.