Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Xuño

Xuño 2018

9Xuñ 2018

Os actos de homenaxe ao garda civil José Antonio Pardines no 50º aniversario do seu asasinato rematan cun desfile militar

IMG_5822

Un desfile militar e unha ofrenda floral porán fin a unha semana de actos en lembranza do garda civil José Antonio Pardines Arcay, primeira vítima de ETA, no 50º aniversario do seu asasinato. Malpica será este domingo o escenario dunha homenaxe organizada pola Comandancia da Garda Civil da Coruña.

A xornada comezará ás 12.00 horas cunha visita á exposición fotográfica sobre o atentado que está aberta no Centro Cívico. Ás 12.30 celebrarase un oficio relixioso na igrexa de San Xulián, e ás 13.15 comezará o desfile militar pola rúa Emilio Gonzále López, que rematará cunha ofrenda floral no monólito da praza Anselmo Villar Amigo.

Con motivo da celebración destes actos solemnes, a rúa Emilio González López permanecerá pechada ao tráfico rodado desde as 10.30 ata as 14.30 horas. Protección Civil e Policía Local indicarán as vías alternativas tanto á veciñanza como a visitantes, así coma as zonas de estacionamento recomendadas. Desde o Concello de Malpica agradecemos de antemán a colaboración de todas e todos para o bo desenvolvemento da xornada de homenaxe e pedimos desculpas polas molestias que se poidan ocasionar.

Semana intensa

07062018 expo_pardines_santiago (1)

Este domingo rematará una semana moi intensa, que comezaba o luns na Coruña cunha interesante mesa redonda. O martes, a Asociación Pro Garda Civil (APROGC) realizou unha ofrenda floral na tumba de José Antonio Pardines e inaugurou un monólito na súa memoria na praza Anselmo Villar Amigo. O mércores estivo en Malpica o conselleiro de Cultura para participar na presentación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar. E onte o alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, participaron no Museo das Peregrinacións e de Santiago na inauguración da exposición Temos memoria. Vitimas do terrorismo en Galicia, na que tamén estiveron presentes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a presidenta da Fundación de Vítimas do Terrorismo, María del Mar Blanco.

8Xuñ 2018

A Romaría de Santo Hadrián celebra o 10º aniversario da súa declaración coma Festa de Interese Turístico de Malpica

08062018 festur (1)

O Concello de Malpica promociona a Romaría de Santo Hadrián e a Mostra da Olería de Buño en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebra dende onte ata o domingo en Silleda, no marco da 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Durante toda a fin de semana, ademais do persoal de información, no stand de Malpica haberá demostracións a cargo do oleiro José Antonio Corral.

Este ano reforzamos a promoción da Romaría de Santo Hadrián, coincidindo con 10º aniversario da súa declaración coma Festa de Interese Turístico de Galicia. O Concello de Malpica volve a apostar pola difusión dos aspectos máis tradicionais da popular e concorrida celebración, que terá lugar o vindeiro domingo 17 de xuño, nesta ocasión cun forte contido audiovisual. De feito, ademais da cartelería, a campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián inclúe a edición dun tríptico, que se repartirá nos centros educativos e en Festur, que recolle os principais aspectos da festa, así coma un código QR a través do cal se accede directamente ao primeiro vídeo promocional da romaría.

08062018 festur (3)

A presentación oficial do vídeo realizouse en Festur coa presenza do alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández, ademais de diversos cargos autonómicos, pero todas as persoas interesadas poden velo tamén aquí. Así mesmo, e despois do éxito acadado nas dúas últimas edicións, volveremos a distribuír os panos de romeiro de Santo Hadrián, este ano de cor verde. As persoas interesadas poden recollelos na biblioteca municipal, no segundo andar do Centro Cívico, ata esgotar existencias.

