gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 19°
16°
Luns 20°
16°
Martes 20°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Aclaracións do concelleiro de Deportes sobre as relacións do Concello coa SCD Malpica

12Xul 2017

Aclaracións do concelleiro de Deportes sobre as relacións do Concello coa SCD Malpica

Despois da información vertida por Luis Porto no medio www.piratasdemuxia.es, onde semella falar en nome da SCD Malpica con respecto a un suposto conflito entre o mencionado club e o Concello de Malpica de Bergantiños, é preciso aclarar algún aspecto que non se axusta á realidade:

Primeiro. Nin o autor dese artigo nin ninguén do medio onde se publicou a noticia se puxo en contacto co concelleiro de Deportes nin con ningún dos outros clubs do Concello implicados nesa información. Polo que ou ben se inventou directamente ou ben a información procede da SCD Malpica.

Segundo. Hai dúas tempadas, dende o Concello e en colaboración cos clubs (cousa que sempre lle agradecemos profundamente) tratamos de coordinar as categorías inferiores, xa que a pesar de contar con 4 clubs federados non había ningunha categoría de fútbol base, aproveitando que dende prebenxamíns a infantís si había equipos municipais que xogaban nas ligas de Costa Bergantiñá. O Buño SCD competiu en categoría alevín, mentres que a SCD Malpica se encargou dos infantís pero esa tempada 15/16 non competiron a nivel federativo por falta de efectivos (de novo agradecerlle aos pais, nenos, adestrador dese ano e club a implicación, pois sen eles non sería posible).

Terceiro. A tempada pasada sumouse a esa dinámica a UD Cerqueda, facéndose cargo dos benxamíns, despois dunha reunión na que estiveron representantes dos tres clubs, os técnicos municipais de deportes e o concelleiro. Foi un acordo verbal entre todos, a pesar de que o Buño SCD tamén quería facerse cargo dos infantís, pero dado que o Malpica aguantara a tempada anterior sen competir parecíanos xusto que agora que si había efectivos suficientes, os infantís seguiran baixo a tutela do mesmo club. Dado que as normas da Federación Galega de Fútbol son así, os infantís son os únicos que xogan a fútbol 11, mentres que os alevíns e benxamíns xogan a fútbol 8; non é un desexo, senón que son as regras que impón a federación.

Cuarto. Nada máis empezar a tempada 16/17, a SCD Malpica incorpora a un futbolista en idade alevín (cando debería de xogar no Buño), rompendo o acordo verbal alcanzado poucas semanas antes, sen consultar nin co propio club oleiro nin co Concello. Para evitar polémicas, ninguén do Buño nin ninguén do Concello en ningún momento se meteu nesa cuestión.

Quinto. Despois de finalizar a tempada 16/17, os pais dos infantís a iniciativa propia reuníronse co Buño e co Cerqueda debido ao malestar xeneralizado coa xestión da SCD Malpica. De novo, a petición do concelleiro de Deportes, os tres clubs implicados tiveron unha reunión conxunta. Despois de varias horas de conversas e de diverxencias (de novo a dos infantís era a categoría da que todos querían facerse cargo), os clubs acordaron manter a mesma dinámica: os infantís competirían no Malpica, os alevíns no Buño e os benxamíns no Cerqueda, coa proposta adicional de que o Malpica trataría de facer cadetes para que os nenos que acabaron a idade infantil puidesen seguir xogando no Concello.

Sexto. Aos poucos días, o concelleiro de deportes mantivo unha reunión cos pais dos infantís para explicarlles o acordo ao que chegaran os clubs e para escoitar a súa versión do acontecido na tempada que acabara de rematar. Por aplastante maioría (un 90% aproximadamente) os pais negáronse a que os seus fillos xogaran outra tempada no Malpica, alegando numerosas razóns que non é preciso explicar aquí para evitar ferir sensibilidades.

Sétimo. Esta circunstancia explicóuselle ao presidente da SCD Malpica, Manolo Suárez, e ao directivo da mesma entidade Fernando Couto. Nesa reunión que mantiveron co concelleiro (hai unha semana xustamente) tras comprobar que era imposible xuntar nenos para ter infantís manifestaron que a súa intención era deixar a directiva.

Oitavo. 6 días despois da mencionada reunión, o presidente da SCD Malpica comunícame que van seguir na directiva e que teñen intención de facer cadetes e infantís, ademais do equipo sénior.

Noveno. Cabe recordar que o Concello non ten a potestade nin a idea de prohibir nin de obrigar a nin club a facer ou desfacer equipos de fútbol base, tan só se tratou de coordinar do mellor xeito posible a cuestión para que os nenos e nenas do municipio non tiveran que ir xogar para outros sitios habendo catro clubs federados aquí. Por iso, insisto en agradecerlle a tódolos implicados o súa labor unha vez máis e dicir claramente que non se rompeu ningún pacto; ao contrario, na reunión mantida cos clubs para esta tempada 17/18 que vai comezar, o acordo ao que chegaron os clubs foi a de manter o mesmo reparto que a tempada pasada. Quizás a reflexión que hai que facer é por que (case) tódolos pais non quixeron que os seus fillos continuaran baixo a tutela da SCD Malpica.

Décimo. Para rematar, no que atinxe ás subvencións, o primeiro que hai que indicar é que o ano económico nas Administracións Públicas vai dende o 1 de xaneiro ao 31 de decembro, que non coincide coa tempada de fútbol. No ano 2016, o Concello de Malpica dedicou 15.350€ ao mundo do fútbol en subvencións (o que supón máis do 90% do importe total da subvencións a entidades deportivas), sendo a SCD Malpica o club que más subvención levou (4.000€). Para este ano 2017, en canto o orzamento municipal se aprobe, publicaranse as bases para que de novo as asociacións deportivas volvan a concorrer a esas subvencións, sendo un dos criterios a ter en conta a involucración desas entidades no deporte infantil. Dado que o importe total para subvencións deportivas se ve aumentado no proxecto do orzamento 2017 en case un 25%, chegando aos 21.000€, é preciso esperar a súa aprobación para iniciar o procedemento de subvencións, porque si se fai antes o importe a repartir sería o mesmo que no ano 2016. Aumento que demostra o compromiso do Concello de Malpica co deporte e con tódalas entidades deportivas, entre eles os clubs de fútbol que ven aumentado o seu gasto debido, precisamente, a esa dinámica de crear equipos de fútbol base.