6Xuñ 2018

O conselleiro de Cultura asistiu á presentación do libro “Pardines. Cando ETA empezou a matar” en Malpica

06062018 libro_pardines (6)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na presentación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar, en lembranza da primeira vítima mortal da banda terrorista. Durante o acto, celebrado na Casa do Pescador hoxe pola tarde, o conselleiro agradeceu especialmente a presenza dos familiares do falecido, así como o labor desenvolvido polas familias das vítimas para acabar con ETA, un fito que cualificou como “un triunfo da sociedade democrática, unha batalla que foi liderada polas familias e as súas vítimas”, e que ten posibilitado “que esteamos a escribir unha nova páxina da nosa historia, marcada polo respecto, pola esperanza e pola liberdade”.

Román Rodríguez quixo, ademais, poñer en valor o traballo realizado polas persoas colaboradoras en Pardines. Cando ETA empezou a matar, un amplo traballo de investigación e compilación que serve como testemuño do nacemento e evolución da banda e dos crimes perpetrados por ela, así como do labor das forzas de seguridade para derrotala. Neste sentido, o conselleiro salientou que este libro supón unha reflexión serena “que nos permite mirar cara adiante e incidir nos valores dunha convivencia social harmónica”.

06062018 libro_pardines (7)

Máis polo miúdo do libro falaron Gaizka Fernández Soldevilla, coordinador da publicación e representante do Centro para a Memoria das Vítimas do Terrorismo, e Javier Marrodán, profesor da Universidade de Navarra e co-autor do libro. Xunto a eles estiveron na mesa presidencial o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; o concelleiro Miguel Fernández; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e Manuel Pardines, irmán do homenaxeado.

5Xuñ 2018

José Antonio Pardines recibe o recoñecemento dos seus compañeiros e dos seus veciños na vila na que naceu

IMG_5833

Cincuenta anos despois do atentado terrorista que truncou a súa vida con só 25 anos de idade e que o converteu na primeira vítima de ETA, o garda civil José Antonio Pardines Arcay recibiu na nosa vila, que tamén era a súa, a homenaxe e o recoñecemento dos seus compañeiros do instituto armado e dos veciños e veciñas de Malpica. O seu irmán Manuel, ex-alcalde de Malpica, e a muller que o criou, a súa segunda nai, asistiron moi emocionados aos actos organizados pola Asociación Pro Garda Civil (APROGC), nos que tamén participaron o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

be32e5b0e10aabe6ce6efca935ade4ce_f21831

Despois dunha misa na igrexa de San Xulián e dunha ofrenda floral no cemiterio, a praza de Anselmo Villar Amigo foi escenario do acto central da xornada, o descubrimento dun monólito realizado pola Escola de Canteiros de Poio grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, que tamén estivo representada no acto. As carpas colocadas na praza quedaron pequenas, pero a choiva, que non cesou un segundo, non impediu que o pobo malpicán amosase a súa solidariedade.

O presidente da Asociación Pro Garda Civil, Fernando R. Trejo, abriu as intervencións agradecendo a presenza da familia de José Antonio Pardines e a colaboración tanto das deputacións de Pontevedra e A Coruña coma do Concello de Malpica, “marabillosa paraxe onde repousa o noso compañeiro José Antonio Pardines”. A APROG quixo, dalgún xeito, honrar tamén a todas as vítimas da barbarie terrorista. “Este magnífico monólito, esta obra exemplar, fará que a memoria de José Antonio Pardines sexa eterna coma a pedra de granito coa que foi construído. Hoxe –engadiu- colocamos 1.100 quilos de pedra que representan toneladas de sentimentos para homenaxear á primeira vítima de ETA”.

“Hoxe é un día para o recordo”, comezou o presidente da Deputación da Coruña. “Fronte aos que quixeron impor con pistolas as súas ideas, a unidade dos demócratas foi a clave fundamental para derrotar ao terrorismo en España. Despois de cinco décadas, gañou a democracia”, sostivo González Formoso, que apuntou que “o mellor que podemos facer polas vítimas é defender a verdade e transmitila ás novas xeracións para que aquelas páxinas negras da historia deste país non se terxivesen, non olviden e non volvan a repetirse nunca máis”, concluíu.

IMG_5798

Despois de facer un repaso ás vítimas que deixa o terrorismo de ETA no noso país, o alcalde de Malpica fixo un chamamento para nunca nos esquezamos das persoas que pagaron coa vida “a loita contra o odio e a barbarie”. Por iso, o Concello de Malpica púxose desde o primeiro momento a disposición da APROG para colaborar en todo o posible para a celebración desta merecida homenaxe. “Hoxe toca recoñecerlles e agradecerlles o intenso traballo realizado, a súa capacidade de coordinar os esforzos de diferentes institucións para rematar con este simbólico acto de lembranza dun mozo malpicán, que morreu asasinado por facer o seu traballo: defender a seguridade e a liberdade dos seus veciños”, rematou Eduardo Parga.

Próximos actos
Pero os actos de lembranza de José Antonio Pardines non rematan. Para mañá, día 6, ás 20.00 horas está prevista na Casa do Pescador a presentación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar.

Os actos do 50º aniversario do primeiro asasinato de ETA rematarán o domingo 10 de xuño con outra xornada de homenaxe organizada neste caso pola Comandancia da Garda Civil da Coruña. Comezará ás 12.00 horas cunha visita á exposición de fotografía sobre o atentado que estará aberta no Centro Cívico. Media hora máis tarde celebrarase un acto relixioso na igrexa de San Xulián, e para as 13.15 horas está programado un desfile militar e unha ofrenda floral na rúa Emilio González López e a praza Anselmo Villar Amigo.

4Xuñ 2018

O Concello de Malpica inviste máis de 64.000 euros na mellora de camiños municipais

04062018 camiños_damaso_ferreiro

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou o contrato correspondente ás obras de mellora de camiños municipais financiadas con cargo ao Plan Agader 2017-2018. No acto, que tivo lugar na Alcaldía, tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

O Concello investirá 64.010,38 euros no acondicionamento dos camiños da Petada, A Carballeira e Limiñoa. Os traballos serán executados pola empresa Construcciones Dámaso Ferreiro e Hijos SL. O prazo de execución será de 75 días naturais.

2Xuñ 2018

Malpica acollerá durante toda a semana actos de homenaxe ao garda civil José Antonio Pardines, primeira vítima de ETA

Fotograf’a de archivo del guardia civil JosŽ Pardines Arcay, primera v’ctima de ETA, asesinado en 1968, a quien el Consejo de Ministros ha concedido hoy, a t’tulo postumo, junto a otras veinte v’ctimas del terrorismo, la Gran Cruz de la Real Orden de Reconocimiento Civil. EFE/ARCHIVO

O 7 de xuño cumpriranse 50 anos do asasinato do garda civil José Antonio Pardines Arcay, primeira vítima da banda terrorista ETA. Coincidindo co aniversario, A Coruña e Malpica, a vila na que naceu e onde esta enterrado, acollerán durante toda a semana actos na súa honra.

Os primeiros, o luns 4 e o martes 5, están organizados pola Asociación Pro Guardia Civil (APROGC). O luns, ás 19.00 horas, o Auditorio A Fundación, no Cantón Grande da Coruña, será escenario da charla Pardines, principio e fin de ETA. 50 anos de loita pola liberdade, na que participarán José Antonio Vázquez Taín, xuíz; Florencio Domínguez Iribarren, director do Centro Memorial de las Víctimas del Terrorismo;bManuel Sánchez, coronel xefe da UCO da Garda Civil, e Gonzalo Araluce, xornalista.

O día 5 de xuño os actos trasladaranse a Malpica. Comezarán ás 11.00 horas cun oficio relixioso na igrexa de San Xulián. Ás 12, a APROGC realizará unha ofrenda floral na tumba de José Antonio Pardines, que tiña só 25 anos cando foi asasinado. A xornada rematará ás 13.00 horas coa inauguración dun monólito conmemorativo na praza de Anselmo Villar Amigo. O monumento foi elaborado pola Escola de Canteiros de Poio, que se suma deste xeito á homenaxe organizada pola APROG. Máis información, aquí.

libro

Con motivo deste aniversario, a Fundación Centro para la Memoria de las Víctimas del Terrorismo (FCMVT), adscrita ao Ministerio del Interior, en colaboración coa Xunta de Galicia, pon en marcha en Galicia diversas iniciativas en recordo da memoria de Pardines e para que sirvan de reflexión sobre o a actividade criminal de ETA. Entre esas iniciativas inclúese a publicación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar, que será presentado o 6 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Pescador de Malpica de Bergantiños.

Na presentación intervirán representantes da Xunta de Galicia, o Concello de Malpica, a familia de José Antonio Pardines; Gaizka Fernández Soldevilla, un dos coordinadores da obra e representante do Centro para la Memoria de las Víctimas del Terrorismo, e Javier Marrodán, profesor da Universidade de Navarra e un dos coautores do libro.

Desfile militar e ofrenda floral

Os actos do 50º aniversario en Malpica rematarán o domingo 10 de xuño con outra xornada de homenaxe organizada neste caso pola Garda Civil e a Subdelegación do Goberno. Comezará ás 12.00 horas cunha visita á exposición de fotografía sobre o atentado que estará aberta no Centro Cívico. Media hora máis tarde celebrarase un acto relixioso na igrexa de San Xulián, e para as 13.15 horas está programado un desfile militar e unha ofrenda floral na rúa Emilio González López e a praza Anselmo Villar Amigo.

2Xuñ 2018

A homenaxe deste domingo a Francisco Bernis converterá a Malpica na capital da ornitoloxía española

BERNIS NAS SISARGAS CARTEL

Neste mes de xuño cúmprense 70 anos da presenza do ornitólogo Fransico Bernis Madrazo nas illas Sisargas para realizar un estudo do estado das súas aves. Ese foi o motivo polo que o Concello de Malpica de Bergantiños quixo homenaxear unha figura fundamental da ornitoloxía española así como destacar o seu vínculo coas terras malpicás. Francisco Bernis foi o primeiro autor que publicou artigos en extensión sobre as aves nas Sisargas, textos que a posteriori foron e son citados aínda polas novas fornadas de ornitólogos.

Polo tanto, a vila de Malpica de Bergantiños converterase este domingo día 3 na capital da ornitoloxía española porque, ademais de realzar a figura dun dos fundadores de SEO/BirdLife, se contará coa presenza de dúas fillas deste doutor en Zooloxía, Cristina e Carmen Bernis, con Carlota Viada Sauleda, secretaria xeral da Sociedade Española de Ornitología SEO/BirdLife; Álvaro Barros López, biólogo e vocal da Sociedade Galega de Ornitoloxía; Antonio Sandoval Rey, escritor e divulgador ambiental; así como un importante elenco de persoas relacionadas co mundo das aves.

Os primeiros participantes comezaron a chegar na tarde de hoxe sábado e para a mañá do domingo está prevista unha visita guiada por tres enclaves turísticos básicos do concello de Malpica: Buño, Nariga e cabo Santo Hadrián.

Xa na tarde do comingo, ás cinco, no salón de actos da Casa do Pescador, presentarase o libro «Francisco Bernis, Las islas Sisargas en 1948. Dos visitas ornitológicas» publicado na colección Costa da Morte de Edicións Embora. A edición corre a cargo de Antonio Sandoval e Xosé Manuel Varela. Nel recuperan os dous artigos que Francisco Bernis publicou no Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural xunto cun manuscrito coas notas de campo nas Sisargas do propio Francisco Bernis.

Ademais dos editores, neste acto participarán Eduardo Parga Veiga, alcalde de Malpica de Bergantiños; Carlota Viada Sauleda, secretaria xeral da Sociedad Española de Ornitología SEO/BirdLife; Álvaro Barros López, vogal da Sociedade Galega de Ornitoloxía; e Carmen e Cristina Bernis Carro.

Esta xornada de aniversario pecharase coa entrega de agasallos institucionais conmemorativos á familia de Bernis, a editores e a institucións colaboradoras.

Página 2 de 212